Máis evidencias: as vacinas de ARNm evitan un 97% das mortes en residencias

O primeiro estudo a nivel nacional sobre o efecto da vacinación en residentes expón tamén a protección de máis do 70% fronte a infeccións asintomáticas

Un estudo realizado por científicas do Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE) -organismo adscrito ao Instituto de Saúde Carlos III-, a Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e a Axencia Española do Medicamento (AEMPS) e publicado no xornal Eurosurveillance, constata con novas evidencias o efecto protector das vacinas de ARN mensaxeiro contra a Covid-19. A análise conclúe que a vacinación con pauta completa das persoas residentes en centros de maiores protexe contra un 97% das mortes, un 88% das hospitalizacións e un 71% da infección sintomática.

O estudo inclúe datos obtidos entre o 27 de decembro de 2020 e o 4 de abril de 2021, data na que 300.133 residentes de centros de maiores con 65 ou máis anos (88,8% do total) xa completaran a pauta de vacinación fronte ao coronavirus. Nese mesmo período estimáronse, a partir da información notificada da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE), que coordina o CNE-ISCIII, un total de 8.370 casos de Covid-19 en persoas con 65 ou máis anos residentes en centros de maiores.

Publicidade

Tal e como explican as autoras, as persoas residentes en centros de maiores foron un colectivo especialmente afectado pola Covid-19 desde o inicio da pandemia. Trátase dun grupo de poboación cunha especial vulnerabilidade debido á súa idade, presenza de condicións crónicas e pola súa situación de fraxilidade, entre outros factores. Debido á elevada morbimortalidade causada pola enfermidade, este grupo de poboación foi, xunto cos profesionais sanitarios, o primeiro no que se priorizou a administración da vacinación fronte á Covid-19 en España, que comezou o pasado 27 de decembro.

Método

Publicidade

Para estimar a efectividade da vacina contra a Covid-19 levou a cabo un estudo observacional retrospectivo mediante o método de screening, no que se comparou a proporción de persoas vacinadas entre os casos e controis poboacionais. Os datos sobre casos de Covid-19 en residentes de centros de maiores obtivéronse a partir da información da vixilancia universal notificada á RENAVE, mentres que a información sobre residentes en centros de maiores vacinados obtívose a partir do Rexistro nacional de vacinación fronte ao coronavirus (REGVACU) e da xestión integral da vacinación realizada polas comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidad.

Na figura, casos de Covid-19 (A) e número total de residentes (B) en función do seu estado de vacinación. Fonte: Eurosurveillance.
Na figura, casos de Covid-19 (A) e número total de residentes (B) en función do seu estado de vacinación. Fonte: Eurosurveillance.

Os beneficios da vacinación obsérvanse xa desde a primeira dose, xa que con só a primeira pauta redúcese á metade a probabilidade de contraer a enfermidade. Coa pauta completa de vacinación, a efectividade fronte á infección sintomática e asintomática por SARS-CoV-2 alcanza o 71%. Ademais, a vacina protexe non só fronte á posibilidade de contraer a infección, senón tamén fronte á gravidade da enfermidade, cunha efectividade do 88% na prevención de hospitalizacións e do 97% fronte ás defuncións.

De igual maneira, a protección contra as infeccións asintomáticas por SARS-CoV-2 foi similar á observada para as infeccións sintomáticas (70%). Respecto diso, os investigadores destacan que este feito achega unha evidencia indirecta da contribución das vacinas á redución da transmisión viral na comunidade.

Os datos do Sergas revelan que as vacinas da Covid-19 evitan a morte case no 100% dos casos

O equipo sinala que estes resultados están en consonancia con investigacións similares realizadas en países como Reino Unido e Israel, entre outros; tamén coinciden con outros estudos que realizaron en España sobre o impacto directo e indirecto da vacinación, e con estimacións a nivel rexional que analizaron a prevención de hospitalizacións e mortes en residentes de centros de maiores e traballadores da saúde ou fronte a infeccións sintomáticas en persoas maiores de 60 anos.

En todo caso, trátase do primeiro estudo a nivel nacional que demostra unha alta efectividade da vacinación contra o SARS-CoV-2 en España, coas vacinas de ARN mensaxeiro (as usadas neste colectivo, baixo as fórmulas deseñadas por Pfizer/BioNTech e Moderna), na prevención de infeccións por SARS-CoV-2, e hospitalizacións e mortes por coronavirus en residentes de 65 ou máis anos de centros de maiores. Tras esta publicación, o grupo de traballo sobre vacinación en España continúa o seu labor con novos estudos sobre a efectividade das vacinas na protección doutros grupos poboacionais ou ben outras variantes de SARS CoV-2 circulantes, co obxectivo de apoiar as respostas de saúde pública no control da pandemia en España.


Referencia: Effectiveness of mRNA COVID-19 vaccines in preventing SARS-CoV-2 infections and COVID-19 hospitalisations and deaths in elderly long-term care facility residents, Spain, weeks 53 2020 to 13 2021 (Publicado en Eurosurveillance).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves

A covid pode provocar placas semellantes ás do alzhéimer nos ollos

Os estudos relacionan a néboa mental tras o coronavirus e a acumulación de beta amiloides no sistema nervioso central

Os hospitais de Vigo e Santiago administrarán terapias CAR-T a pacientes adultos

Compostela só podía subministrar, ata o de agora, o tratamento á poboación pediátrica, mentres que o da Coruña era o único orientado a persoas maiores

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega