Aínda desecada, a lagoa da Antela segue chamando á atención nos mapas do noroeste da península. Nunha contorna marcada polas continuas estribacións no terreo e as curvas constantes nos camiños marcados polos poboadores para superar estes obstáculos, destaca unha mancha en forma de ‘v’, seguindo o curso do río Limia. A chaira desta comarca é unha depresión de orixe tectónica que, coas achegas das correntes de auga que caían do Macizo Central ou a Serra do Larouco, foise enchendo paseniño durante milenios. Conformouse alí un ecosistema único en Galicia, e que aínda hoxe, coa lagoa practicamente desaparecida, amosa a súa gran riqueza ornitolóxica. No primeiro gran mapa de Galicia, a Carta Xeométrica de Fontán, Antela ocupa un lugar destacado, onde se albisca a magnitude que acadaba a súa superficie, cambiante en función das estacións, e a área de influencia das veigas que medraban arredor. Chegou a ser o ‘mar’ interior máis grande da península ibérica, cunha superficie de máis de 40 quilómetros cadrados (ata 7 de lonxitude e 6 de ancho).
Pero despois do seu desecamento, a mediados do século XX, acadado despois de varios intentos fallidos, boa parte do seu espazo orixinario está hoxe dedicado á agricultura e gandería intensiva. A través dunha gran rede de canles e regadíos, a auga que chegaba á chaira e os terreos descados aproveitáronse para transformar A Limia. A lagoa apenas rebrota durante algúns episodios de asolagamentos, nos que a auga amaga con recuperar o seu espazo, ou nas balsas derivadas da extracción de áridos, no extremo suroeste da lagoa, que si manteñen unha lámina acuática de forma constante, na que se concentra a riqueza ornitolóxica hoxe.
Anuncio da restauración
As entidades ecoloxistas e outros colectivos que levan moito tempo reclamando a recuperación do gran valor natural de Antela recibiron o pasado mes de febreiro un sinal para a esperanza. Co gallo do Día Mundial dos Humidais, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, anunciou un plan para a recuperación de 20.000 hectáreas destes ecosistemas no territorio español ata 2030. E nomeadamente, Ribera referiuse a Antela, comprometéndose á “restauración parcial” do que é, xunto á Laguna de la Janda (Cádiz) e Mar de Campos (Palencia) un dos tres maiores humidais en España destruídos pola acción do home.
A mensaxe foi acollida con optimismo, mais tamén con cautela, na zona, onde conflúen diversos intereses e opinións sobre a recuperación do espazo. Faltan por concretar con máis detalle as liñas mestras desta recuperación parcial, mais varias entidades xa se están mobilizando para apelar a que se cumpra este anuncio. Esta semana, Ecoloxistas en Acción e a Sociedade Galega de Historia Natural presentaron unha campaña audiovisual, con imaxes do realizador Adrián Vilas, para reclamar ao Goberno español “que sexa ambicioso co proxecto de recuperación da lagoa de Antela e a actuación aprobada abranga polo menos toda a extensión que era de titularidade pública ou monte comunal antes do desaugamento”.
💙💦Non se borrará a lagoa de Antela da nosa memoria💦💙
Reclamamos ao @mitecogob que sexa ambicioso co proxecto de recuperación da #lagoaAntela e a actuación aprobada abranga toda a extensión que era de titularidade pública ou monte comunal antes do desaugamento
🎥Adrián Vilas pic.twitter.com/jzgz73Kzyb
— Ecoloxistas en Acción (@ecoloxistas) June 24, 2021
A través do lema #OurenseTenMar, a campaña pide “que o anuncio do Ministerio sexa consistente e leve a cabo de xeito ambicioso máis pronto que tarde”, argumentando que “a actuación será beneficiosa para a comarca desde un punto de vista socio económico, pola necesidade de mellorar a calidade e cantidade das augas e, por suposto, para garantir un hábitat para a biodiversidade”. Neste sentido, entidades como a SGHN desenvolveron nos últimos anos accións de recuperacións nalgunhas áreas da antiga lagoa, como a Veiga de Gomareite. No escenario actual de crise climática, advirten, a recuperación de espazos como Antela permitirá a regulación dos acuíferos, a restauración da área como un sumidoiro de CO2 e como refuxio para especies ameazadas. Deste xeito, engaden, o plan de recuperación é “unha oportunidade para a comarca da Limia e para desenvolver un modelo económico máis sustentable e respectuoso co medio ambiente”.
O realizador Adrián Vilas, especializado en documentais sobre natureza, con experiencia en medios como Natural Geographic e BBC Earth, salienta no seu traballo a “riqueza especial, sobre todo a nivel ornitolóxico” que aínda conserva Antela. O vídeo da campaña recolle como protagonistas a diversas especies que, como resaltan os impulsores da iniciativa “son o mellor expoñente da biodiversidade que aínda estamos a tempo de salvagardar cunha actuación decidida”. Así, obsérvanse nas imaxes especies como a cegoña branca, conícora/avefría (cuxas poboacións nidificantes están en perigo de extinción en Galicia), mergullón cristado, garza da noite, picanzo vermello, peto real, rula común (afectada pola caza que se mantén sobre ela durante varias semanas cada ano na chaira), escribenta das canaveiras e ganso bravo.
Vilas salienta que a campaña e a recuperación do espazo pode ser unha oportunidade global para a zona, alén dos efectos positivos para a biodiversidade. “No eido turístico, por exemplo, a recuperación de Antela permitiría a chegada de moitas persoas atraídas por un ecosistema que no seu momento era case que único na península ibérica”, apunta o realizador.