A ignorancia sobre os antibióticos, principal reto en saúde pública

Investigadores do IDIS e da USC realizan un estudo con diferentes grupos de idade sobre os factores de uso destes medicamentos

As carencias no coñecemento dos antibióticos e as consecuencias do seu consumo na poboación española maior de 65 anos conforman uns dos maiores retos que deben afrontar os expertos en saúde pública, alén da mala comunicación médico-paciente e a falta de confianza no caso das persoas menores desa idade, o que se traduciría nunha prescrición innecesaria. Así o recolle un artigo sobre os factores de uso dos antibióticos en España do CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) publicado en Plos One e dirixido polo grupo de Adolfo Figueiras, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que toma parte a USC. Esta investigación é o traballo final do Master de Saúde Pública da súa primeira autora, Olalla Vázquez Cancela.

A maior parte do uso de antibióticos —do 80% ao 90%— prodúcese no ámbito ambulatorio. Asemade, o seu consumo en España non só ocupa o primeiro lugar entre os países desenvolvidos —máis de 40 Dose Diarias Definidas (DDD) por 1.000 habitantes ao ano—, senón que as súas cifras seguen aumentando. O estudo levouse a cabo en Galicia, con altos niveis, de ata 23 DDD por 1.000 habitantes por ano.

Publicidade

Este traballo, realizado en 75 participantes, perseguía explorar os coñecementos, opinións e actitudes da poboación xeral respecto aos antibióticos e as resistencias por medio de 11 grupos  focais, “a metodoloxía  máis apropiada para comprender e describir en profundidade hábitos e comportamentos na sociedade”, segundo os investigadores.

Segundo explica Adolfo Figueiras, coordinador deste estudo, “nos últimos anos, as resistencias  bacterianas a antibióticos representan un importante problema de saúde pública e a asociación entre a utilización, consumo e diseminación das resistencias  antimicrobianas a nivel comunitario, onde a incidencia de uso é maior, apenas presenta dúbidas. A poboación, como consumidora de antibióticos, desempeña un papel clave no seu desenvolvemento”.

Os investigadores, a través de varias sesións cos participantes no estudo, identificaron varias actitudes e crenzas que poderían explicar o uso inadecuado de antibióticos na poboación: falta de coñecementos, problemas na relación médico-paciente, de adherencia ao tratamento e consumo sen prescrición médica. En canto á idade, destacan en maiores de 65 anos, as carencias no coñecemento dos antibióticos, así como das consecuencias do seu consumo; e en menores desa idade, a mala relación médico-paciente. Neste punto, a maioría dos  pacientes neste rango de idade queixáronse do trato e da falta de información por parte dos facultativos, o que afecta á confianza no xuízo médico, presionándoos para que lles receiten antibióticos porque “non se lles informa correctamente do que padecen”.

Confusión entre resistencias e tolerancia

A primeira asinante do estudo, Olalla Vázquez, explica pola súa banda que “é importante ter en conta que en ningún dos grupos a información sobre as resistencias procede do sector sanitario. En moitas ocasións, as crenzas da poboación sobre as resistencias son erróneas. Trátase dun fenómeno por moitos descoñecido e, a miúdo, percíbese como un problema individual, confundindo este termo co de tolerancia a medicamentos. Isto fainos pensar que existe unha mala transmisión da información entre o sistema sanitario e a poboación en canto ás resistencias  antimicrobianas e ao uso dos antibióticos”.

Grazas aos resultados destes traballos, permítese identificar que factores ou actitudes parecen estar a xogar un papel máis importante en como a poboación usa os antibióticos, e as consecuencias que iso ten a nivel de saúde pública. Así se facilitará o deseño de enquisas que permitan medir os niveis de coñecemento con respecto aos antibióticos e ás resistencias, así como deseñar futuras estratexias e intervencións educativas dirixidas a cada subgrupo específico e encamiñadas a modificar as actitudes relacionadas cos hábitos que interveñen de maneira máis directa no uso dos antibióticos. “Con iso, contribuiremos a mellorar a utilización de antibióticos e, potencialmente, solucionar un dos retos deste século: a emerxencia de xermes resistentes”, conclúe Juan Vázquez Lago, tamén participante neste traballo.

En conxunto, os efectos adversos dos antibióticos, a ineficacia e a resistencia é unha das maiores ameazas para a saúde mundial debido ao gran impacto na morbilidade, a mortalidade e os custos. O uso excesivo e inadecuado de antibióticos contribúe significativamente a este problema e, de feito, débese supoñer que o uso excesivo explica as diferenzas no uso de antibióticos (ata tres veces) entre os países da Unión Europea, xa que non hai evidencia de ningunha diferenza na prevalencia de enfermidades infecciosas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago abre o acceso a unha plataforma punteira para detectar biomarcadores

O sistema, pioneiro en Galicia e no noroeste peninsular, está dispoñible na páxina web do Instituto de Investigación Sanitaria compostelán

Galicia lidera un novo cribado neonatal para identificar máis de 300 enfermidades raras

O programa piloto, no que participan nove comunidades autónomas, permitirá detectar 300 doenzas para as que hai tratamento

Científicos galegos abren a porta ao deseño de novos fármacos contra a colite e o Crohn

Un equipo do CiMUS e do IDIS emprega tecnoloxías de imaxe molecular para analizar o funcionamento e a eficacia do medicamento adalimumab

Investigadores galegos identifican un xene que podería predicir a obesidade

Os niveis de expresión de PTK2B serían un biomarcador capaz de axudar na prevención dos trastornos metabólicos na infancia