Descuberta na illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia

A planta está documentada noutros puntos da península ibérica, como Asturias e a zona mediterránea, e nos arquipélagos de Azores e Canarias

Rhynchostegiella tenella. Ese é o nome científico dunha especie de musgo que acaba de ser documentada por primeira vez en Galicia. Foi o botánico José Luis Caamaño quen a identificou na illa de Tambo, situada na ría de Pontevedra. Máis en detalle, trátase dun “musgo diminuto” con pólas de ata 3 milímetros e follas de ata 0,8 milímetros. “Forma tapices en lugares sombrizos e húmidos, como un veo de apariencia fantasmagórica en rochas ou paredes”, explican dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega); a entidade que promoveu en 2023 a elaboración dun inventario botánico da illa.

Ata o momento, Rhynchostegiella tenella nunca se identificara en Galicia. O lugar máis próximo é Asturias. Dentro da península ibérica tamén está presente na zona mediterránea e en Portugal continental, onde a observación máis próxima a Galicia é en Fátima, no Distrito de Santarem, situado no centro do país luso. No que respecta ás illas atlánticas, esta especie de musgo xa está documentada nos Azores e nas illas Canarias.

Publicidade

Un inventario con máis de 200 especies

A descuberta realizada por Caamaño, tamén enxeñeiro industrial, entra dentro do labor de exploración da fauna briolóxica de Galicia, con especial interese nas illas. De feito, el tamén participou na elaboración do Inventario Botánico da Illa de Tambo. Este documento promovido por Adega contribuíu a aumentar o número de especies coñecidas ata as 237. O proxecto tamén se centrou nas especies invasoras xa detectadas nos distintos sectores da illa.

Segundo trasladan dende Adega, “esta nova descuberta incide na necesidade de exploración da biodiversidade de Galicia. Tamén, na necesaria conservación das áreas de maior interese, especialmente as ameazadas pola expansión do eucalipto”. A asociación ecoloxista tamén pon o foco “na urxencia en protexer a illa de Tambo e a súa contorna, obxecto dunha proposta de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) pendente de se aprobar polo Concello de Poio e a Xunta”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas

A tala de piñeiros pon en “grave risco” un conxunto de petróglifos en Outeiro de Rei

Dúas asociacións alertan de que a corta de árbores na parroquia de Parada se está a realizar sen medidas de protección patrimonial

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea

Cada vez hai máis xabarís en Galicia: estas son as causas e a súa relación coa peste porcina

Factores como a perda de depredadores e a actividade humana impulsa a sobrepoboación da especie e aumenta o risco sanitario para a produción galega