Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A Consellería de Sanidade mantén o seguimento dun caso de tuberculose detectado no IES Julio Prieto Nespereira, en Ourense. Onte confirmou que o rastrexo dos contactos derivou en 19 positivos por tuberculina, o que significa que mantiveron contacto coa bacteria causante da infección pero que non teñen por que desenvolver a enfermidade. Dende a consellería lanzáronse mensaxes de calma, asegurando que a situación “está controlada” e que non se pode considerar un gromo, dado que só hai un caso coa infección activa e, polo tanto, con síntomas e capacidade de contaxio. De todos modos, seguen a realizarse probas rutineiras para verificar que ningún dos 19 positivos por tuberculina desenvolve a enfermidade. Todos eles xa teñen un tratamento pautado para evitar a aparición da tuberculose.

“En tuberculose, cando hai atraso diagnóstico, é frecuente que a transmisión sexa importante, como foi este caso. Dado as transmisións observadas probablemente será necesario ampliar o número de contactos a revisar”, advirte o presidente da Fundación Unidade de Investigación en Tuberculose de Barcelona, Joan Caylà, en declaracións ao Science Media Centre España. Polo tanto, prevese que a Xunta continúe rastrexando os contactos e facendo cribados para atopar novos positivos. Realizaranse a todas aquelas persoas, sexan conviventes ou non, que mantiveran contacto durante máis de seis horas coa persoa infectada. Despois, realizarase a proba da tuberculina ou o test de quantiferon para verificar o número de afectados.

Publicidade

Aquí tendes as claves da enfermidade infecciosa máis mortífera do mundo, só por detrás da covid:

Cales son os síntomas da tuberculose?

“O primeiro que hai que diferenciar claramente é que temos un estado de infección e un estado de enfermidade. A infección, o bacilo, permanece latente pero non provoca enfermidade. Da xente que se infecta, aproximadamente un 10% si que termina desenvolvendo esa doenza e ese 10% normalmente faino entre os primeiros dous e cinco anos, aínda que pode haber xente que a padece máis tarde”, aseguraba Raquel Barbosa, profesora asociada de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela (USC), a GCiencia en febreiro.

Publicidade

Para aquelas persoas que si presenten síntomas, os máis habituais son a tos crónica, ás veces con sangue, a dor torácica, o cansazo, a perda de peso, a febre e os suores nocturnos. Dende a Organización Mundial da Saúde (OMS) advirten de que os síntomas poden durar moitos meses, polo que se pode transmitir a enfermidade sen sabelo e por iso é tan importante que se activen os protocolos de actuación, como ocorreu en Ourense, para minimizar ao máximo posible o número de casos. Ademais, tamén é importante subliñar que a enfermidade afecta maioritariamente os pulmóns, pero tamén os riles, o cerebro, a columna vertebral e a pel, polo que os síntomas dependerán da parte do corpo que estea afectada pola tuberculose.

Como se transmite?

Antes de que Robert Koch descubrira a bacteria que provocaba a tuberculose pensábase que era unha enfermidade hereditaria. Agora sábese que se propaga a través do aire cando unha persoa infectada tuse, fala ou canta. Por iso, cando se detecta un caso positivo, como en Ourense, actívase un protocolo e faise un rastrexo de contactos que puideron estar expostos á bacteria. Coa chegada das novas tecnoloxías tamén se implantou a secuencia do xenoma completo, que permite atopar patróns de transmisión da tuberculose. Isto axuda a atopar e tratar persoas coa infección, tanto activa como latente.

Como se trata?

A tuberculose trátase con antibióticos que, para ser eficaces, deberían tomarse diariamente entre catro e seis meses. Segundo a OMS, se se suspende o tratamento antes de tempo ou sen supervisión médica, córrese o risco de que a tuberculose que aínda está activa se volve resistente aos medicamentos. Tamén cabe a posibilidade de que a doenza non responda a esta pauta. Entón estariamos a falar de tuberculose farmacorresistente, que precisaría doutro tipo de medicación.

Cal é a incidencia en Galicia?

Galicia puxo en marcha o Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose en 1994, co obxectivo de diminuír ao máximo posible o número de casos. Segundo os últimos datos da Consellería de Sanidade, dende 1996 logrouse reducir esta cifra nun 82%, pasando de 1.963 pacientes a 353 en 2021. É dicir, a incidencia reduciuse de 71,8 a 13,1 casos por cada 100.000 habitantes.

No que respecta ao perfil do paciente en Galicia, cada vez preséntanse máis casos en idades avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo as que afectan ao sistema inmunitario. De feito, a incidencia máis elevada rexistrouse nos maiores de 74 anos. Tan só o 3,1% foron nenos menores de 15 anos.

Cal é a súa historia?

Os humanos convivimos coa tuberculose dende tempos inmemoriais. Na antiga Grecia chamábana phthisis; na antiga Roma, tabes; e en hebreo antigo, schachepheth. Na Idade Media recibía o nome de escrófula e durante o século XVIII denominábase a praga branca pola palidez que presentaban os doentes. Pero a palabra tuberculose non se comezou a empregar ata 1834, cando Johann Schonlein inventou a palabra. Así o explican dende o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) de Estados Unidos, que tamén subliña que a bacteria causante da tuberculose, a Mycobacterium tuberculosis, pode existir dende hai tres millóns de anos.

O paso definitivo da ciencia veu da man de Robert Koch, o doutor que en 1882 anunciou o descubrimento do bacilo que causa a enfermidade. “Foi o paso máis importante que se deu para o control e a eliminación desta doenza mortal”, apuntan dende o CDC. Para honrar este achado, o 24 de marzo, o mesmo día que Koch descubriu a bacteria, instaurouse o Día Mundial da Tuberculose para concienciar sobre unha enfermidade que segue a producir 1,6 millóns de mortes no mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Un consorcio internacional acelera o desenvolvemento da vacina ‘galega’ contra a tuberculose

Os 12 socios coordinados por Biofabri reciben 18,2 millóns de euros para apoiar dous ensaios clínicos en países de África Subsahariana

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos