Dúas auroras boreais iluminaron o ceo galego neste novembro, os días 5 e 12, pero as condicións atmosféricas non acompañaron para poder gozar do espectáculo. É a terceira vez en pouco máis de seis meses que se rexistra este fenómeno solar nas nosas latitudes. O pasado mes de abril púidose observar en todo o seu esplendor en distintos puntos de España, en zonas como Estremadura e Andalucía, xa que en Galicia quedara oculta por unhas adversas condicións atmosféricas.
Ao contrario do sucedido na primeira fin de semana de novembro – cando as imaxes nos chegaron desde Cáceres, Barcelona ou Portugal- nesta ocasión si temos capturas gráficas do ceo iluminado, como as que nos deixaron o programa O Tempo da TVG na rede social X (antes Twitter) desde Cabo Ortegal.

Veremos novas auroras boreais en Galicia? “Si, repetiranse. Están relacionadas coa actividade solar e dirixímonos cara a un máximo de actividade do Sol, previsto para o ano 2025” sinala José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC. “Haberá máis e con máis frecuencia nos vindeiros meses” engade o astrónomo.
O outono e a primavera son as estacións que, estatisticamente, rexistran máis auroras boreais, con todo, non é inusual que aparezan nos meses de inverno (decembro, xaneiro e febreiro).
As auroras boreais -chamadas austrais cando se producen no hemisferio sur- son o resultado das tormentas solares, prodúcense cando as partículas do Sol chocan co campo magnético da Terra, o que produce unha liberación de enerxía en forma de luz. A actual intensa actividade solar explica que se observen auroras en latitudes tan baixas como a nosa.
“As auroras boreais están relacionadas coa actividade solar e dirixímonos cara a un máximo de actividade do Sol. Haberá máis e con máis frecuencia nos vindeirs meses”
JOSÉ ÁNGEL DOCOBO, astrónomo da USC
O seu nome provén de Aurora, a deusa romana do amencer, e da palabra grega Bóreas, que significa norte e remítenos aos escenarios que habitan o imaxinario colectivo: Islandia, rexións setentrionais de Noruega, Suecia, Finlandia, Canadá e Rusia.
Fitos galegos
Aínda que as auroras boreais non son habituais no noso territorio, o astrónomo José Ángel Docobo lembra dous episodios que marcaron a historia astronómica recente de Galicia: por unha banda, a aurora boreal do 13 de marzo de 1989, que permitiu a moitos galegos coma el ver o ceo de Santiago tinguirse de vermello en dirección nornoroeste, durante case tres horas.
Por outra banda, a aurora boreal da noite do 25 ao 26 de xaneiro de 1938, que se prolongou durante seis horas e que converteu en protagonista inesperado ao astrónomo que dá nome ao Observatorio da USC, Ramón Mª Aller, xa que na súa casa de Lalín buscaron refuxio numerosos paisanos asustados polo resplandor nocturno que parecía obra do diaño. Un medo idéntico ao que levou aos veciños de Vigo a saír ás rúa en 1850, alarmados por un fenómeno que non entendían.