Venres 19 Abril 2024

O CSIC atopa a cepa británica do virus nas depuradoras de Galicia

A investigación identifica variantes do SARS-CoV-2 e foi coordinada por Beatriz Novoa e Antonio Figueras do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo

A variante británica do coronavirus está presente en Galicia e a súa pegada pode atoparse nas augas residuais das depuradoras. Así o demostra un novo estudo do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que logrou a secuenciación do virus SARSCoV-2 en mostras de augas residuais. O traballo está integrado no marco do proxecto DIMCoVAR, financiado con máis de 200.000 euros polo Fondo Supera Covid da CRUE- Santander.

“Desde que se detectou o material xenético do virus en mostras de feces de pacientes infectados, houbo un interese a nivel internacional pola monitoraxe do SARS-CoV-2 en augas residuais”, destacan Antonio Figueras e Beatriz Novoa, directores do grupo de Inmunología e Xenómica do IIM.

Publicidade

Nun primeiro momento, o grupo de investigación tentou secuenciar as mostras de auga que deran resultados positivos mediante PCR cun elevado número de copias de xenes virais, pero, “dado que o virus se atopa moi fragmentado nas mostras de augas residuais, a secuenciación non resulta fácil”, explican.

Por iso, desde o mes de setembro, o grupo apostou pola aplicación de distintas metodoloxías para a secuenciación das mostras. Agora, aplicando técnicas de secuenciación masiva máis sensibles e que requiren pouca cantidade de material xenético, obtivo millóns de secuencias de SARS-CoV-2.

“Este logro é unha enorme satisfacción para o grupo, pois desde hai un ano estamos a traballar nesta liña. Primeiro, no marco dun convenio coa Xunta de Galicia e con financiamento do fondo Supera Covid. O conseguir detectar as mutacións que están a circular nunha localidade é moi valioso para identificar variantes. Hai que ter en conta que nas augas residuais se concentra todo, incluso os virus de persoas asintomáticas que non van ao hospital. De aí a súa importancia”, destaca Antonio Figueras.

O equipo de traballo do CSIC, liderado por Antonio Figueras e Beatriz Novoa coa participación de Amaro Saco e Magalí Rey, logrou a secuenciación de mostras en tres localidades seleccionadas de entre o 15 obxectos de seguimento no marco do proxecto DIMCoVAR: Baiona, Noia e Melide.

Parte dun aliñamento de secuencias fronte á zona da proteina S (spike, especula) nun cadro do estudo do CSIC.

“En Noia e Melide as mutacións detectadas son compatibles coa variante española e europea, mentres que en Baiona destacan as compatibles coa británica, surafricana e brasileira. Dado que a maioría destas mutacións se atopan no xene que dá lugar á proteína Spike, que interactúa cos receptores celulares, trátase de mutacións con implicacións funcionais no virus e interese clínico”, comenta Beatriz Novoa.

“Necesitamos secuenciar máis, pero xa nos sorprende a cantidade de mutacións que se atopan en localidades como Baiona, cunha prevalencia abafadora da variante británica, con mutacións únicas que a definen; así como de mutacións compartidas entre diversas variantes de preocupación entre as que se atopan a británica, surafricana, brasileira e outras”, apunta Antonio Figueras.

O grupo de investigación tamén comparou estas secuencias con 500 xenomas de SARS-Cov-2 secuenciados en pacientes clínicos galegos. Isto derivou na detección de mutacións compartidas nas mostras de augas residuais e pacientes de Covid-19, así como outras que non se detectaron en persoas afectadas pola enfermidade desde o inicio da pandemia. Este traballo permitiría a detección de novas mutacións que puidesen ser “perigosas” dunha forma máis prematura. “Todo iso reafirma a importancia da monitoraxe das augas residuais para o seguimento das novas mutacións do virus que poidan xurdir”, conclúen desde o CSIC.

O proxecto DIMCoVAR conta coa implicación, ademais do CSIC, da Universidade de Vigo (UVigo) e a empresa Geseco Augas. Abrangue a presenza de material xenético de virus SARS-CoV-2 nas augas residuais de 15 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Galicia, así como nos puntos de vertedura da EDAR no medio mariño: Baiona, Nigrán, Gondomar, Cambados, Moraña, Porto de Son, Muros, Melide, Ares, Cedeira, Noia, Pobra do Caramiñal, Betanzos, Viveiro e Burela.

1 comentario

  1. O CSIC atopa …
    Tarde piaches , cando esa variante está plenamente ezpallada en Galiza .
    Anticiparse e buscar outras variantes , por aí hai que ir …o

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte