España prohibirá o acceso a redes sociais a menores de 16 anos: “É absolutamente positivo e necesario”

O profesor de Psicoloxía da USC Antonio Rial cre que a medida é un "exercicio de responsabilidade" que precisa da implicación de familias e sistema educativo

O acceso a redes sociais estará prohibido en España para os menores de 16 anos. Así o anunciou este martes o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante unha intervención no World Governments Summit que se está a celebrar en Dubái. Esta medida obrigaría os xigantes tecnolóxicos a implementar sistemas efectivos para verificar a idade dos usuarios co obxectivo de crear unha contorna dixital máis segura, sobre todo para a infancia e a adolescencia.

“É absolutamente positivo e necesario, pero non suficiente. Hai que poñerlle coto á industria tecnolóxica, pero tamén hai que traballar coas familias, coa rapazada e co sistema educativo”, valora Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC) e autor dun dos informes máis exhaustivos sobre infancia e adolescencia na contorna dixital. O experto cre que este primeiro paso é un “exercicio de responsabilidade” que en ningún caso se debería interpretar como un condicionante das liberdades individuais, senón como unha oportunidade para protexer os menores. A este respecto indica que as sancións non recaerán sobre os usuarios, senón sobre as grandes tecnolóxicas que incumpran a lei.

Publicidade

Responsabilidade compartida

Rial Boubeta cre que é prudente esperar para analizar que medidas materializarán a prohibición, pero considera que é un primeiro paso esperanzador. Sobre todo, tendo en conta o impacto que Internet en xeral e as redes sociais en particular teñen en etapas clave da vida como a infancia e a adolescencia. “O acceso cada vez máis temperán, frecuente e intenso non é inocuo. Ten unha pegada moi importante na saúde, na convivencia, nos hábitos de vida e, en particular, na saúde mental”, advirte o psicólogo. Segundo o estudo publicado con UNICEF España, case o 80% do alumnado de quinto e sexto de primaria usa masivamente as redes sociais.

Ademais da responsabilidade das administracións, que se materializa hoxe coa medida anunciada por Sánchez, Rial Boubeta fai un chamamento aos pais e ás escolas: “Temos que tomar partido e acompañalos activamente. Estámolos deixando sós na contorna dixital a costa da súa saúde”. A este respecto, critica os adultos que soben fotos de menores a redes sociais polos riscos que supón para o futuro dos cativos. “Temos que poñer os cimentos. Se non, cando cheguen á adolescencia, que non é o momento de máximo autocontrol, non se van resistir ás redes”, alerta.

Publicidade

Factura mental

Entre o riscos dun uso frecuente e intensivo das redes sociais por parte dos menores, está o acceso á pornografía, pero tamén a unha longa lista de contidos ilícitos. “O perigo máis importante é que as redes sociais teñen unha capacidade moduladora brutal dos pensamentos, dos desexos, das emocións, da autoestima e do desenvolvemento persoal. Nesta etapa está todo en xogo; incluso o tipo de persoa na que se van converter”, apunta. De feito, relaciona algúns datos co uso intenso e frecuente de redes sociais durante a infancia e a adolescencia: un 10% dos menores teñen ideacións suicidas e entre un 6% e un 7% intentou suicidarse nalgún momento.

“O desamparo emocional que senten algúns nenos é brutal. Isto vén explicado en boa medida polas redes sociais, que minan a súa saúde mental. Refúxianse nunha contorna que amosa modelos nocivos”, sostén Rial Boubeta. Non obstante, sinala que non se debe demonizar o uso das redes sociais, dado que o dixital está integrado por completo na vida diaria de nenos, adolescentes e adultos. O que se precisan son máis normas e máis educación para saber como usalas e, así, reducir ao máximo os riscos derivados dun consumo intenso, masivo e frecuente.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

Un equipo da USC revela novas opcións terapéuticas do único fármaco contra a fibrose hepática

O descubrimento do CiMUS sobre o Resmetiron permitirá desenvolver terapias dirixidas especificamente contra esta enfermidade no futuro

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento