Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
A chegada do verán trae consigo cantidades inxentes de turistas a Galicia, e dígoo eu como habitante dunha pequena vila costeira que se enche na época estival. É un fito que non é sostible nin a curto nin a longo prazo: non se pode conducir polas estradas nin aparcar para ir ao supermercado. Pero a cousa non queda aí, senón que moitos dos alquileres da zona bótanche nos meses de xullo e agosto para poder alugalos a prezos desorbitados. Así está a cousa pola praia. Con todo, isto tamén podería ocorrer no interior: por iso, son moitos os usuarios celebran o rexeitamento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Este é un dos temas da semana en Galicia (pero non o único referido a patrimonio). Un informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), órgano asesor da Unesco, sinala que “non debería ser inscrita” porque a documentación presentada polo Goberno galego e o central non acredita de maneira suficiente un Valor Universal Excepcional para a súa inclusión. Nesta peza reunimos os cinco motivos polos cales se tumba a proposta: non é unha paisaxe acuática representativa, a incerteza demográfica da zona e as dez centrais hidroeléctrica que a blindan son algunhas delas.
Con todo, a pesar de coñecer a parte positiva, que é o negativo deste recoñecemento? “Non concibo ese remanso de paz masacrado de coches e autobuses, tendo que sacar entrada para desfrutala”, sinala un dos nosos seguidores na publicación de Instagram que fixemos para facernos eco da noticia. E é que, sen moderación e mirándoo como mera atracción turística (e non como a paisaxe que quita o alento que é), podería significar un encarecemento da vivenda, menor peso das actividades tradicionais e que o turismo exerza presión sobre as actividades agrícolas e vitivinícolas que caracterizan esta área.
Neste sentido, ábrese tamén un novo debate: as taxas turísticas. Por exemplo, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) considera viable pagar ata 3,3 euros para visitar as Cíes. Poderíades pensar que é un dato da propia institución, pero non: procede dunha enquisa feita aos propios visitantesdo Parque Nacional e publicada na revista Conservation Science and Practice. E é que para coñecer lugares así de impresionantes, a min tampouco me importa pagar para favorecer a súa conservación.
Outro caso salientable esta semana foi investigado pola miña compañeira Noelia. Chegounos información dunha veciña de Ribeira de que o pasado sábado, unha escavadora foi vista na praia do Róbalo, en Aguiño. A máquina estaba a mover area e destruíndo a vexetación do sistema dunar de interese europeo, onde aniña a píllara das dunas, unha especie protexida que está en época de reprodución. A miña pregunta é a seguinte: que quererán construír aí para facer esta desfeita? Agora, as dunas xa desapareceron. Adega denunciou estas actuacións. Podedes ler toda a información nesta ligazón.
Ben, ata agora falamos de patrimonio natural, pero agora imos cos bens inmobles. Se botamos a vista atrás, podemos recuperar o gran meme galego de abril: o atentado arquitectónico —cualificado por min— dos canos metálicos que atravesan ás gárgolas do Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Case dous meses despois, o arquitecto Fernando Cobos (responsable da restauración) enfróntase á prensa e xustifica que o seu proxecto é a solución máis eficaz para canalizar as augas e que, ademais, son propostas recollidas xa en 1561. Ata aí, respectable (creo). Pero na rolda de prensa posterior á súa conferencia, lanzou perlas como esta que recolle El País: “Se vostede ve unha gárgola sodomizada onde hai un caño, eu non podo facer moito. Son arquitecto, non psiquiatra”. Non sei se rir ou chorar. As dúas partes son para comentar.
Dito isto, pasemos aos temas da semana!
⚫️ A volta do rorcual común, documentada 🐋 Entre 1920 e 1985, máis de 7.000 exemplares de rorcual común (Balaenoptera physalus) foron capturados en augas galegas. Agora, todo apunta a unha recuperación progresiva nas Rías Baixas, tal e como narra o documentalista submariño José Isarri nunha das dúas producións audiovisuais lanzadas polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). As imaxes están dispoñibles en GCiencia.

⚫️ Un estudo pioneiro sobre afogamentos🛟 Galicia rexistrou en abril o maior número de mortes por afogamento en España. Estas preocupantes cifras propician a aparición de estudos como o da USC e UVigo, que conclúe que o 9% dos falecementos corresponden a intentos de suicidio. Así, a análise sinala que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas. Podes lelo aquí.
⚫️ O envellecemento estudado en moscas 🤔 O equipo do galego Rubén González no Instituto Pasteur avaliou un experimento de ciencia básica en moscas da froita. A investigación revela que os virus actúan como aceleradores do envellecemento: a idade biolóxica permaneceu elevada nos insectos incluso despois da eliminación do virus. Recoméndovos lelo! Super interesante e escrito pola miña compañeira Laura Filloy.

Recomendación semanal 🪶
Falando de turismo masivo… Eu, que son Xeración Z (como ben saben na ofi de GCiencia), pásome máis tempo do que me gustaría scrolleando en TikTok. Pero, entre bailes e cotilleos, atopo cousas interesantes que me fan reflexionar. Un deles foi un post de @somosklab, unha plataforma de Prisa para lanzar noticias cara a mocidade nesta rede social.

O 11 de xuño publicaron un vídeo con @calvatatuada, influencer de Barcelona que fala sobre a xentrificación da cidade, un fenómeno derivado, entre outras cousas, da romantización da vida nas grandes urbes. No vídeo pon exemplos aterradores: a causa dun trend que consistía en gravarte subindo as escaleiras do metro mentres por detrás aparecía a Sagrada Familia, pecharon as escaleiras mecánicas. Por outra banda, para quen non o saiba, o Park Güell atópase ao final dunha costa MOI empinada, polo que os turistas suben alí en bus —eu, as veces que fun, fíxeno camiñando—. Desta forma, os veciños do barrio non podían tomar o transporte da cantidade de xente que había. A solución? Eliminar a ruta de Google.
Así, faise evidente que as redes sociais, para moitas cousas, son un problema. A romantización das praias galegas e difundir as súas ubicacións xera a saturación destas paisaxes. A miña querida @emma.ovin (se vos gusta a fotografía, tedes que seguila), publica xustamente un post sobre este tema. Eu espero que non chegue máis á miña zona; xa imos servidos.
E ti, que opinas?
















O problema para os veciños da costa que sufrimos o turismo masivo é que estamos moi esquecidos polas autoridades. Tan irresponsabéis son corporacións locais do PP como Ribeira ou Porto do Son, do PSdG como en Noia, ou do BNG en Carballo. TODAS FOMENTANDO O TURISMO DE MASAS.