Máis xornalismo e máis divulgación

Tal día como hoxe, en 2013, o dominio gciencia.com poñía en funcionamento o que era e é o primeiro medio de comunicación de Galicia dedicado á divulgación científica. Foi unha tarefa titánica, emprendida por xornalistas que pretendían facerse un oco no mapa mediático galego no momento culminante da transición cara ao xornalismo dixital. Non poucos saudaron a iniciativa cun aceno de escepticismo. Nada que obxectar. O que se propoñía parecía unha aventura temeraria, desas que desaparecen pouco despois en imperceptible fade out. Os dez anos que fai este portal da ciencia galega demostran o tamaño do seu erro.

Para os que facemos Gciencia unha década despois, a supervivencia do proxecto e a saúde da que goza é sobre todo un éxito da ciencia, e máis en particular da ciencia que se fai en Galicia. Tamén da divulgación, entendida como a necesidade, se non a obrigación, que a ciencia entendida como colectivo ten de trasladar os progresos —e tamén os fracasos— da actividade investigadora. Así o manifestaron moitas das personalidades relacionadas con este campo que nos enviaron as súas felicitacións en forma de vídeo nos últimos dez días, cando comezamos cunha celebración que hoxe culmina. Como sinala no seu saúdo o astronauta Pedro Duque, a tarefa de Gciencia, como a de tantos outros divulgadores, axuda a que se manteña o apoio á ciencia e á innovación na parte alta das prioridades políticas. Palabra de exministro.

Publicidade

Como sinala Pedro Duque, a tarefa de Gciencia debe axudar a manter o apoio á ciencia entre as prioridades políticas

A ciencia como produto informativo monográfico parecía en 2013 un nicho dentro doutro nicho, algo extremadamente minoritario. Non era así. Só desta maneira pode entenderse que Gciencia teña reunido unha comunidade de máis de 130.000 seguidores en redes sociais, consolidado como o terceiro medio galego tanto en Facebook como en Instagram, incluídos os xeralistas con versión en papel. Ou que cada mes accedan aos seus contidos centos de miles de lectores, con picos de ata 5,5 millóns de visitas, como ocorreu durante os momentos máis críticos da pandemia, cando no medio doutra epidemia de desinformación, Gciencia foi fonte impresicindible para tantos galegos desexosos de noticias fiables.

Pode que a ciencia tivese hai unha década unha condición de irmá menor no caixón de xastre que era a sección de Sociedade de xornais e informativos. Se era así, foi porque os que tomaban as decisións carecían do feedback que ofrecen as novas tecnoloxías. Cando os directores dos medios comezaron a ser conscientes do interese que xera o coñecemento científico, mesmo da súa viralidade, o espazo destinado a este tipo de contidos medrou exponencialmente. En Gciencia sentímonos orgullosos de anticiparnos e, quizais, mesmo de contribuír modestamente a iso.

Publicidade

Gciencia seguirá empregando o galego para contribuír á dignificalo nun ámbito, o das ciencias, para o que moitos o considera menor ou mesmo inapropiado

Outra característica de Gciencia desde os seus inicios foi o emprego do idioma galego. Por que? De entrada: por que non? Debería de ser unha desas decisións que non é necesario explicar. Falamos desde Galicia, de cousas de galegos e para Galicia, polo que parece lóxico descartar outras opcións. Evidentemente, hai algo máis: a necesidade de contribuír á dignificación deste idioma nun ámbito, o das ciencias, para o que moitos o considera menor ou mesmo inapropiado. Aínda que Gciencia non descarta outros idiomas como o español ou o inglés, a súa aposta polo galego demostrouse fundamental na identificación co seu público. Gciencia ten que agradecerlle ao idioma galego boa parte da súa propia personalidade.

Agora que fai 10 anos, Gciencia quere expresar a súa vontade de permanecer. O ecosistema dos medios dixitais é un magma en constante evolución no que a relaxación é un obxectivo inalcanzable. Xorden continuamente novas ferramentas, novas formas de achegarse ao público e novas maneiras de consumir información. A todas elas quixo aceirarse este portal divulgativo, xa sexa en forma de podcasts, audiovisuais, tiktoks ou streamings. Cambian as canles, pero a mensaxe sempre é o mesmo: máis ciencia e máis xornalismo.

Non só xornalismo, é verdade. Durante a súa traxectoria, Gciencia levou o seu compromiso coa divulgación cunha longa lista de actividades non xornalísticas, foran obradoiros, exposicións, rutas de ciencia, conferencias ou mesas redondas, sempre para achegar a ciencia aos cidadáns. Pero a vocación xornalística seguirá sendo o centro neurálxico de Gciencia, a súa verdadeira razón de ser.

Esas son e esas seguirán sendo as claves deste proxecto, un proxecto que fai dez anos e quere facer moitos máis.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

A UVigo bota man de tres ‘Galinfluencers’ para celebrar o Día da Ciencia en galego

Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez compartirán co público as súas experiencias

O estado do galego e Internet

A presenza do idioma é residual na web e atopa moitas barreiras, dende o seu emprego na publicidade ata nos motores de busca

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade