A illa de Tambo, situada na ría de Pontevedra, acusa unha forte presenza de eucalipto e acacia. De feito, a súa visión ao lonxe demostra que está completamente cuberta de vexetación. É un espazo con gran interese botánico pola cantidade de especies que habitan a illa. Neste contexto, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), xunto cun equipo de botánicos, realizou neste 2023 un estudo da riqueza florística da illa de Tambo. As conclusións demostran que nas áreas de maior biodiversidade da illa hai unha menor presenza de eucalipto.
Os resultados preliminares indican que a illa de Tambo é unha zona de alta biodiversidade no que atinxe ás plantas vasculares. Os 0,29 km2 da illa representan a cen milésima parte do territorio galego que conta cun total de 29.000 Km2. A pesar do seu pequeno tamaño, na illa de Tambo medran o 10% de todas as especies de plantas vasculares de Galicia, onde hai un total de 2.391 especies e na illa rexistráronse 237, é dicir, o 9,8%. “Este feito reflicte que Tambo é un lugar especialmente indicado para ser orientado á conservación da natureza, xa que reúne unha alta biodiversidade nun pequeno territorio que é o factor máis importante que se busca nun espazo protexido“, din dende Adega.
Outras conclusións do estudo indican que nas áreas de maior biodiversidade da illa hai unha menor presenza de eucalipto. É nas zonas libres de Eucalyptus globulus onde atopamos a maioría da biodiversidade mentres que onde medra esta especie convértese en dominante, polo que a biodiversidade vexetal é menor. Tamén se recolle no inventario a presenza de 22 especies de plantas invasoras e a sua abundancia nas diversas partes da illa, que se dividiu en oito áreas, para facilitar a súa posterior localización. O estudo amosou outros interesantes datos sobre as especies presentes na illa que serán facilitados cando se procese a información e se confirmen os novos resultados.
Listado preliminar
Adega entregou ao Concello de Poio un listado preliminar das especies de plantas que medran na illa e vai solicitar a presentación dos resultados deste estudo na Comisión de Seguimento da illa de Tambo. Estes datos sobre a biodiversidade botánica avalan a proposta de creación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para o enclave. Segundo expón Adega: “Entran en contradición co documento chamado ‘Plan de Usos e Conservación da Illa de Tambo’, que é ademais incoherente coa Memoria de ENIL”.
O traballo foi realizado coa colaboración do Concello de Poio, que facilitou o desprazamento á illa. O estudo foi comandado por Martiño-Fiz López Lindoso, biólogo ambiental, coa coautoria de Javier Calvo, enxeñeiro forestal, e Pablo Rodeiro, investigador-colaborador no departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC). No estudo participaron persoas da comunidade científica de recoñecido prestixio como Javier Amigo e Maria Inmaculada Romero Buján, profesores da USC, e outros especialistas en musgos e liques, que realizaron diversos achados que incrementan o coñecemento das especies coñecidas para a illa de Tambo. Este equipo vén de aumentar en 123 especies as que xa se coñecían de antes da investigación (114 especies estaba rexistradas), aumentando o rexistro de vexetación autóctona máis do 107%.