Investigadores do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo desenvolven un sensor de baixo custe que permite a detección de hidrocarburos vertidos en auga e a identificación de que tipo de cru se trata. O dispositivo está deseñado para flotar na superficie, dende onde se podería controlar unha área susceptible de contaminación ou seguir a evolución dun derrame nunha zona concreta.
A detección temperá dun desprendemento de hidrocarburos pode resultar de crucial importancia para dar unha resposta que, na medida do posible, permita evitar a mestura progresiva do cru coa auga, que fai máis difícil e ineficiente a súa limpeza posterior. Ademáis, coñecer o tipo de hidrocarburo da vertedura permite dar unha resposta máis específica á hora de contrarrestar a contaminación provocada.
As características do dispositivo publicáronse na revista Applied Optics, publicación da Optical Society of America OSA. O artigo, titulado Remote photonic sensor to detect crude and refined oil, está asinado por dous investigadores, o enxeñeiro de Telecomunicación Óscar Sampedro, e o físico e docente da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo José Ramón Salgueiro, ambos da Universidade de Vigo. No marco da investigación realizada, resumen os investigadores, “desenvolveuse un sensor de baixo custo que permite a detección de hidrocarburos vertidos en auga, así como a súa identificación para coñecer que tipo de hidrocarburo é”. Aínda que de momento só se fixeron probas en laboratorio, engaden, o dispositivo podería utilizarse para a monitorización de áreas mariñas con risco de sufrir verteduras ou para o propio seguimento dun derrame.
O aparato, detallan Sampedro e Salgueiro, utiliza o fenómeno de fluorescencia para a detección e a identificación. Explican que moitas substancias presentan a propiedade de absorber luz dunha determinada frecuencia (ultravioleta no caso dos hidrocarburos) e remitila despois cunha frecuencia máis baixa.
Durante o desenvolvemento do proxecto, os investigadores recrearon no laboratorio as condicións dunha vertedura de petróleo na auga para probar o dispositivo. “As probas realizadas permitiron distinguir entre tres tipos diferentes de cru (morichal, maia e ecofisk) proporcionados pola compañía Repsol, así coma dous tipos de refinados (gasolina e gasóleo), pero é esperable que o sistema permita distinguir entre outros moitos”.