A historia do desecamento da lagoa de Antela na Limia (Ourense) comeza hai moito tempo. Algunhas voces datan o seu inicio no primeiro terzo do século II, baixo o mandato do Emperador Adriano, mais foi todo un fracaso. A partir do século XVIII, Antela era considerada un charco de infeccións e grandes cheiros, así como unha inimiga da industria agrícola. Tal era o interese por acabar coa zona húmida que se chegou a difundir a loiada sobre unha endemia de malaria. Foron múltiples os proxectos que se intentaron poñer en marcha, pero non foi ata 1958 cando a ditadura franquista a secou completamente. Era a xoia da coroa da Limia, pero os interesados só vían interese económico. Con todo, tiveron que enfrontarse aos primeiros protectores do lugar: os veciños.
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) fai un repaso polos intentos de desecar a paraxe natural a partir do libro Antela, a memoria asolagada (1997) de Xosé Luís Martínez Carneiro. Nunha entrada na súa páxina web, a SGHN recolle unha cita do cardeal da catedral de Ourense, Manuel Badoya: “Inmundo, inútil e nocivo charco, xermen de podremia e mortandade… ha de ser tan adversa a sorte da Limia, que lle estea pechado para sempre o paso ós campos da súa felicidade pola triste auga desa lagoa aborrecida?”. Esta mentalidade foi a que impulsou os intentos de desaugamento. De feito, a Real Academia de Agricultura en 1765 analizou a posiblidade de secar a loga, mais non existe documentación ao respecto.
O primeiro intento encabezouno o rexedor de Xinzo da Limia entre 1827 e 1835, Juan Toubes, que obtivo unha orde para estudar o proxecto. “Nun principio podería parecer que a intención inicial era efectivamente altruísta, pero despois todos os demais intentos ofrecíanse a rescatar gratuítamente estes terreos para quedar con eles”, apunta o presidente da SGHN, Serafín González. A lagoa era propiedade do estado e os particulares ofrecíanse a desaugala para poñer as terras a cultivar.
A obra púxose en marcha pero non se rematou. Nesta época xa se deixaron notar os descontentos da poboación, como apunta Eduardo Rico Boquete no libro Liberales y emprendedores. Los proyectos de desecación de la Laguna de Antela, 1827-1874 (2008). Como sinala o autor, en 1948 o veciño José Pinal “elevou unha instancia ó Goberno político da provincia denunciando os prexuízos que acarrexou o desecamento dunha porción da lagoa (…) pola destrución do criadeiro das mellores sambesugas que a España posuía”.
En 1850 o político Justo Pelayo de la Cuesta enviou unha carta á raíña promovendo o desaugamento. El mesmo se encargaría dos custos a cambio de quedar cos terreos. Conseguiu a autorización, pero pasoulle o prazo para pagar a fianza. En 1854 os irmáns Román e Francisco Mugártegui pediron a concesión, pero demorouse. Entre 1854 e 1864, ata cinco persoas intentaron facerse coa concesión dos terreos dirixindo cartas ao goberno, e os veciños chegaron a mercar 3.200 hectáreas.
“Estes intentos atopáronse coa oposición da poboación que en ocasións foi violenta. Os veciños estaban vendo como perdían terras de pastoreo e outros aproveitamentos, como a pesca e as sambesugas. Todos os intentos do século XIX imitaban o modelo de Toubes”, apunta Serafín González. Unha canle principal aberta tería dous prazos cerca de Vilar de Barrio e recollería todas as augas da cabeceira. Despois, ata Ponte Liñares, recibiría varias canles secundarias que levarían as augas á principal.
O proxecto presentado por Mugártegui foi o máis “elaborado”, apunta a Xunta de Galicia, que creou con Toribio Iscar Sáez unha empresa para conseguir as concesións. “Consideraban a lagoa como malsá, que evitaba o crecemento dunha das rexións máis produtivas de España, pero a oposición dos veciños, para os que a lagoa era fundamental nas súas actividades gandeiras, remataría por paralizar as obras”, sosteñen. En 1873, o enxeñeiro John H. Stone e os seus socios obtiveron prórrogas para executar as obras. Finalmente, en 1890 a súa concesión foi cancelada por caducar o prazo fixado.
Cinco anos despois, esta concesión volve saír a poxa. “Seguramente se fixo cos dereitos Carlota Partington”, pero tivo escasos resultados. Segundo indica a SGHN, ela sustentaba supostamente un título nobiliario, “Duquesa de Longueville”, pero a liñaxe desaparecera a finais do século XVII. González apunta que estes sucesivos intensos de desecamento hai que “encadralos” nas iniciativas do século XIX que se levaron a cabo en boa parte de Europa, que “levaron á desaparición de zonas húmidas en Galicia e no resto de España”. Xa coa chegada do franquismo, o que fora un dos maiores humidais da península ibérica, rematou por secar.
As zonas húmidas teñen unha importante relevancia no ciclo da auga. Arredor do 40% das especies, apunta González, desenvolven parte do seu ciclo vital en ecosistemas acuáticos. “Axudan a laminar as enchentes de tal xeito que se expande e facilita que se infiltren nos acuíferos”, continúa. Por iso, en 2021 déronse os primeiros pasos para recuperar a lagoa de Antela, pero só hai 20 hectáreas en bo estado. “Habería que multiplicar por 100 esa superficie para que volvese a ser como antes do desecamento”, apunta González.