É a nosa estrela amiga por excelencia. Sen a súa luz e a súa enerxía, non habería vida no noso planeta. O Sol é unha estrela amarela da nosa galaxia que converte no seu núcleo, a unha temperatura duns 15 millóns de graos centígrados, hidróxeno en helio. Unha pequena parte da enerxía resultante desta transformación chega á Terra a través de diferentes radiacións, entre elas as ultravioletas, que son as responsables, por exemplo, de poñernos morenos no verán.
“Calcúlase que hai máis de dous centos mil millóns de estrelas na Vía Láctea, a nosa galaxia. Estrelas como ela hai infinidade, pero a súa particularidade é que nos dá a vida. Sen o Sol, evidentemente, non habería vida na Terra e, polo tanto, malia ser unha estrela vulgar, para nós é fundamental. Trátase basicamente dunha esfera de gas, sobre todo de hidróxeno, que se transforma continuamente en helio. Cando imos de noite ver as estrelas, todas nos parecen brancas. Pero a súa cor depende da súa temperatura superficial e as cores pasan de vermellas a laranxas, despois amarelas, brancas e, finalmente, azuis, as máis frías. O Sol é unha estrela amarela que, como digo, sen a súa luz e a súa calor, a vida non sería posible no noso planeta”, explícanos, a modo de presentación do astro rei, José Ángel Docobo, catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Branqueador natural e gratuíto
Moito antes de que se colocaran placas solares no tellados, a enerxía limpa do sol xa foi aproveitada de diferentes maneiras polos nosos antepasados. Unha delas, moi popular, sinxela, e previa á chegada dos produtos químicos que atopamos hoxe no mercado, foi poñer a roupa ao sol para clareala, é dicir, para deixala dun branco perfecto.
Camisas, manteis ou sabas seguen aínda hoxe sendo enxaboadas e estendidas ao sol para que a cor amarelada desapareza. Para Docobo, a enerxía do Sol é un verdadeiro desinfectante natural e gratuíto, e o clareo, unha técnica totalmente eficaz.
“Non é que non funcione, é que funciona perfectamente e de xeito natural. A radiación ultravioleta que nos chega do Sol, por sorte un tipo de radiación ultravioleta non tan perigosa como outras que absorbe a propia atmosfera, é moi enerxética e é quen de eliminar a cor amarelada dos tecidos e branquealos. Ademais, é un desinfectante moi efectivo que acaba coas bacterias e os fungos, por exemplo. Como digo, é un método natural e ademais gratuíto. Tamén se di que a lúa chea ten a mesma capacidade, pero non é así. A luz que recibimos da lúa é infinitamente menor que a que nos chega do sol. En realidade, esa luz é unha radiación reflectida da radiación solar, e a lúa só é capaz de devolvernos un 13%. Como resultado disto, a radiación ultravioleta é unha mínima parte. Por exemplo, se estivésemos toda a vida baixo a radiación da lúa chea, non nos poñeriamos morenos nunca. Isto xa nos dá unha idea de que, efectivamente, non é un bo método para branquear a roupa”, afirma Docobo.
Gozar das auroras boreais en Galicia?
Ademais da súa luz e da súa enerxía, o Sol ofrécenos fenómenos grandiosos como poden ser as auroras boreais. Un espectáculo de luz, cores e formas resultantes da interacción do vento solar cargado de partículas co campo magnético da Terra. O catedrático de Astronomía asegúranos que o próximo ano poderiamos gozalas en latitudes como as nosas xa que o Sol atoparase nunha fase de máxima actividade, algo que acontece cada 11 anos aproximadamente.
“Normalmente para ver estas auroras temos que viaxar a países que están preto do polo norte, pero cando o Sol pasa por unha fase de máxima actividade, as partículas poden caer en latitudes moito máis baixas. No ano 1938, por exemplo, unha aurora boreal moi forte foi visible en toda Europa e durou ata seis horas. En Galicia, tivemos outra oportunidade de gozala no mes de marzo do ano 1989. O ano que vén pode que o máximo de actividade sexa bastante intenso porque xa nos últimos meses rexistráronse auroras boreais na península ibérica, foron visibles desde Estremadura e Castela, por exemplo. No mes de abril do ano pasado, tamén aconteceu o mesmo na costa asturiana”, subliña Docobo desde a biblioteca do Observatorio Astronómico da USC.
A primeira eclipse total de Sol do último século
Docobo tamén nos anuncia outro fenómeno relacionado coa nosa estrela amiga que centrará a atención dos científicos e, seguramente de todos nós, nun futuro inmediato. Trátase da eclipse total de sol que se poderá observar desde Galicia dentro de dous anos e medio, algo que non acontecía desde 1912.
“Está previsto, concretamente, para o día 12 de agosto do 2026. Vaise ver en Galicia, sobre todo nas partes norte e leste do territorio. Hai case dúas décadas tivemos tamén unha eclipse anelar, pero esta vez a lúa vai tapar completamente o disco do sol. Como xa pasou tempo dabondo desde a última eclipse total de sol, o que imos experimentar vai espertar seguramente unha grande expectación. Como xa houbo eclipses parciais no pasado recente, a xente xa sabe que deberá tomar moitas precaucións para gozar deste fenómeno, pero eu creo que o mellor sería comezar a concienciar a sociedade das medidas que serán necesarias para poder observala. Sendo no mes de agosto, en pleno verán, agardo que as condicións meteorolóxicas estean do noso lado para poder gozala. Malo será”, conclúe José Ángel Docobo.
Proxecto desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)