GCiencia abre un ciclo de faladoiros cos que achegar á cidadanía “os mundos científicos de Vigo”

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'

O mes de xuño chega a Vigo cunha nova proposta cultural, o ciclo de coloquios divulgativos Faladoiros no Berbés. Os mundos científicos de Vigo, unha proposta que chega da man da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo en colaboración co Ateneo Atlántico e coa que se busca achegarlle á cidadanía o traballo que recoñecidas investigadoras e investigadores vigueses están a levar a cabo por todo o mundo da man de persoal investigador da UVigo que traballa no mesmo campo de estudo.

Con vocación de continuar no tempo e converterse en cita mensual, nesta primeira edición do ciclo haberá tres sesións: o 3, 10 e 12 de xuño, ás 19.30 horas no edificio Redeiras, con entrada libre totalmente de balde. O primeiro faladoiro, o vindeiro luns, terá un carácter introdutorio e levará por título A divulgación científica en Galicia para o que se contará coa participación do director do xornal GCiencia, Pablo López, a quen acompañará a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.

Publicidade

A cargo de investigadores vencellados á cidade

A idea de realizar este ciclo de faladoiros parte do Ateneo Atlántico, asociación que trata de crear espazos de debate, divulgación e promoción cultural. Nesta liña, o seu vicepresidente, Anxo Cabada, subliña que con esta actividade se busca “dar recoñecemento aos investigadores e investigadoras galegas e á importancia da investigación para mellorar a vida das persoas”, ao que engade que “moitos investigadores e investigadoras viguesas teñen proxección internacional e están noutros países traballando e dende o Ateneo Atlántico queremos facer visible o seu labor na cidade”.

Para a UVigo esta nova colaboración supón seguir incrementando as pontes con universidades doutros países, así como continuar ampliando a proxección da universidade na cidade. Nesta liña, dende a organización destacan que os faladoiros dan visibilidade e achegan a un público non especializado o traballo que se fai na institución, reafirmando así a súa aposta por trasladar o interese pola ciencia á cidadanía.

Enxeñaría da privacidade e tecnoloxía óptica

Tras o arranque do ciclo o vindeiro luns, o seguinte faladoiro será o 10 de xuño e levará por título Enxeñería da privacidade. Correrá a cargo da docente da Escola Politécnica Federal (EPFL) de Lausanne Carmela González Troncoso, enxeñeira de telecomunicación e investigadora viguesa especialista en privacidade. Estará acompañada polo profesor da UVigo Fernando Pérez González, catedrático de Telecomunicación e coordinador do grupo de investigación Procesado de Sinal en Comunicacións de atlanTTic.

Esta primeira edición do ciclo rematará o 12 xuño coa charla Tecnoloxía e aplicacións de movementos oculares, impartida por Jorge Otero Millán, exalumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que actualmente traballa como profesor de Optometría e Ciencias da Visión na Universidade de California, Berkeley. Estará acompañado polo catedrático en Física Humberto Michinel, docente na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo especializado no campo da fotónica e as tecnoloxías láser.


Podes ler o artigo do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a función da cor abdominal dunha especie de cabaliños do demo en Meaño

EcoEvo analiza 27 machos de gaiteiro vermello procedentes do río da Chanca para dar explicación aos tonos rosados intensos dos seus ventres

Faneca, lirio, xurelo e pescada: os catro piares da dieta da toniña en Galicia

Un estudo do IEO e da UVigo analizou o contido estomacal de 72 cetáceos varados no litoral galego entre 1990 e 2018

Así é o metaverso da UVigo, o máis avanzado de todo o sistema universitario español

O proxecto inclúe espazos comúns virtuais que poden empregarse como salóns de actos ou como espazos de presentación e exhibición

A UVigo lidera un proxecto europeo para reducir e reciclar materiais de construción

Os residuos derivados da edificación e demolición, excluídos os da minería, representan o maior fluxo de refugallos da Unión Europea