Sábado 7 Decembro 2024

Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Imaxina que estás esperando na cola da panadaría e, de fondo, con voz tenue e murmurada escoitas a alguén dicir o seguinte: O outro día fun recoller o millo á veiga e tropecei cun croio. Non lle das importancia e decides centrarte nos teus pensamentos para non inmiscuirte en conversacións alleas. O que non sabes é que esa frase aleatoria agocha séculos e séculos de historia. E non polo significado que lle queira dar o emisor, senón polas palabras que emprega para describir a súa situación. Veiga e croio son a herdanza léxica dos pobos prerromanos que habitaron Galicia moito antes de que alguén decidise chamala así. Estas palabras tan só son o punto de partida das múltiples influencias e innovacións lingüísticas que foron conformando o noso idioma dende a Idade Media ata hoxe. E aínda que non o creas, cando falas galego viaxas no tempo e lembras as palabras que lograron sobrevivir ao ocaso dos celtas, romanos, xermanos e árabes que un día chegaron ao que hoxe é Galicia.

Afondar na construción dun idioma non é doado porque o seu proceso de conformación é tan longo como complexo. Aínda que o galego actual parte do latín que trouxeron os romanos á Gallaecia, aquí xa vivían pobos que se expresaban coas súas propias linguas. “Cando falamos da influencia das linguas prerromanas sobre o latín temos que pensar en como o falaban aqueles individuos. Falárano de forma ocasional ou cotiá, transferían moitos dos seus trazos”, explica o filólogo Ramón Mariño, investigador na Universidade de Santiago (USC). Aínda que algunhas características morfolóxicas, fonéticas, sintácticas e léxicas destes idiomas prerreomanos foron desparecendo pola presión do latín, outras deixaron a súa pegada na lingua do imperio: ben porque o latín as fixo súas e as espallou ao longo do seu territorio; ou ben porque quedaron nun territorio restrinxido, como a Gallaecia, porque non había ningunha palabra latina que designase a mesma realidade.

Publicidade

Pero un dos eidos no que máis pegada romana conservamos, aínda en pleno século XXI, é a toponimia. “É un espazo bastante resistente ao cambio lingüístico. Por tanto, os nomes de lugares que contiñan un elemento lingüístico prelatino mantivéronse en moitas ocasións”, expón Mariño. Exemplifica a súa explicación coa palabra paramo ou páramo que é de orixe preromana e que a día de hoxe se segue a empregar para designar terreos ermos. “De orixe celta son todos os topónimos que conteñen o segmento -OBRE. Como Callobre, Sillobre, Barallobre… Con certeza, fan referencia a un recinto fortificado”, apunta o investigador da USC.

Da metrópole á periferia

Foro do Burgo de Castro Caldelas, datado no ano 1228 baixo o reinado de Afonso VIII.

Independentemente do léxico que legaron os pobos prerromanos, a base indiscutible do galego actual é o latín. Pero non é o mesmo latín que se falaba en Roma… nin moito menos.Gallaecia era unha periferia da periferia. Todo chegaba moito máis tarde, incluídas as propias innovacións lingüísticas”, salienta Mariño. Segundo continúa explicando, o latín galaico ten unhas características moi particulares porque algúns dos trazos que se desenvolveron na Gallaecia non se puideron transmitir a zonas interiores da península pola súa situación periférica. Unha destas características é a perda do N e do L entre vogais. É dicir, mentres que en latín a palabra sería BONUM, en galego evolucionou a “bo” e en castelán a “bueno”. O mesmo que ocorre co termo PALUM, que para os galegos é “pau” e para os castelánfalantes, “palo”.

Publicidade

Foron pasando os séculos, e o léxico das linguas prerromanas, a base latina e as innovacións lingüísticas tan particulares da Gallaecia foron conformando o que se acabaría convertendo nun idioma propio. Pénsase que arredor do século IX xa existían dúas linguas ben diferenciadas: o propio latín galaico e o galego-portugués. Porén, o seu paso á escrita aínda tardou en chegar. “O galego comeza a escribirse a finais do século XII, cando se rexistran as primeiras cantigas, e continúa escribríndose no século XIII”, indica Mariño. Dentro desta cronoloxía encaixa o ano 1228, do que data o Foro do Burgo de Castro Caldelas, redactado por mandato de Afonso VIII, e que constitúe o documento máis antigo escrito en galego no territorio actual de Galicia. “A primeira vez que se fala especificamente do galego medieval como lingua é nas Regras de Trovar, do catalán Jofre de Foixá, onde menciona os distintos idiomas nos que daquela se escribía poesía”, apunta. E entre eles, o galego-portugués.

De xermanos a árabes

Despois dos romanos chegaron outros pobos. E, de novo, introduciron modificacións na lingua que se estaba xestando. Os suevos chegaron á antiga Gallaecia no século V para construír o primeiro reino medieval de Occidente. Despois chegaron os visigodos, que compartían as raíces xermanas cos seus irmáns suevos. E algúns dos seus trazos lingüísticos deixaron pegada indeleble no que hoxe é o galego. “A influencia foi menos porque os xermanos que chegaron aquí foron oligarquías; pequenos grupos minoritarios en relación ao conxunto da poboación galaico-romana. Ademais, estas oligarquías viñan fortemente latinizadas”, afirma Mariño. Isto quere dicir que os suevos e os godos xa falaban latín pero con trazos xermánicos moi característicos. Por tanto, o que máis nos queda desta etapa histórica e, igual que cos prerromanos, o léxico.

No que respecta ás palabras xermanas que herdou o galego hai que distinguir as que son propias do noroeste peninsular. É o que sucede con laverca, que se adoita relacionar coa orixe sueva e tan só está presente en Galicia, parte de Asturias, o norte de Portugal e algunhas zonas de León e Zamora. “Hai outras palabras xermánicas que teñen unha extensión maior e que, polo tanto, penetraron antigamente no latín que os romanos levaron a moitos territorios”, sinala Mariño. É o caso da palabra guerra que, dende logo, procede dos xermanos, pero que é compartida pola infinidade de territorios nos que estivo presente o imperio romano. Máis que nada porque a forma latina de designar á guerra era BELUS. Nada que ver.

O seguinte paso na influencia lingüística sobre o galego que se estaba a formar foi a influencia dos árabes, menor aínda que a dos xermanos. Mariño matiza que os árabes que chegaron á península entre os séculos VII e VIII non procedían da península arábiga, senón do norte de África. Isto ten implicacións lingüísticas, dado que trouxeron con eles trazos propios dos idiomas que falaban. “Si que chegaron individuos que falaban árabe ou algunha lingua do norte de África, pero non tanto como ocorreu no centro e sur da península”, detalla o investigador da USC. A súa pegada máis destacada permanece hoxe en día na toponimia, con nomes como Rábade e A Mezquita.

E, finalmente, o castelán

Se houbo unha lingua que tivo unha forte influencia sobre o galego, esta é o castelán. Porén, a súa pegada foi moi posterior e moldeou o idioma co decorrer dos séculos, intensificándose a súa presión lingüística cando xa estaba ben entrado o século XX. “A influencia do castelán chegou tardiamente. Nos séculos XVI, XVII e XVIII non tiña a forza que ten hoxe en día pero foina gañando con fenómenos como o proceso de urbanización e a extensión da educación primaria, que realmente non chega ao 100% da poboación galega ata 1979″, di Mariño. É dicir, que malia que durante os Séculos Escuros o castelán era a lingua de prestixio e o galego estaba relegado á oralidade, o que feriu firmemente o galego foron outros fenómenos sociais, como a chegada dos medios de comunicación audiovisuais.

“O castelán tarda moito en chegar. Eu nacín nunha aldea de Noia e os recordos que teño da década de 1960 é que daquela oíase castelán pero o ambiente lingüístico era netamente galego”, lembra Mariño. Tamén era a época na que a televisión comezaba a introducirse paseniño nos fogares e aínda quedaban unhas décadas para que irrumpisen con forza inusitada as redes sociais. O que transmite Mariño é que, sen dúbida, o galego —e o resto de linguas— evoluciona constantemente a través dos seus falantes, pero cuns condicionantes políticos, sociais e económicos que ninguén pode obviar. Sexa como sexa, a historia do galego serve para viaxar no tempo e lembrar que a nosa é unha lingua viva e esperta, que sobreviviu e sobrevive a tantos obstáculos, tantas culturas e tantos idiomas que quedaron polo camiño.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Olho com a toponimia de orixe musulmana. A Mezquita, xa foi estudiada por Sarmiento, e mais recente por G. Navaza, que relacionan coa planta homónima. Mais loxico nom!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gorrións corren falcóns: irmandiños de Galicia

O historiador Carlos Barros fai un repaso polo masivo levantamento da primavera de 1467 e as súas consecuencias

Ghichar, fanado, pai-fillo-nai: as 400 palabras (e un cento de refráns) do galego de Vigo

Un libro do filólogo da UVigo Xosé-Henrique Costas defende os trazos propios do idioma na cidade máis castelanizada de Galicia

O estado do galego e Internet

A presenza do idioma é residual na web e atopa moitas barreiras, dende o seu emprego na publicidade ata nos motores de busca

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade