Celia, a asistente virtual creada en Galicia que coida as persoas maiores

Esta ferramenta de intelixencia artificial deseñada en atlanTTic combina o diálogo e o entretemento co control da saúde do usuario

A soidade non desexada é un mal que avanza de maneira especial entre o crecente colectivo de persoas maiores e que, en moitas ocasións, agrávase con problemas de saúde mental e con enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer e outras demencias. Que facer fronte a esta realidade? Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) creou Celia, unha asistente dixital que palia a soidade do usuario acompañándoo con conversación, xogos, recordatorios… á vez que detecta o inicio dunha posible deterioración cognitiva ou alerta de síntomas de enfermidades asociadas á soidade como a depresión ou a ansiedade.

En Galicia hai 702.630 persoas de máis de 65 anos, unha cantidade que chega aos 9,7 millóns no conxunto de España, segundo os datos actualizados do Instituto Nacional de Estatística (INE). Delas, unhas 126.000 viven soas na nosa comunidade e ata 2 millóns en todo o territorio español. Son cifras que falan da potencialidade de Celia para mellorar a existencia dos maiores: dos que están, dos que se achegan a idades avanzadas e dos que virán, nun país cunha esperanza de vida que roza os 81 anos, no caso dos homes e achégase aos 87 nas mulleres.

Publicidade

Detrás de Celia hai cinco anos de traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) de atlanTTic, que lidera Javier González Castaño, centrado na detección precoz de síntomas de enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer e a demencia e que derivou no primeiro asistente dixital que dá soporte emocional e asistencial-sanitario a quen o utiliza. Para que chegase a ser realidade traballouse fundamentalmente con procesamento da linguaxe natural.

“Dunha visión inicial orientada á detección precoz de enfermidades neurodexenerativas, e con tan só as primeiras interaccións, vimos claro que había un gran valor no asistente: a orientación á soidade non desexada. As persoas poden falar de calquera tema con Celia, e Celia tamén escoita o usuario” explica Pablo Campos Alonso, enxeñeiro, director do proxecto.

Toma a iniciativa

“Celia é un asistente que toma a iniciativa. Está orientada a dirixir a conversación co usuario”, subliña Campos Alonso, unha característica que a distingue doutros como Siri ou Alexa  que precisan dunha orde para actuar, o que resulta relevante dado que está pensada para persoas de idade avanzada con escaso manexo da tecnoloxía. Con todo, aclara, “se o usuario prefire dirixir, Celia adáptase e segue os pasos que marca o usuario na conversación”.

É Celia quen pregunta á persoa usuaria como se atopa, se quere xogar ás adiviñas ou facer un encrucillado, se quere que lle lea a prensa ou coñecer datos curiosos, proponlle tests de memoria e lémbralle citas médicas … e sempre escoita e responde. Foi deseñado para acompañar, conversar e entreter con empatía a persoas maiores mentres que monitoriza a saúde cognitiva dos usuarios a través da linguaxe e a voz.

Calquera persoa pode utilizar Celia de maneira gratuíta, tan só necesita unha tableta ou un móbil para acceder ben a través da web oficial www.celiatecuida.com ou agregando o contacto 655 64 14 45 ao teléfono para iniciar unha conversación de WhatsApp. Ata o momento Celia fala en español e inglés, aínda que o fará tamén en galego. Está deseñada no atlanTTic, un centro da Rede CIGUS, que conta co apoio do Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e da Fundación Barrié.

Non é un chatbot pechado, a intelixencia artificial orientada aos asistentes está en continua evolución e neste marco e Celia seguirá avanzando, aprendendo dos gustos e preferencias das persoas que teñen nela unha “amiga”. “Todo o relacionado coa memoria de Celia, que lembra, canto tempo o lembra e como interactuar con eses datos, forma parte de futuras evolucións que esperamos que cheguen pronto aos usuarios”, sinala Pablo Campos.

Por outra banda, está demostrado que a voz é unha ferramenta biométrica que permite monitorizar enfermidades neurolóxicas, emocionais e cardiorrespiratorias, polo que é previsible que no futuro se amplíe o número de enfermidades a controlar mediante a intelixencia artificial. Unha evolución á que se sumará Celia.

Unha das preocupacións dos creadores deste proxecto innovador de intelixencia artificial foi e é preservar a intimidade dos usuarios de Celia. A súa política de privacidade garante un tratamento dos datos baixo control.  “Desde o inicio traballouse coa premisa de protexer sempre os datos privados das persoas”, sinala o director do proxecto. Por exemplo, se falamos das alertas de saúde de Celia é sempre o usuario o que decide a quen teñen que chegar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tecnoloxía sen fíos para xestionar o lixo: unha aposta para mellorar a vida no rural

A investigadora do atlanTTic Isabel Expósito traballa no deseño de ferramentas que detecten o estado dos colectores co obxectivo de baleiralos só cando sexa necesario

A ciberseguridade do futuro chega a Galicia coa primeira comunicación cuántica na UVigo

Un equipo de atlanTTic crea a primeira canle de comunicación imposible de descifrar utilizando as propiedades da física cuántica

atlanTTic desenvolve un proxecto para afrontar os riscos dos sistemas de aprendizaxe federada

Os equipos liderados por Rebeca Díaz e Fernando Pérez combinan diferentes tecnoloxías para dar resposta a un dos maiores problemas da era dixital: a privacidade

“A soidade non desexada é unha auténtica pandemia”

A asistente virtual para maiores Celia, desenvolvida no centro atlanTTic, recibe o premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais