Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea

Vestixios da idade de Ferro, achados medievais que conxugan lenda e relixiosidade, ruínas dun lazareto que evocan medo á enfermidade, estruturas militares abandonadas hai dúas décadas que falan de exclusividade de uso… e todo nun territorio con apenas 28 hectáreas de superficie. A illa de Tambo, tan visible na ría de Pontevedra como ignota, segue escribindo o seu pasado, mentres tenta definir o seu futuro. 

Co fin de dar un paso cara adiante na reconstrución da súa historia está en marcha unha campaña arqueolóxica, que desenvolveu o traballo de campo entre os días 1 e 12 de decembro e que agora está rematando o estudo e catalogación dos achados atopados.

Publicidade

A campaña realizada pola empresa Tempos Arqueólogos, está promovida polo Concello de Poio xunto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, e da continuidade a unha primeira intervención no alto de San Fagundo, realizada en decembro do 2023, na que unha roza manual da vexetación de chaira na zona documentou varias estruturas construtivas medievais e espazos defensivos relacionados co castro da Illa de Tambo.

“Queremos acreditar e valorar as distintas ocupacións de Tambo ao longo da historia”, explica Iria López Viéitez Valencia, quen ao fronte de cinco arqueólogos, dirixe a campaña de escavación no illote que custodia o fondo da ría pontevedresa.

Publicidade

Que agocha o illote?

Os traballos comezaron cunha prospección intensiva de toda a illa co fin de constatar calquera indicio de ocupación do territorio, que deu paso, nunha segunda fase, á realización de cinco sondaxes arqueolóxicas, cuxos achados están sendo avaliados, explica a arqueóloga e técnico de Patrimonio Cultural, Iria López Viéitez. Os achados e as conclusións obtidas servirán de base para a creación de material divulgativo e/ou educativo, apunta a directora do proxecto.

As sondaxes levaron ao equipo de arqueólogos a traballar preto da praia Area da Illa nas ruínas do lazareto e de varias estruturas militares da Armada abandonadas entrado o século XXI, arredor da fonte de San Miguel e no alto do illote. Segundo o caso, tomaron mostras e analizaron estruturas construtivas, atoparon evidencias de presencia humana e épocas pouco documentadas  —das etapas prehistórica e romana— e profundaron na historia medieval da illa con novos achados.

Imaxe da escavación na illa de Tambo. Foto: Iria López Viéitez
Imaxe da escavación na illa de Tambo. Foto: Iria López Viéitez

Na sondaxe realizada no xacemento da Area da Illa e contorna foron localizados “restos de carbón que poderían corresponderse cunha fogueira ou posible fogar de cronoloxía prehistórica”, explica Iria López. Pola súa banda, nas sondaxes realizadas preto da fonte de San Miguel e no alto da illa atopáronse achados vencellados ao pasado medieval de Tambo.  Ao carón da fonte saíron á luz varias inscricións da época de signo relixioso, como unha cruz bifurcada, mais tamén materiais de cronoloxía romana, que están sendo analizados.

De estruturas relixiosas a un lazareto

Na parte elevada da illa afondouse no estudo das estruturas construtivas documentadas na intervención de 2023, que poderían corresponder a capela e o complexo ermitán de orixe atribuída a San Frutuoso —que segundo a lenda chegou a Tambo camiñando sobre as augas— no século VII e que tamén fundou o mosteiro de San Xoán de Poio. Todo este complexo foi derrubado avanzado o século XVI polas tropas do corsario Francis Drake

Ademais cerca destas estruturas relixiosas documentáronse novos materiais localizados no castro da illa “que poderían datar da Idade de Ferro”,  sinala Iria López Viéitez. Materias que sumarían probas á existencia dun asentamento castrexo en Tambo.

Inscrición de signo relixioso da illa de Tambo. Foto: Iria López Viéitez
Inscrición de signo relixioso da illa de Tambo. Foto: Iria López Viéitez

E na mesma zona avaliáronse tamén distintas inscricións en pedra contemporáneas, como a estrela de 5 puntas mandada gravar por Eugenio Montero Ríos para marcar a división da illa, cando era ministro de Xustiza (1892-93). 

Sen deixar de lado a historia contemporánea, escavaron nas ruínas do lazareto de Tambo para saber máis da estrutura e construción desta instalación levantada en 1865 para que os mariñeiros chegados ao porto de Marín e sospeitosos de estar ter algunha enfermidade contaxiosa, pasasen a corentena. Non pasaran quince anos e, a causa das protestas sociais e a súa escasa rendibilidade, o lazareto foi pechado e trasladado á illa de San Simón, na ría de Vigo.

O debate sobre Tambo

O percorrido histórico das sondaxes pola illa rematou coa análise das estruturas militares ao servizo da Escola Naval de Marín (como unha polvoreira ou a base dun destacamento) desde a súa creación en 1943 ata o ano 2002, cando a illa deixou de ser enclave estratéxico para a Armada e foron abandonadas.

Houbo, entón, unha mobilización social reclamando a súa cesión á Xunta de Galicia para incorporala ó Parque nacional das Illas Atlánticas —unha pretensión non atendida e finalmente rexeitada por non cumprir as esixencias de calidade ambiental requirida— ou cando menos a devolución do territorio ao Concello de Poio, a cuxa demarcación pertence.

Malia seguir mantendo a titularidade, o Ministerio de Defensa fixo unha cesión demanial da illa de Tambo a favor do Concello de Poio. Hoxe en día pode visitarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa

O achado de estribos de cabalo achega novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento das Torres

A campaña arqueolóxica en Tomiño revela varios elementos metálicos de carácter militar e permite avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo

Do túmulo neolítico de Chousa Vella á foxa medieval de Fontenla: un proxecto afina o pasado arqueolóxico de Galicia

Unha investigación da Xunta de Galicia e o Incipit analiza 33 mostras para determinar a súa antigüidade a través da proba do carbono 14