Nada máis chegar ás Cíes, entre as illas de Faro e Monteagudo, atopamos un paraíso para a fauna mariña. A Lagoa dos Nenos é un ecosistema marítimo singular, unha lagoa costeira protexida como hábitat prioritario. Con todo, o problema é o seguinte: a colmatación pola area. “A duna vai medrando e enche de area a lagoa”, sinala José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Por iso, dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica—Costas do Estado actívase unha licitación dentro da Estratexia de Conservación de Humedais para levar a cabo obras sobre o mal estado do dique, que leva en pé dende os anos corenta. Este proxecto leva en marcha dende o ano 2005.
“A lagoa está a funcionar perfectamente”, matiza Fernández Bouzas. Trátase dun acuario natural conectado de forma permanente coas augas oceánicas e, de maneira esporádica, coas das rías, un fenómeno pouco habitual nos sistemas galegos coñecidos como praia-barreira-lagoon. Neste sentido, Irene Alejo, xeóloga da Universidade de Vigo e investigadora implicada no estudo desta lagoa, destaca o seu carácter excepcional: “É un ecosistema moi peculiar porque está orientado cara ao interior, ao contrario do que ocorre en enclaves como Corrubedo”. O habitual é que tanto a duna como a praia miren cara ao Atlántico, pero aquí non sucede así: “É único pola súa formación, polas fallas e pola xeoloxía, ademais da propia configuración das illas”. Pablo Ramil, experto en botánica, engade que “as lagoas costeiras son moi escasas en toda a franxa atlántica”.
A orixe da Lagoa dos Nenos remóntase a hai 6.000 anos, cando o nivel do mar comezou a subir trala última glaciación. As ondas e as correntes conformaron a barreira de area actual e, no interior, acumulouse auga doce, formando unha lagoa. “O ascenso do nivel do mar fixo que, polo oeste, se establecese unha comunicación permanente co océano”, explica Alejo. Na actualidade, a colmatación reduciu notablemente a lámina de auga, o que provoca un aumento da temperatura. “Hai menos profundidade, entra menos auga e a temperatura é moito máis alta”, sinala Fernández Bouzas. A solución pasa por unha recuperación progresiva do dique que mellore a circulación da auga e facilite tanto a entrada como, sobre todo, a saída dos sedimentos.
O dique e a colmatación
Segundo explica Alejo, a construción do dique —pensada para facilitar a actividade no parque— limitou en 1956 a entrada de auga mariña á lagoa. A conexión natural producíase polo extremo sur da praia, pero as obras reduciron ese espazo. “A hidrodinámica diminuíu: ao sur da barreira de Rodas pechou e comezou a colmatar”, indica. Ese canal deixou de funcionar e hoxe a comunicación prodúcese pola marxe norte. Porén, os temporais modifican a topografía e favorecen a entrada de sedimentos. “A evolución natural dun sistema así é colmatar, pero de forma máis lenta; o problema nas Cíes é o exceso de sedimento”, subliña a xeóloga.
125.000 anos de historia
As investigacións de Irene Alejo e Susana Costas, desenvolvidas no marco dunha tese de doutoramento, permitiron reconstruír a evolución da lagoa ao longo de 125.000 anos. “Os sedimentos contan toda a historia da costa”, explica. Hai miles de anos, a lagoa era salgada e situábase varios metros por enriba do nivel do mar. Posteriormente, hai uns 25.000 anos, o nivel descendeu e transformouse nun sistema de auga doce. Na contorna aínda se conservan praias fósiles con sedimentos do último interglaciar, como cantos de cuarzo moi redondeados, resultado do transporte eólico.
Un acuario natural
A Lagoa dos Nenos é un dos grandes tesouros naturais das Cíes. Entre a fauna máis visible destacan aves acuáticas como a gaivota de patas amarelas (Larus michahellis), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) ou a garza cincenta (Ardea cinerea). Ademais, a maior temperatura da auga dentro da lagoa favorece a presenza de especies como douradas, muxos, robalizas, maragotas, chocos, congros, cangrexos ou polbos.
A biodiversidade distribúese en función da profundidade: nas zonas máis fondas concéntrase a maior variedade de especies, mentres que nas áreas máis superficiais é menor. “A vida está nas augas máis frías”, resume Fernández Bouzas. Porén, a colmatación fai que moitos peixes queden atrapados entre o dique e o predique, unha zona que se converte nun deserto areoso.
A desaparición da zostera
A zostera —tanto mariña como noltii— é unha planta clave para a estabilidade dos ecosistemas costeiros. Porén, a partir de 2003 deixou de detectarse na lagoa. “A súa presenza está directamente relacionada con numerosos organismos e especies de peixes”, explica Alejo, motivo polo que a dirección do propio Parque Nacional estaba interesada en mellorar as condicións para poder rexenerar o ecosistema e volvela implantar. O aumento da temperatura poderían estar detrás da súa desaparición, aínda que Pablo Ramil engade a modificación do nivel do mar como outra das causas. Ao mesmo tempo, proliferan algas verdes que “entran pero non saen”, contribuíndo á acumulación de sedimentos tras a súa descomposición.
Como serán as obras?
Os responsables do Parque Nacional das Illas Atlánticas piden consello a xeólogos e biólogos de cara ás obras no dique. Entre os principais retos, dende o punto de vista científico, está a mellora da infraestrutura, aumentando a comunicación coa lagoa e permitindo que o sedimento saia. “Proponse un dique con maior apertura na parte inferior, pero controlada, sobre todo cunha redución da apertura durante os temporais”, sinala. O proxecto “non será faraónico”, tal como explica o director do Parque Nacional, senón que respectará o existente, en sintonía co medio natural.
Unha das cuestións principais que se producen ao anunciar obras en contornas ambientais é o posible impacto na biodiversidade da Lagoa dos Nenos. Pero, neste caso, “non é construír, é reparar o que xa está”, comenta o director. Así, explica que o único que pode acontecer é que, se non se levan a cabo estas obras, cambie o hábitat. O principal resultado debe ser, como indica Irene Alejo, “aumentar o dinamismo“.
Con todo, aínda haberá que esperar ao inicio destas obras xa que, polo de agora, o proxecto está en exposición pública. Coas diferentes alternativas, o MITECO decidirá cando sacalo a concurso público e comezar a aplicar as necesidades do dique. “Non podemos negar o acceso ao público, polo que haberá que compaxinar”, explica José Antonio Fernández, xa que os horarios das obras tamén serán un quebracabezas no momento de pór en marcha o proxecto. Así, sen nada en claro aínda, afirma que haberá que traballar máis durante o inverno e, no verán, na madrugada. “Haberá que seguir buscando solucións para que a xente poda seguir disfrutando das Cíes e seguir traballando no dique”, conclúe.
















Das dúas fotografías aéreas, a da esquerda non corresponde a o Voo americano B 1956-1957 senón a outra moi posterior. Destacoume que está en cor, cando as do voo americano son en branco e negro. Compareina coas da fototeca do voo americano e, efectivamente non se corresponde.