Galicia é a segunda comunidade con maior número de lobos, por detrás de Castela e León
Os lobos son ás veces culpados de ataques ao gando que cometen cans asilvestrados.

Prohibida a caza do lobo en España, malia a oposición da Xunta

Cantabria, Asturias, Castela e León e Galicia, todas elas comunidades con poboacións de lobo ao norte do Douro, votaron en contra da proposta

A Comisión Estatal de Patrimonio Natural do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico aprobou este xoves, 4 de febreiro, a inclusión de todas as poboacións de lobo existentes en España na listaxe de especies en réxime de especial protección, polo que automaticamente deixa de ser considerada especie cinexética.

A proposta fora presentada pola Comisión e requiriu dunha dobre votación porque na primeira se chegou a un empate. Finalmente, unha maioría simple, necesaria para adoptar a decisión, deulle o visto e prace, co que se homoxeneiza o status das poboacións de lobo en todo o territorio estatal. Ata o de agora, xa estaban incluídas na listaxe as poboacións de lobo ao sur do Douro pero, con todo, seguía sendo especie cinexética ao norte do Douro.

Cantabria, Asturias, Castela e León e Galicia, todas elas comunidades con poboacións de lobo ao norte do Douro, votaron en contra da proposta, postura á que se uniron outras comunidades autónomas gobernadas polo PP, segundo fontes coñecedoras da votación.

A Xunta de Galicia mostrou o seu rexeitamento á inclusión do lobo na lista de especies silvestres en réxime de protección especial. Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Medio Ambiente sostén que este feito suporá “un gravísimo problema de xestión” para as catro Comunidades Autónomas que albergan máis do 95% dos lobos de España, que rexeitaron de forma unánime a proposta presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A Xunta presentara alegacións ante o Goberno en contra desta decisión. No caso de Galicia o último censo sinala a presenza dunhas 90 mandas reprodutoras de lobo, polo que “en termos xerais mantense ou mesmo se experimentou un aumento nos últimos 15 anos”, segundo estima a administración galega.

A decisión reinvindica tamén o lobo como patrimonio cultural, científico e polos servizos medioambientais da especie

Ademais, o Goberno galego indicaba que a presenza desta especie é “ampla” ao chegar ao 72% do territorio galego, en especial nas provincias de Lugo e Ourense.

Para nada coinciden coa posición da Xunta de Galicia os datos científicos achegados nos últimos anos sobre o lobo no país. Sucédense os casos nos que, cando hai supostos ataques de lobo ao gando, os informes técnicos poñen en dúbida que os autores non sexan cans abandonados ou outro tipo de especies. O Comité Científico do propio Ministerio de Transición Ecolóxica tiña sinalado que non existía un problema co lobo e que, pola contra, era unha especie que debía ser protexida.

A raia galego-portuguesa consolídase como un dos refuxios dos lobos en Europa

Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega celebrou o ditame adoptado: “Adega cualifica de histórica a decisión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e de Biodiversidade que aprobou incluír o lobo na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que suporía que a especie deixase de ser cazábel tamén en Galiza”.

Nun comunicado, Adega “parabeniza á Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL) que promoveu a petición diante do Ministerio que procura homoxenizar o estatus de protección da especie en todo oEstado español, atendendo ao ditame do Comité científico do propio Ministerio. Neste ditame recomendáse unha maior protección do lobo ibérico en toda a Península “pola súa importancia como patrimonio cultural, científico e polos servizos ambientais que a especie repercute nos ecosistemas naturais”.

Adega foi un dos colectivos que enviaron informes ao ministerio para documentar a presenza do lobo en Galicia e a necesidade da súa protección.

De calquera xeito, a nova disposición mantén aberta unha porta á caza do lobo, sempre que existan graves danos para o gando en zonas concretas, sempre tras informes científicos e como medida de derradeiro recurso. Por iso, malia a importancia do ditame, é probable que a polémica poida pervivir nos vindeiros anos.

A primavera do lobo na Costa da Morte

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.