Xoves 25 Abril 2024

A sílicua de Requiario: cando Gallaecia acuñou a primeira moeda dun reino católico

A cuñaxe en Braga destas moedas polo Reino Suevo supón un fito histórico

No século V, Gallaecia converteuse no primeiro reino católico de Europa en cuñar moeda propia, á marxe de Roma. Trátase da siliqua de prata de Requiario, un rei que expandiu e consolidou o poder suevo sobre a península Ibérica durante o seu mandato de nove anos desde 448 a 456.

Xa o seu pai Requila fixera notables incursións pola Lusitania e a Bética desde a Gallaecia, que lle levaron a tomar Mérida, onde faleceu en 448 para traspasar o reino ao seu fillo Requiario, de quen sabemos que era católico, un feito moi significativo, porque se convertía así no primeiro reino bárbaro que abrazaba esta fe. Os francos aínda terían que esperar ao reinado de Clodoveo, a finais do século V, para que asumisen o credo niceno. E os visigodos mantivéronse firmes no arrianismo, que non abandonarían ata o reinado de Recaredo, a finais do século VI.

Publicidade

Que o Reino Suevo de Gallaecia fose católico nesta época foi decisivo para a convivencia coa poboación hispano-romana que estaba asentada historicamente no territorio e que compartía esta fe. Así que Requiario quixo cohesionar o territorio, confirmou o latín como lingua oficial do reino, fixou a sede rexia en Braga e mesmo alcanzou un acordo en 452 co emperador romano Valentiniano III, tras cuxa morte incumpriu, facendo incursións de depredación na Tarraconense e na Carthaginense.

A moeda de Requiario.

Requiario, cuxas tropas se pasearon por boa parte da península Ibérica, probablemente sentiuse poderoso e quixo lexitimarse. E é por esta razón pola que decidiu cuñar esas siliquas de prata na ceca de Braga, asumindo un privilexio que ata entón só tiñan os emperadores de Roma en exclusividade. Nesta moeda de prata, Requiario foi menos audaz no anverso, onde representou a efixie do emperador Honorio, aínda que o certo é que levaba moitos anos morto. En concreto, falecera facía xa tres décadas, pero é certo que transmitía unha imaxe de poderío, porque fora o fillo de Teodosio, o último emperador dunha Roma unida. Ademais, o suevo Hermerico firmara un pacto ou foedus con Honorio cando entrou na península Ibérica a comezos do século V.

Baixo o retrato de Honorio, figura o seu nome: “Honorius, 393-423”. Pero a audacia vén no reverso, onde se presenta a Requiario co seu nome como rei suevo: “IVSSV RECHIARI REGIS” ordenando a cuñaxe da moeda, o que constituía unha flagrante violación do privilexio imperial e un signo de autonomía sen precedentes. Ademais, aparece unha cruz rodeada dunha coroa e as letras B-R, que se identifican coa ceca de Braga.

Consérvanse apenas unas poucas siliquas de Requiario no mundo, tras ser achadas en escavacións arqueolóxicas en Braga ou no Porto. Unha delas consérvase no Museo Estatal de Berlín, en Alemaña, e outra está na Biblioteca Nacional de Francia. Son unhas pezas valiosísimas, porque a súa importancia numismática está asociada ao fito que supoñen na historia de Europa, xa que por primeira vez cuña moeda propia un reino bárbaro católico, á marxe do poder de Roma, mentres o seu rei preséntase como un ‘caesar’.

San Martiño Dumiense.

Estas siliquas de prata de Requiario estiveron na exposición ‘In tempore sueborum’ que organizou a Deputación de Ourense no ano 2017.

En canto ao rei Requiario, as súas ambicións víronse frustradas moi cedo, pois espertou os receos de Roma e dos visigodos que loitaban ao servizo do imperio como ‘foederati’ nos seus momentos finais. Así que Teodorico II entrou en Hispania e arrasou o reino suevo, vencendo na batalla de Astorga e obrigando a Requiario a fuxir ao Porto, onde finalmente sería capturado e morto en 456.

De feito, pouco despois comeza unha época máis escura do Reino Suevo da Gallaecia, porque unha fonte primordial como é o Chronicon de Hidacio, bispo de Chaves, remata a súa narración en 469 e as fontes desde entón deben ser rastrexadas en obras como o Parrochiale Suevorum ou na Historia Suevorum de Isidoro de Sevilla. Pero si sabemos que aquel reino viviu unha revitalización en décadas sucesivas, chegando a un punto de gran importancia por exemplo tras a chegada do panonio Martiño Dumiense e o seu segundo Concilio de Braga, de 572, no que a Gallaecia presumía nada menos que de trece sedes episcopais. Curiosamente, pouco despois, a derrota do rei Mirón fronte a Leovixildo levaría ao saqueo do reino suevo e mesmo a perda do seu tesouro rexio, un elemento de lexitimación crave nestas incipientes monarquías de orixe xermánica, que sempre acompañaba ao rei e que era administrado polo prestixioso comes thesaurorum dentro do Officium Palatinum.

Pero antes houbo un tempo en que un rei da Gallaecia soñou con ser un ‘Caesar’ e cuñou a súa propia moeda. Aquelas siliqua de Requiario que se converteron na primeira moeda dun reino católico en Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño

O portentoso despregue militar dos romanos: descobren otros sete campamentos en Galicia

O equipo Romanarmy achou os recintos a través da fotografía aérea e a tecnoloxía LiDAR, que escenea o territorio e filtra a vexetación