O mapa da Covid-19 en Galicia: varias áreas baixo vixilancia; mira o teu concello aquí

O aumento das restricións na área de Arousa, Valdeorras e o suroeste de Ourense coincide cunha maior incidencia nestas zonas

A nova etapa na pandemia da Covid-19, marcada polo avance do proceso de vacinación e a contención, polo momento, dunha posible cuarta onda, amosa en Galicia un panorama desigual en función das zonas. A partir deste venres, segundo acordou o comité clínico reunido este martes, case 40 concellos ficarán con maiores restricións por mor da transmisión do coronavirus. Porén, varias áreas concentran boa parte destes surtos, mentres que, segundo lembrou este mércores a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, 135 concellos non declararon ningún caso nos últimos 14 días, e, cinguíndose á última semana, 175 concellos non rexistraron novas infeccións.

Como está a situación municipal?

Estes concellos localízanse, principalmente, en amplas áreas das provincias de Ourense e Lugo e o interior da provincia de Pontevedra.

Publicidade

No lado contrario atópanse case 50 concellos que notificaron nas últimas dúas semanas máis de 10 positivos. Nos positivos dos últimos sete días, outro dos criterios que ten en conta Sanidade para conter de forma rápida os posibles surtos, o número de concellos redúcese a 29. Con todo, cómpre ter en conta que a incidencia é diversa en cada municipio, pois vese influída pola poboación de cada concello.

Neste indicador obsérvanse no mapa galego varias zonas con maior transmisión que, en boa medida, coinciden co mapa de restricións que entrará en vigor na medianoite do venres 23. Os concellos das dúas beiras da ría de Arousa, o suroeste da provincia de Ourense, a comarca de Valdeorras e outras áreas máis pequenas, como algúns concellos do norte de Lugo (Trabada, Barreiros, Meira ou Ribeira de Piquín) ou a contorna da Coruña (Cambre e Carral).

Publicidade

Tendo en conta a incidencia a 14 días, superan os 500 casos/100.000 habitantes os municipios de Trabada, Lobeira, Carballeda de Valdeorras, Meira, O Grove, Cualedro e Cortegada. Neste último caso parece conterse a transmisión, xa que non se rexistran positivos desde hai máis dunha semana. Porén, mantense a vixilancia nos últimos días en Cualedro, en peche perimetral, onde se detectaron 11 positivos desde a semana pasada, e tamén en Meira, Muíños ou Petín, onde a incidencia segue por riba de 250 a sete días a pesar de que, en termos absolutos, o número de casos estea por baixo de 10.

En termos absolutos, máis alá das sete grandes cidades, destacan Cambre, con 66 casos a 14 días e 37 a 7, o que a converte no quinto municipio con máis positivos detrás de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo, e os mesmos ca Ourense; ou Marín (60 casos a 14 días e 37 a 7).

No Grove e A Pobra do Caramiñal, onde rexe o peche perimetral desde a semana pasada, parece conterse a transmisión. Na vila do Salnés hai 19 casos nos últimos sete días fronte aos 56 das últimas dúas semanas, e na Pobra pasaron de 37 a 12 no mesmo rango de tempo.

Pola contra, a tendencia parece ser crecente en Vilanova de Arousa (23 casos na última semana e 30 nas últimas dúas), Ponteareas (24 e 38) Oleiros (23 e 38), Vilagarcía de Arousa (34 e 56), Cangas (21 e 33), Culleredo (19 e 32) ou Gondomar (15 e 23).

Así está o mapa tendo en conta a incidencia a 14 días:

A pesar da transmisión constatada nalgunhas áreas, os responsables da consellería de Sanidade incidiron este mércores en hai unha “situación estable”, mais cun “lixeiro incremento dos casos activos”.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, engadiu que o ascenso da incidencia é “moi lixeiro” nas tres últimas semanas, situándose, no conxunto de Galicia, con 44,9 casos a sete días e 90,3 a 14 días. A taxa de positividade, que coincide co mantemento dunha alta proporción de probas diagnósticas, segue por baixo do 3-5% do limiar que marca a Organización Mundial da Saúde para manter o control da transmisión do SARS-CoV-2. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo un chamamento á participación nos cribados poboacionais que nos últimos días está a organizar o Sergas para conter as cadeas de transmisión.

No referente a situación asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, expuxo que a ocupación de camas por pacientes Covid-19 en unidades convencionais de hospitalización é do 2,17%, e nas unidades de críticos a capacidade está no 7,5%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño