Alén Space desenvolve un novo satélite para unha misión da Universidade de Brasilia

A empresa galega, pioneira no deseño de 'cubesats', prevé ter entregado o satélite ao lanzador antes de finais de 2021

A compañía Alén Space, nacida ao abeiro da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, afronta unha nova misión para o lanzamento dun ‘cubesat’, tecnoloxía na que a compañía galega é pioneira. Neste caso farao a través do proxecto Alfa Crux da Universidade de Brasilia (UnB). A misión permitirá a realización de investigacións e experimentos no ámbito das comunicacións do Internet das Cousas (IoT). A misión conta co sustento da Fundação de Apoio a Pescuda do Distrito Federal (FAPDF) e da Axencia Espacial Brasileira (AEB), tamén estudará a caracterización dos efectos do clima espacial nas comunicacións satelitales en latitudes ecuatoriais.

Un equipo de estudantes da UnB participará no desenvolvemento dunha misión completa, desde a fase de deseño de misión ata a integración de subsistemas e de carga útil, a realización de tests de verificación e a operación do satélite unha vez en órbita. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre a UnB e Alén Space, que permitirá o uso as súas instalacións e o seu programa de adestramento e capacitación especializado no desenvolvemento de nanosatélites (Hands-on Training Programme).

Publicidade

Segundo informa a compañía galega, a integración e validación do CubeSat realizarase este verán nas instalacións de Alén Space, coa presenza dos estudantes brasileiros. O obxectivo é que o nanosatélite estea listo e entregado ao lanzador entre os meses de outubro e novembro de 2021. Esta planificación permitiría realizar a misión completa nun tempo récord de oito meses. O proxecto aproveita a experiencia desenvolvida polo equipo de Alén Space en máis de 12 anos de deseño, fabricación e operación de pequenos satélites.

A planificación establecida permitiría realizar a misión completa nun tempo récord de oito meses

Tanto o equipo galego como o brasileiro traballarán xuntos no satélite Alfa Crux, unha plataforma 1U que inclúe sistema de potencia, paneis solares, baterías, computador de a bordo, sistema de comunicacións, antenas e estrutura; software de a bordo e de control de misión; e unha carga útil TOTEM SDR, preparada para a realización de demostracións de comunicacións e experimentos SDR (Radio Definida por Software). Ademais, inclúese unha solución integral GS-Kit para a instalación na Universidade de Brasília dunha estación de seguimento do satélite.

O proxecto Alfa Crux “pode axudar a posicionar a Brasília como un polo de atracción de actividade relacionada co chamado New Space”, destacan desde Alén. A misión está coordinada por Renato Borges, profesor da UnB, quen explica que “se chama Alfa Cruz en honra á estrela Alpha Crucis, a máis brillante na constelación da Cruz do Sur (Crux), e unha das brillantes que se poden ver no ceo. A motivación para elixir este nome ten que ver co feito de que esa constelación é a máis coñecida das que podemos ver no hemisferio sur. Ten especial importancia en navegación e orientación, sendo coñecida desde a época dos antigos gregos. A estrela Alpha Crucis aparece na bandeira brasileira e tamén no seu escudo de armas. É sinónimo de guía, referencia e tamén de responsabilidade e excelencia. Nese sentido, resumen os obxectivos xerais desta misión: converternos nunha referencia de excelencia e dedicación, e un exemplo para seguir para o avance das actividades espaciais nesta era do New Space”.

En palabras de Alberto González, director de tecnoloxía e cofundador de Alén Space, “Alfa Crux é un gran exemplo de misión para sentar as bases dun programa de New Space en Brasil e estamos moi contentos de ter a oportunidade de cooperar e poñer a nosa tecnoloxía e experiencia ao servizo do equipo da UnB. As nosas solucións demostran unha vez máis que poden ser útiles para diferentes aplicacións e a UnB pensou en innovadores ámbitos de uso para a nosa tecnoloxía. Estamos seguros de que este será o primeiro dunha serie de proxectos e misións da UnB, e encántanos participar nesa folla de ruta”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioFarma, Alén Space e Neutron Insights reciben os Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Representantes institucionais, académicos e empresariais asistiron ao acto de entrega dos galardóns, que se celebrou en Santiago

Alén Space, os satélites con ADN galego que conquistan o espazo

A empresa gañadora do Selo de Calidade nos Premios GCiencia Galicia Spin-Off segue a medrar cun proxecto incubado na UVigo

Alén Space, BioFarma e Neutron Insights, gañadores dos Premios GCiencia 2024

Os galardóns ás mellores spin-offs e grupo de investigación de Galicia, que este ano fan a súa oitava edición, entregaranse o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos