Novas analíticas revelan altos niveis de arsénico en Viana do Bolo atribuídos á mina da Penouta

Ecoloxistas en Acción recolleu mostras de auga da traída municipal e os resultados revelaron que as concentracións superan o máximo permitido para o consumo humano

Mostras de auga recollidas na traída municipal de Viana do Bolo superan a concentración máxima de arsénico permitida para o consumo humano. Así o revelan as últimas analíticas encargadas este mes de febreiro por Ecoloxistas en Acción. Segundo explican dende a entidade, os niveis deste elemento “están por enriba dos máximos permitidos polo Real Decreto 3/2023”. Os ecoloxistas atribúen estes resultados á proximidade da mina da Penouta, a única de coltán en toda Europa.

Dende a entidade apuntan que a captación de auga da que se extraeron as mostras atópase a 500 metros da Balsa de Roldán, unha balsa de lodos sobre a que actuou a empresa Strategic Minerals na última década. As súas actuacións paralizáronse en outono de 2023 despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordara unha medida cautelar para paralizar a explotación “por irregularidades na tramitación ambiental na autorización mineira outorgada pola Xunta”. Dende o colectivo ecoloxista denuncian que a explotación “apenas estivo uns meses activa” e atribúe os altos niveis de arsénico á actividade mineira. Apunta que a traída municipal non só abastece o núcleo urbano de Viana do Bolo, senón tamén a Santa Mariña de Froxais, a Punxeiro, a Froxais, a San Martiño e a Barrio de Terroso.

Publicidade

Segundo trasladan dende Ecoloxistas, en 2018 a empresa municipal de augas de Viana do Bolo denunciara ante a Garda Civil e o 112 as verteduras procedentes da mina, que obrigaran a interrumpir o subministro á cabeceira municipal e outros núcleos, motivando unha sanción de 13.000 euros da Confederación Hidrográfica. Dende a entidade continúan relatando que en 2020 un incidente na balsa mineira volveu a forzar a interrupción no abastecemento de auga, prohibindo o seu consumo para beber ou cociñar en Viana do Bolo. Non obstante, dende Ecoloxistas denuncian nin o Concello nin a Confederación Hidrográfica analizaron os niveis de arsénico, a pesar de que a entidadade remitira ao concello un informe sobre o risco de envelenamento por metais pesados en maio de 2021.

“Esiximos que tanto o concello de Viana do Bolo, como a Xunta e a Confederación Hidrógráfica exerzan as súas responsabilidades controlando a calidade das augas que está consumindo a poboación. Continuaremos realizando as nosas propias análises para remitir ao Xulgado, dado que esta contaminación pode constituír un delito contra a saúde pública”, advirte Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A rotura de balsa do Monte Neme reabre a ferida ambiental da antiga mina

A Xunta de Galicia solicita dous informes, un sobre a empresa responsable da restauración e outro sobre a dirección da obra

As seis bandeiras negras que marcan as praias contaminadas e mal xestionadas de Galicia

Os residuos nas augas, a ocupación de terreos de dominio público e o proxecto de Altri protagonizan o informe de Ecoloxistas en Acción

Detectada unha forte diminución de metais tóxicos nas algas da costa galega

Un equipo da USC rexistra menor presenza de cobre, cadmio, mercurio e cromo pero acha un aumento do arsénico

Os mapas do solo galego: case a metade da xeografía presenta niveis elevados de arsénico

Un informe da Unión Europea destaca tamén a presenza de niveis altos de cobre e mercurio na comunidade