A lagoa de Baldaio, un dos tesouros ecolóxicos máis singulares do municipio de Carballo, na Coruña, loita hoxe por manter o seu pulso natural fronte a un océano cambiante e a unha pegada humana que ameaza con desestabilizar o seu ecosistema. Trátase dunha acumulación de auga salobre —aquela que ten na súa composición certo nivel de sal— que alterna a conexión directa e o illamento absoluto fronte ao océano.
O biólogo e delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural Xan Silvar explica que este fenómeno é o resultado dunha dinámica natural: “O mar pecha e abre a barreira por circunstancias oceanográficas”. O investigador do centro singular CRETUS Xosé Lois Otero concorda con esta visión: “É unha tendencia natural que depende da forza da auga continental ou das tormentas, e que permite romper a barreira”.
A orixe da lagoa está, en esencia, nas correntes atmosféricas e hídricas. A partir do século XIX e durante o século XX, a acción humana alterou o equilibrio natural do espazo a través de infraestruturas pesqueiras, modificacións costeiras e unha extracción masiva de area. Estas intervencións debilitaron a barra dunal e modificaron as correntes; en consecuencia, o ecosistema volveuse vulnerable ante os temporais. “Sen humanos, este proceso de alternancia natural manteríase”, engade Silvar.
Unha situación reincidente
Nas últimas décadas, o contexto ambiental non deu tregua. Galicia, e en concreto as súas costas, mantén na súa memoria o 13 de novembro de 2002: naquel momento, o Prestige tinguiu de negro as augas da comunidade. Un dos efectos destre desastre medioambiental foi a necesidade de protexer a lagoa de Baldaio cun peche manual do espazo. O naturalista e antigo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural Xosé Manuel Penas Patiño explica que os movementos que illan a lagoa do océano no presente son naturais, pero que, naquel momento, había que separalos artificialmente: “En 2002 pechouse a lagoa con pedras e area”.
“Dende que autorizaron a alteración do vaso do sistema, foi un desastre para a dinámica da lagoa. Non retiraron boa parte dos obstáculos físicos que se puxeron no seu día, e iso condiciona moito o sistema”, apunta Silvar.
Baldaio recibiu novos golpes climáticos durante as décadas que seguiron. En 2019, a borrasca Cecilia rompeu a duna de forma definitiva: a area foi arrastrada á lagoa e, en consecuencia, o seu ecosistema interno, así como a propia contorna da masa de auga, entrou nun periodo de desestabilización crítico para as formas de vida que convivían nese hábitat. A continuación, as autoridades necesitarían realizar dragaxes e intervencións mecánicas para reabrir a canle.
O impacto sobre a vida mariña e o marisqueo
Xosé Manuel Penas Patiño explica que a evolución do relevo de Baldaio implicou un importante cambio para a biodiversidade da zona: “Desmontouse naturalmente gran parte da duna, e esa area foi á lagoa, á marisma”. Sinala que este cambio na composición do sistema impulsou unha elevada mortalidade de navallas e outros invertebrados, entre eles os berberechos.
Ao non haber intercambio de auga, non chegan novos nutrientes e vese afectado o nivel do sal. “Ademais, a marisma tamén recibe aportes continuos, diarios, de augas ‘residuais’. Hai unha comunidade de propietarios e hosteleiros que xeran refugallos domésticos; iso chega á auga e ten repercusións”, fai notar Penas Patiño.
Estes cambios na vida mariña afectan, por suposto, a actividade pesqueira. Xan Silvar asegura que se modifican drasticamente as condicións de marisqueo. Así e todo, Xosé Manuel Penas Patiño puntualiza que, aínda que nun pasado tivera certa abundancia (sobre todo na parroquia de Lema, como indica o naturalista), é agora unha actividade residual.
Otero explica que, orixinalmente, o peche natural da lagoa servía para reter o produto e favorecer as capturas por parte das mariscadoras. Silvar presenta un debate sobre o punto de vista dende o que se miden os danos e o impacto que ten nos organismos mariños a constante conexión e desconexión co océano: “Temos que diferenciar entre o punto de vista antropocéntrico e o biolóxico. Dende a perspectiva da biodiversidade, un sistema que abre e pecha vai ser máis diverso que un que estea sempre pechado”. O investigador Xosé Lois Otero confirma que, malia tratarse a alternancia dun proceso natural, o impacto pode percibirse se se limita o fluxo mareal cunha comporta artificial, en favor, indica, duns beneficios económicos por parte do sector marisqueiro.
As aves, outro factor da ecuación
Xosé Lois Otero explica que, en marea baixa, a lagoa queda case completamente exonerada de auga e, así, vólvese unha planicie de marea: “A súa importancia é que nela se alimentan moitas aves, sobre todo de miñocas. Isto é especialmente relevante nas épocas migratorias, no outono e a primavera”. No verán, sen auga morrían os bialvos, polo que se pechaba a lagoa artificialmente para permitir a actividade das mariscadoras. “Os ecoloxistas queixáronse porque as aves non tiñan onde comer. Ese é o conflito”, explica Otero.
Trátase, así mesmo, dun espazo protexido pola Rede Natura 2000, catalogado como ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), fogar da píllara das dunas e de especies botánicas en perigo como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica.
O turismo, unha ameaza crecente
Xosé Manuel Penas indica que o turismo é unha das grandes problemáticas ás que se enfronta Baldaio na actualidade. “Os concellos de Galicia están recollendo algas para que as praias parezan ‘limpas’. Pero estas daban protección e alimento a invertebrados dos que logo se nutrirían unha serie de aves”, explica Penas, que lamenta o impacto destas actuacións na cadea natural da lagoa.
Tamén indica que o movemento dunha masa inxente de turistas, vehículos e mascotas provoca ruído, pisadas, vibracións… que chegan á marisma: “Antes o areal non tiña importancia turística; xuntábanse as familias de Baldaio en época estival e algunha máis, pero agora pasamos de que non houbera ninguén que interferira a que, na situación actual, haxa xente todo o ano.”
Pon o foco no perigo que isto pode resultar para as píllaras das dunas, unha ave protexida. “A píllara pon os ovos na area, ten unha capacidade grande de mimetismo”, indica, e alude ao perigo que supón a presenza de turistas ou mascotas, aínda coa existencia de carteis que avisan da situación.
A problemática actual: como actuar ante isto
Ante esta situación, os membros da Sociedade Galega de Historia Natural ven a clara necesidade de adoptar medidas para previr danos no ecosistema da lagoa. Silvar considera que se requiren estudos sobre o solo: “Hai que facer catas para ver onde estaban os solos lamacentos de orixe”. Penas valora que o maior problema para a lagoa son as malas prácticas de quen visita a praia; así, avoga por revisar o modelo actual a fin de crear unha maior sensibilidade ambiental.














