Xoves 28 Marzo 2024

Os datos do Sergas revelan que as vacinas da Covid-19 evitan a morte case no 100% dos casos

As análises preliminares expoñen, alén dunha redución de case o 90% da positividade, unha gran protección das vacinas contra o agravamento da infección

O mes de abril, que finaliza este venres, pecharase en Galicia coa menor cifra de persoas falecidas por Covid-19 desde agosto de 2020. Ata a tarde do mércores producíranse 42 óbitos por mor da Covid-19, 10 veces menos que no cumio da terceira onda en xaneiro e febreiro. Unha redución na gravidade dos casos que, segundo xa está a constatar o Sergas, evitan un desenlace fatal das infeccións causadas polo coronavirus SARS-CoV-2. Así o expuxo Federico Martinón Torres, xefe de servizo de Pediatría no CHUS de Santiago, membro do comité asesor de vacinas da Organización Mundial da Saúde (OMS) e investigador do IDIS, centro que está a colaborar coa consellería de Sanidade nun estudo de seguimento sobre as persoas xa vacinadas en Galicia. “Os números preliminares indican que a capacidade das vacinas en Galicia para evitar a morte nos hospitalizados é practicamente do 100%; é dicir, que se te vacinas, non morres da enfermidade”, dixo Martinón este xoves nunha entrevista con GCiencia.

No caso da positividade, o Sergas xa avanzara a pasada semana resultados preliminares desta análise sobre a efectividade das vacinas na poboación xeral. Despois de seguir a unhas 350.000 persoas que recibiran unha dose e 100.000 que xa tiñan a pauta completa, constatouse un descenso do 88,4% na positividade nas persoas que xa completaran a pauta de vacinación e dun 47,2% no caso da primeira dose. Isto, segundo aclarou Martinón, supón que prevén a posibilidade de ter unha proba diagnóstica que confirme a infección, sexa esta “asintomática, leve ou grave”. E ademais, subliñou, “é moi importante porque non hai diferenzas en función da idade, e iso é unha noticia moi boa”. O traballo, segundo avanzou o investigador do IDIS, será actualizado, engadindo datos como as cifras de hospitalización e tipos de vacinas, revisado e difundido nunha publicación científica cando dispoña de información máis completa.

Publicidade

As porcentaxes de protección observadas, segundo Martinón, son semellantes ás xa observadas nos ensaios clínicos e nos países onde o proceso de inmunización está máis avanzado. “Pero estes son datos nosos, é a nosa xente, as mortes que estamos a evitar no noso medio; e ten que ser un estímulo para seguir vacinando, vacinando e vacinando, para que o beneficio non sexa só para unha parte pequena da poboación senón para moita xente”.

Sobre o ritmo de vacinación, Martinón incidiu en aumentar na medida do posible a capacidade de administrar doses para que as persoas que as reciban comecen a desenvolver inmunidade. “As vacinas comezan a funcionar desde o momento que as pos; porque comezan a activar o sistema inmune, primeiro dun xeito moi local e despois comeza unha cadea de procesos para acadar unha inmunidade plena. Os números que estamos a ver sobre a efectividade nos ensaios clínicos son dúas ou tres semanas despois, en función de cada caso, de completar a pauta. No caso de Galicia, vemos que despois de recibir a primeira dose, a porcentaxe de redución na positividade é 46%; non é o 92, pero tampouco é cero, e a persoa que ten unha dose ten xa un grao importante de protección.

De constatarse estes datos no resto da poboación, a mortalidade veríase reducida en gran medida nas vindeiras semanas en Galicia. O obxectivo marcado esta semana polo Sergas é completar a administración da primeira dose a todas as persoas maiores de 70 anos. Ata agora, están nesta situación o 99,4% do censo de maiores de 80, e o 84% do grupo 70-79. E a meta para o mes de xuño é poñer unha inxección a todas as persoas maiores de 60, grupo no que se concentran, segundo os datos do Sergas, máis do 96% dos falecementos desde o comezos da pandemia.

“A porta de saída está aí”

No encontro deste xoves, Martinón tamén apelou á “tranquilidade” cara ás vindeiras semanas e meses, ao mesmo tempo que fixo un chamamento á cidadanía a acudir a vacinarse. “A porta de saída está aí, temos vacinas que funcionan e temos que poñelas ao maior número de persoas o antes posible”. Con todo, advirte de que durante un tempo terán que “convivir” algunhas medidas de prevención coa vacinación. “Non temos que xerar falsas expectativas, porque a primeira etapa, a de evitar mortes e hospitalizacións só cobre unha pequena parte do problema; tamén temos que evitar as infeccións, aínda que sexan leves, porque senón o virus segue a evolucionar, a mutar e poderiamos volver á fase anterior”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.