Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Un mapa do ministerio contabiliza ata 5.400 verteduras legais nas augas galegas

Nas demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa e Miño-Sil hai 4.088 puntos de orixe urbana e 1.304 que proveñen da industria

Algunha vez te preguntaches cantos puntos de verteduras contaminantes hai nos ríos e mares galegos? Os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) afirman que Galicia rexistra 5.392 verteduras en total, contando as pertencentes ás cuncas Galicia-Costa, por unha banda; e Miño-Sil, pola outra. Deste número, 4.088 verteduras son de orixe urbana e 1.304 de orixe industrial. Así o recolle o propio ministerio nun mapa interactivo, onde se detalla que unha vertedura é “toda a emisión de contaminantes que se realice directa ou indirectamente nas augas contaminantes, así como no resto do Dominio Público Hidráulico, calquera que sexa o procedemento utilizado”.

“Este mapa o que amosa son as verteduras autorizadas”. Serafín González é científico do CSIC no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas da Galicia, ademais do presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). González pon en contexto que significan os datos que ofrece o ministerio e cal é a diferenza entre ambos tipos de verteduras. “As de augas residuais urbanas corresponden a todas as depuradoras grandes ou pequenas e de núcleos urbanos, ou mesmo de núcleos rurais pequenos. As industriais son de todo tipo de manufacturas, desde Louseiras de Valdeorras ata piscifactorías”, engade.

Publicidade

En canto a localización das verteduras, Ourense e Coruña teñen a maioría das de tipo urbano —1.019 e 1.411 respectivamente— e Lugo as de tipo industrial —446 en concreto—; e a maioría implican en maior ou menor medida un risco contaminante —784 das industriais— . En total, todas as verteduras contabilizadas superan os 2.000 millóns de metros cúbicos ao ano (sendo máis de 300 millóns as que corresponden a verteduras de tipo urbano e máis de 1.800 millóns as de tipo industrial). Unha cantidade que, a pesar das cifras, non é tan elevada segundo expertos como Serafín González.

O cumprimento legal

“Mirando o número de verteduras dos núcleos urbanos, rurais e demais, e tendo en conta e a dispersión de poboación de Galicia non parece unha cifra tan alta”, reflexiona González. “Hai que ter en conta que Galicia ten milleiros e milleiros de núcleos de poboación. Aí a cuestión radica máis ben en que se cumpran efectivamente os límites establecidos nas verteduras”, apunta.

Publicidade

É dicir, a problemática non é tanto o número de verteduras que existen como que se cumpran as autorizacións concedidas pola Confederación Hidrográfica do Ministerio de Medio Ambiente. González lembra que para estas verteduras hai unhas solicitudes de permiso e nesas mesmas concesións é onde se indican que volume se pode verter e cal é a concentración máxima de cada contaminante.

“En principio o caudal —o río— onde se verta, debe ter capacidade para diluír e dixerir eses efluentes para poder asumilos”, explica González. “E é a Confederación a que ten que controlar que esas verteduras estean dentro dos límites. Hai unha solicitude de autorización de vertedura e nesa concesión, o que se indica, é que volume se pode verter e cal é a concentración máxima de cada contaminante”, expón.

González pon como exemplo dese control o caso da mina de San Finx. Unha vertedura que nun principio tiña autorización pero que despois Augas de Galicia detectou que estaba botando moito máis do permitido e, polo tanto, era sancionable. Para o científico esa é a razón de que ten que haber un labor de inspección tanto das verteduras industriais como das urbanas. Unha vixilancia de verteduras ilegais e mesmo establecer uns límites menos laxos á hora de autorizar novas.

“Outro exemplo claro é moi recente é o caso de Altri que ten unha petición de captación de auga e vertedura no que aseguran que van devolver a auga máis limpa ao río, pero non é certo”, denuncia González. “Isto lévanos a pensar que as autorizacións de verteduras deberían ser máis esixentes para que se depure mellor a auga. Habería que establecer uns límites máis baixos”, sostén.

A importancia da información en aberto

O mapa puplicado polo MITECO permite informarse de xeito rápido, sinxelo e moi visual sobre cantas verteduras existen en Galicia e onde están localizadas. Serafín González opina que isto ten moito valor.

“Ese mapa interactivo no que se pode comprobar cada un dos puntos de verteduras que existen, case con total seguridade, é unha das vantaxes enormes e da nosa pertenza á Unión Europea e das esixencias da Directiva Marco da Auga”, comenta González. “Dispoñer en aberto de esta información, que estea todo ese inventariado e que teña que haber acceso público a esa información ambiental é moi importante”, detalla.

Sen esta información, asegura o científico, dispoñer destes datos levaría meses, polo que non pode haber retrocesos neste tipo de lexislacións ambientais.  

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

1 comentario

  1. Quedan por contabilizar as veré duras directas ao mar tanto urbanas como industriais. Neste punto hai que lembrar a existencia de episodios de maior contaminación temporal autorizada tanto SOS ríos como ao mar por problemas inherentes á própria marcha do proceso urbán ou industrial relativo a situscións non previstas nos proxectos iniciáis autorizados. Todo este proceso conlleva a situacións de estrés no equilibrio ecolóxico non controlado de forma efectiva por dalta de medios humanos e materias das administracións públicas e mesmo das OCA.
    Sendo esto así, calquera traballo relativo ao control real da calidade dos efluentes en todo momento é unha falácia porque é incontrolable preventivamente falando

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Toleran mellor o estrés os polbos en catividade? Un estudo con selo galego di que si

Os investigadores aseguran que o achado que separa a resposta dos cefalópodos da dos vertebrados abre a porta a súa cría en acuicultura

Os arqueólogos que escavan os ‘puticlubs’ galegos: “Algúns parecen granxas de polos”

Xurxo Ayán e Carlos Otero crean unha cartografía de 130 prostíbulos de Galicia e o Bierzo para reconstruír a súa historia de explotación e precariedade

Identificada a misteriosa doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas

Un estudo con participación do Oceanográfico de Vigo vincula ao botulismo a enfermidade que causa milleiros de mortes en aves mariñas

Cámaras e IA a bordo para coñecer mellor os mares: “Non é un grande irmán, vai de ter máis información”

Un sistema desenvolto polo Oceanográfico de Vigo afina as tecnoloxías de control de capturas para suplir a ausencia de controladores humanos a bordo