Máis de 1300 estudantes descubriron a Noite galega das persoas investigadoras

Alumnado de primaria, secundaria, FP e bacharelato de varios municipios das provincias de Pontevedra e Ourense participou nos preeventos da G-Night

De xeito presencial ou virtual. En sesións de mañá ou de tarde. En grupos de pouco máis dunha decena ou que superan os 60 participantes. Desde o 2 de xuño máis de 1300 estudantes de 17 centros de primaria, secundaria, FP e bacharelato das provincias de Pontevedra e Ourense participaron nas preto de 60 actividades, programadas para darlles a coñecer a Noite galega das persoas investigadoras, que terá lugar, coordinada pola Universidade de Vigo e coa colaboración dunha decena de institucións galegas, o vindeiro 24 de setembro.

Dezaoito investigadoras e investigadores responsables e outros cinco colaboradores, dos tres campus da UVigo, foron as persoas encargadas de desenvolver as actividades que achegaron ao alumnado ao mundo da ciencia dun xeito lúdico e sinxelo, ao tempo que descubrían a celebración da G-Night. “Estamos moi agradecidas coa implicación do persoal investigador e coa elevada participación por parte dos centros educativos da nosa contorna, a pesar das dificultades e restricións que implica a pandemia. Sabemos que os centros quedaron encantados co resultado dos obradoiros e a rapazada aprendeu moito sobre o traballo que se realiza na Universidade nun ambiente lúdico”, comenta a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.

Publicidade

A actividades previas á G-Night arrancaron nas cidades de Ourense e Vigo, pero Mos, Baiona, Tomiño, Ponte Caldelas, Nigrán, Caldas de Reis, Redondela e Viana do Bolo completan o mapa de concellos no que se localizan os centros nos que se desenvolveron as actividades que abranguen temáticas relacionadas cos cinco ámbitos do coñecemento, desde o 5G ata a historia evolutiva do cancro, pasando polas matemáticas aplicadas á covid, as nanopartículas plasmónicas e a visión infravermella.

Espertando vocacións científicas 

 No ano do seu décimo aniversario, a Noite europea das persoas investigadoras regresará este outono a Galicia coa creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo do evento, que se desenvolverá baixo o lema Conciencias creativas. A G-Night encherá o 24 de setembro as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo, e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as científicas e os científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade .

Publicidade

“Con este anticipo nos centros escolares, o alumnado coñeceu o tipo de actividades que se van desenvolver nas rúas, nas prazas, etc ese día. O maior valor é conectar cun público no que se pretende espertar vocación científica e que tamén participe de xeito activo, primeiro nestes preeventos, e logo, o día de celebración da G-Night”, sinala Mónica Valderrama, que lles agradece ás investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo a súa participación nos eventos que este mes se desenvolveron nos centros de ensino.

Financiado con de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidade de Santiago de Compostela e da Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e do Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras, que, ademais de nas cidades galegas, se celebrará de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 agravou as riadas de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración

Cámaras térmicas rexistran 40 graos nun patio escolar de Ourense

A organización Greenpeace mediu as temperaturas de escolas de cinco cidades españolas e determinou que as aulas dun colexio ourensán ten mínimas de 27 graos