Hai consenso científico en considerar á rula común (Streptopelia turtur), coñecida por tórtola en castelán, como unha especie vulnerable en España (onde á súa vez vive máis da metade da poboación do continente europeo, estimada entre 2 e 4 millóns de individuos), experimentando un declive que, segundo algunhas investigacións, diminuíu máis dun 60% nos últimos decenios. En Galicia, as súas maiores poboacións mantéñense en varias áreas de Ourense, entre as que destaca a chaira da Limia onde se desecou a lagoa de Antela a mediados do século XX. E é aquí onde, a pesar do proceso infractor aberto ao Estado español por parte da Comisión Europea debido á falta de protección sobre a especie, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segue a autorizar a caza da rula.
Máis de 20 entidades ecoloxistas galegas, a través dun comunicado difundido pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), cualificaron esta semana de “biocidio” a actitude da Xunta de Galicia ante a situación da rula. A denuncia prodúcese despois de que o pasado 15 de abril, na reunión do Comité Galego de Caza, a Administración autonómica avanzase que, un ano máis, se ía autorizar a caza da rula na Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) da Limia, que abrangue nove concellos ourensáns.
Segundo Serafín González, presidente da SGHN, o anuncio supón un “flagrante incumprimento” da Directiva Aves da Unión Europea. Lembra que a caza realízase “en fins de semana de agosto ou setembro, un tempo considerado como período de reprodución ou crianza, no que pode haber ovos, polos ou xuvenís nos niños da rula”. González salienta que na reunión do Comité Galego de Caza xa se avanzou que o período de media veda ía iniciarse o 14 de agosto de 2021 e durará ata o 5 de setembro en nove concellos da Limia.
Proceso de infracción aberto pola UE
En xullo de 2019, a Comisión Europea instou a España e Francia a tomar medidas para garantir a conservación da rula despois do rápido declive das poboacións. De acordo á Directiva Aves, o organismo comunitario lembraba que “a caza só se realiza cando é sustentable“, algo que, na súa consideración, non estaba acontecendo neses países. E neste escenario, a xuízo da Comisión, “nin España nin Francia adoptaron as medidas necesarias para mellorar a protección”.
En decembro de 2020, despois de que as autoridades españolas “non responderan satisfactoriamente”, a Comisión solicitou de novo ao Estado, a través dun ditame motivado, a toma de medidas para a protección da especie. En febreiro, España respondeu que os centos de miles de exemplares cazados todos os anos, segundo cifras achegadas por entidades vinculadas á actividade cinexética, eran compatibles coa conservación da rula.
A comezos do mesmo mes, na mesma reunión da Comisión Nacional de Biodiversidade na que se debateu a protección do lobo, non saíu adiante a consideración da rula como vulnerable por mor do empate na votación. A Xunta de Galicia, como aconteceu no caso do lobo, votou en contra da protección da especie.
O debate sobre a caza desta ave chegou aos tribunais, e en novembro de 2019 a Fiscalía Xeral do Estado enviou un oficio a 13 autonomías nas que se permite a súa captura para instalas a establecer moratorias. Nos últimos anos, algunhas comunidades autónomas accederon a prohibir a súa caza, como Asturias, Cantabria, Euskadi, La Rioja, Canarias e Comunitat Valenciana, ademais da illa de Menorca e a provincia de Álava, e outras rexións, como Murcia, accederon a suspendela durante un período de dous anos. En Galicia, segundo aclara Serafín González, “a Xunta estableceu unha moratoria de catro anos para a rula”, coa posibilidade de revisala dentro de dous anos, malia que mantén a media veda na Limia.
“Argumentos ridículos”
En opinión das entidades ecoloxistas galegas, a Xunta usou “argumentos ridículos” fronte ao proceso aberto pola UE e ao ditame motivado de decembro de 2020, “acción preliminar ás actuacións nos tribunais europeos” e a posibles sancións, segundo lembra a SGHN
“O primeiro dos argumentos da Xunta era totalmente infantil, pois pretendeu xustificar a súa postura afirmando que efectivamente en Galicia cázase a rula, pero menos que noutras comunidades autónomas”. Para Serafín González, “un exemplo do ‘e ti máis’ que tan común é na clase política”.
En segundo termo, as organizacións ecoloxistas destacan que, a pesar de que a Xunta se comprometeu a tomar medidas, non se afondou na súa aplicación. Lembran que “a Comisión non caeu nesta trampa e retrucou que Galicia ‘non detallou as medidas ás que se fai referencia para a protección e xestión do hábitat da rula común, o financiamento asignado para a súa aplicación, o nivel desa aplicación sobre o terreo nin a súa eficacia para invertir a situación'”.
O ditame motivado, lembra González, continúa advertindo de que “o mero feito de no Plan de Desenvolvemento Rural exista a posibilidade de financiar esas medidas non significa que estas se estableceran e se apliquen realmente co obxecto de conservar esta especie”.
O proceso aberto pola UE non afectou, polo momento, ás autorizacións de caza concedidas na ZEPA da Limia, algo paradóxico, en visión das entidades ecoloxistas. Insisten en que na propia Limia, a poboación está a vivir unha redución nos últimos anos, segundo os censos realizados no programa de seguimento de aves SACRE. Unhas cifras que, segundo destaca Serafín González a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ” tivo a temeridade de desacreditar”.

Para a SGHN, a autorización da caza da rula na ZEPA da Limia é “un grave problema ambiental”. Segundo os datos oficiais, no espazo cazáronse entre 2014 e 2019 3.870 rulas e 50.172 paspallás. E denuncian, ademais, que nestes períodos “está a darse cobertura á caza ilegal de numerosas especies protexidas, incluídas aves rapaces, pois a Xunta non ten capacidade operativa para impedilo: os axentes de medio ambiente non poden distinguir na distancia cando está a dispararse ilegalmente a un ave migratoria protexida de cando está a cazarse legalmente un pombo”, denuncia o comunicado difundido este mércores.
Desde a entidade ecoloxista, Serafín González critica que na reunión do comité de caza, a consellería de Medio Ambiente “limitou a unha única persoa a participación das entidades conservacionistas no Comité Galego de Caza, limitándolle a esta representante a pouco máis de cinco minutos o tempo para defender ela sola o patrimonio natural galego, fronte a máis de dúas ducias de persoas con perfil pro-caza (procedente de organizacións cinexéticas, da Administración e doutros sectores)”.
No caso da situación na ZEPA da Limia, as mesmas entidades lamentan que se manteñen “os privilexios dun reducidísimo número de cazadores”, o que “fai pensar en que existen intereses inconfesables para manter a súa caza”.
A caza é sustentable, segundo as entidades cinexéticas
Desde que se abriu o proceso ao Estado español por parte da Comisión Europea, as organizacións cinexéticas mobilizáronse tamén para argumentar que os niveis de caza da rula eran sustentables. Entre outros aspectos, aluden a que a situación de especie non se ve tan afectada pola caza como pola alteracións dos hábitats. Fronte ás críticas das entidades conservacionistas, cualifican a organizacións como SEO/BirdLife como “xuíz e parte no entramado técnico” dos gobernos.
Diante da posibilidade de que se prohibise a caza da especie, en febreiro deste ano algunhas entidades advertiron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) que chegarían aos tribunais para que se mantivese a actividade cinexética.
A pesar de que non se tomase a consideración da especie como vulnerable, o Miteco avanzou que ía incorporar na súa liña de traballo as análises pertinentes para suspender temporalmente a caza ata garantir a recuperación da rula.