Xoves 28 Marzo 2024

Alerta para salvar ao birrio, a ave que come, durme e vive voando

Declarada Ave do Ano 2021, é un asiduo visitante das nosas vilas e cidades, e pode pasar máis dun ano no aire sen pousarse en ningún momento

O cirrio común ou birrio (Apus apus) pode ser confundido coas anduriñas, coas que non está relacionado. A súa semellanza é froito da converxencia evolutiva, o mecanismo que fai que se orixinen de xeito independente características similares en especies de diferentes liñaxes. O birrio (coñecido en castelán como ‘vencejo‘ e ‘common swift’ en inglés) é a ave do ano 2021, declarada pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-Birdlife).

É unha especie moi popular, que atopamos alimentándose voando a gran velocidade, cazando insectos nos solpores do verán. Ningunha outra ave pasa tanto tempo no aire coma o birro. Suponse que poden voar sen pousarse durante anos, e abandonan o voo só para criar. Beben e dormen voando. E poden acadar velocidades de 200 km/h, o que os converte nunha das aves máis rápidas.

Publicidade

Pero os birrios súmanse á lista de aves comúns, como pardais ou andoriñas, en declive poboacional, un claro sinal de que nos enfrontamos a unha crise ecolóxica sen precedentes. “Unha crise que require dun cambio rápido cara a un modelo sostible que permita facer fronte aos dous grandes desafíos da humanidade: o cambio climático e a cada vez máis alarmante perda de biodiversidade”, afirman na SEO-Birdlife.

Gráfica que amosa o declive do birrio. Fonte: SEO Birdlife.

A declaración da “Ave do Ano” quere chamar a atención sobre a situación que atravesan algunhas das especies máis ameazadas da avifauna e os seus hábitats e contribuír a que non siga empeorando o seu estado e mellorar a súa situación.

Os birrios atópanse entre os seres vivos máis fascinantes do planeta pola súa asombrosa forma de vida. Estas aves adaptáronse de tal forma á vida no aire, que poden pasar ata un ano sen pousarse en ningún momento, comendo, bebendo e durmindo mentres voan de xeito ininterrompido. Unicamente no momento de nidificar requiren pousarse, algo que sempre farán nas alturas, habitualmente en edificacións, xa que teñen serios problemas para remontar o voo en caso de caer accidentalmente ao chan. É, por iso, un ave migratoria moi ligada ao medio urbano e moi próxima aos seres humanos, e os seus pobos e cidades.

“O birrio súmase á xa longa lista de aves comúns, as que nos acompañaron sempre nos nosos barrios e vilas, que sofren un declive poboacional”, explican na Sociedade de Ornitoloxía: “Que vexamos menos pardais, menos andoriñas ou menos birrios non é anecdótico senón un poderoso sinal de alarma clara de que afrontamos unha crise ecolóxica sen precedentes que nos debe obrigar a repensar a nosa relación coa natureza”.

O Programa de Seguimento de Aves Comúns na primavera (Sacre) cumpre durante esta tempada o seu 25 aniversario en España. SEO/BirdLife, salienta a relevancia da iniciativa, que ofrece datos consolidados e validados cientificamente sobre o estado de conservación de máis de 100 especies de aves. E o birrio xa está nunha situación vulnerable.

Os datos evidencian que o birrio experimentou en España un declive do 27,2% nos últimos 22 anos (1998-2020). É unha especie protexida a escala estatal, do mesmo xeito que os seus niños, pitos e ovos, incluída na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial. Tamén está protexida a escala internacional, pola Directiva de Aves e o convenio de Berna.

Unha das súas principais ameazas é a destrución dos seus lugares de cría. Tanto os birrios comúns como os pálidos volven ano tras ano a criar nos mesmos edificios. En ocasións, ao chegar desde África, os birrios atópanse coas súas zonas de cría destruídas por obras de rehabilitación, ou mesmo sucede que as obras comezan cos birrios no interior dos seus niños. Nestas situacións obsérvase a desesperación dos birrios adultos por atopar a desaparecida entrada aos seus niños.

O birrio común ou cirrio.

Esta ameaza para a especie pódese evitar doadamente cun bo coñecemento dos lugares de cría da especie e directrices de actuación respecto diso para os propietarios dos edificios, arquitectos e aparelladores. Nalgúns países e cidades xa existen requirimentos legais que deben cumprirse en calquera obra que poida afectar á biodiversidade urbana, sen dúbida un dos retos nos que debemos avanzar no noso país.

“A biodiversidade urbana debe ser un eixo vertebrador das políticas municipais”, explican en SEO-Birdlife: “Son numerosos os estudos científicos que demostraron que un maior contacto coa natureza contribúe a mellorar a saúde dos habitantes das cidades, permitindo o contacto directo coa biodiversidade no día a día da cidadanía”.

O ano do birrio tamén implicará traballar no campo, especialmente na redución do uso de praguicidas e fertilizantes, tanto no medio natural como nas contornas urbanas, para mellorar o estado de conservación dos insectos, dos que se alimentan estas aves. Sen bechos, non hai vida.

Así que este pequeno paxaro que vemos nas nosas vilas e cidades tamén está en perigo. É o birrio, a ave que vive voando, e que este 2021 foi declarada a Ave do Ano.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O paspallás é a ave do ano 2020

A "Coturnix coturnix" ten na península ibérica a súa principal poboación en Europa e enfróntase a diversas ameazas nos últimos tempos

A curuxa común, ave do ano 2018

SEO/BirdLife organizou a votación popular que elixiu á "Tyto alba", que nos últimos anos está experimentando un descenso de poboación na Península