Os danos ambientais causados pola catástrofe do Prestige no litoral da península ibérica tardaron anos en repararse. E nalgúns casos, o impacto do chapapote e as posteriores tarefas de limpeza, nas que participaron miles de persoas voluntarias por toda a costa, segue a notarse en espazos protexidos como é o Parque Nacional das Illas Atlánticas (PNIA). A dirección do parque encargou ás investigadoras María José Sánchez Bierna e Josefa Álvarez Andrés, doutoras en Bioloxía pola USC, un seguimento da recuperación dos liques despois da vertedura do petroleiro, a finais de 2002 e comezos de 2003. Desde novembro de 2004, cando se iniciou o seguimento, as investigadoras recolleron a información en diversas localizacións do parque.
O traballo, segundo expón o director do PNIA, José Antonio Fernández Bouzas, ten un interese importante porque é “a primeira vez que se fai un estudo a nivel mundial sobre rexeneración de liques en zonas tratadas previamente con biorremediación“. Esta técnica de limpeza, xunto co uso da auga a presión e a retirada manual do fuel, foi un dos métodos usados durante a marea negra para sacar o petróleo das zonas de costa. Do mesmo xeito, destácase a escasa presenza de estudos que analicen o impacto do fuel en liques despois da limpeza.
Os datos recollidos durante e inmediatamente despois da marea negra reflectían ata un 90% de perda de superficie de liques, debido tanto á propia contaminación como á limpeza posterior. Nos cinturóns de liques máis próximos ao mar, a perda chegou ao 100% en moitas zonas da costa galega, e tamén no Parque Nacional.
Para analizar esta flora, a investigación estableceu tres franxas: a litoral, que se ve cuberta pola auga nas mareas altas, con especies de cor negro, marrón ou verde (como Lichina pygmaea, L. confinis y muchas especies de Verrucaria); a supralitoral, baixo a influencia do mar en zona de salpicaduras ou salseiro (Anaptychia runcinata Ramalina cuspidata, R. siliquosa e Xanthoria parietina); e terrestre, onde dominan especies afastadas da influencia mariña.

Entre outros datos, a investigación conclúe que pasados máis de 15 anos desde a vertedura, aínda non se recuperou a colonización dos liques en varios dos puntos estudados nas Illas Atlánticas. As investigadoras analizaron as illas de Ons, Sálvora e a norte de Cíes, e constataron que, se ben o fuel desapareceu “case totalmente” de todos os transectos estudados, a biodiversidade de liques aínda é menor ca antes da marea negra.
“O crecemento de especies de Verrucaria confirmouse claramente en 2017, 15 anos despois da vertedura, nos transectos de hidrolimpeza”, expoñen as autoras. Porén, “nos transectos de biorremediación, a recolonización é moito máis lenta, ou simplemente non a hai”. No caso doutas especies, como as Caloplaca, despois de anos de crecemento variable segue habendo diminucións en zonas, como Sálvora, onde se realizou hidrolimpeza.
Neste último caso, as autoras apuntan: “Cremos que esta perda de cobertura pode deberse á fraxilidade da superficie da rocha pola forte erosión exercida na hidrolimpieza”, unha situación que ” deixaría pequenos gránulos de area case solta na superficie das rochas, que co vento, a choiva e a auga do mar, puidéronse ir desprendendo, levándose consigo, os pequenos talos de Caloplaca que crecían sobre elas. Por tanto, nesta última mostraxe, a pesar da recuperación destas especies, é pronto para definir a altura da mesma”.
Por outra banda, o impacto da biorremediación é patente nunha zona de Ons, “o transecto onde máis dificultades hai para acotar as franxas liquénicas e aínda hai poucos liques”, expón o traballo.
A deducción das investigadoras, “aínda que non se pode confirmar con rotundidade”, é que “parece mellor facer unha hidrolimpeza -sempre que sexa controlada por especialistas en liques, aclaran- ca unha biorremediación, xa que no primeiro caso, facilitaríase a recolonización unha vez terminados os traballos de limpeza e no segundo caso, habería que esperar a que o chapapote comece a desaparecer para que se inicie a recolonización”.