As computadoras saben ler poesía: un estudo pioneiro analiza a obra de José Ángel Valente

Un profesor e unha investigadora da USC estudan o rico e intrépido universo dunha das figuras fundamentais da poesía española contemporánea

A lente da análise lingüística serviulles ao profesor da USC na Facultade de Humanidades, Claudio Rodríguez Fer, e á investigadora Adina Ioana Vladu, pertencente ao Instituto da Lingua Galega (ILG), para profundar “no rico e intrépido universo poético de José Ángel Valente, figura fundamental da poesía española contemporánea”. A través dun estudo pioneiro no que botaron man de técnicas de lingüística computacional e de corpus e procesamento da linguaxe natural (PNL), lograron examinar o traballo de Valente para alumear os seus trazos estilísticos, as áreas temáticas e os patróns léxicos do poeta ao longo da súa obra poética en castelán. As concusións do estudo viron a luz esta semana no Robinson College da Universidade de Cambridge, durante o congreso Inter-Varietal Applied Corpus Studies (IVACS).

Unha produción artística rica e variada

Unraveling the Linguistic Tapestry: A Computational Exploration of José Ángel Valente’s Poetry constitúe a primeira análise computacional da poesía de Valente. “A nosa elección está motivada, por unha banda, pola transcendencia de Valente na literatura española do século XX a través da súa rica, variada e coherente produción artística, e, por outro, pola ausencia de estudos interdisciplinarios similares: a obra do poeta foi amplamente estudada desde diferentes enfoques literarios, pero nunca ata o de agora dende unha perspectiva lingüística”, sinalan Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu.

Publicidade

O estudo afonda en cuestións como cales son os trazos estilísticos da poesía de Valente e como evoluciona a expresión estilística do poeta ao longo da súa carreira literaria; cales son os temas predominantes e como se expresan na poesía de Valente; ou como contribúen os patróns léxicos específicos (por exemplo, frecuencia de palabras ou patróns de colocación, entre outros) ao tecido temático e estilístico da obra do autor ourensán. Tal e como relatan os especialistas, “na nosa exploración, utilizamos un conxunto de ferramentas de lingüística computacional e PNL, esforzándonos por ofrecer novas perspectivas sobre o corpus poético elixido”. Esta investigación representa unha incursión inicial na comprensión da complexa interacción entre a tecnoloxía da linguaxe e a análise literaria aplicada ás obras do poeta, coa esperanza de inspirar máis estudos interdisciplinarios no ámbito da poesía de Valente e máis aló.

Valente en Cambridge

Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu foron presentados por Gabrielle Gaudeau, investigadora do departamento de Informática e Tecnoloxía da Universidade de Cambridge, no marco dun foro que se vén celebrando cada dous anos en distintas universidades do mundo. Dáse a circunstancia de que Valente, que comezou a súa carreira profesional traballando como lector na Universidade de Oxford, foi despois conferenciante na Universidade de Cambridge, onde concibiu o poema amoroso ‘Calles de Cambridge, 1974’, pertencente á súa obra Interior con figuras.

Publicidade

Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC dende 2005 e amigo persoal do poeta, ademais de especialista na súa obra, é autor de numerosos libros, edicións e artigos sobre Valente. Pola súa parte, Adina Ioana Vladu, doutora pola Universidade de Bucarest e especialista en lingüística de corpus, é estudosa da tradución ao inglés da poesía do mesmo escritor. Ambos os especialistas darán a coñecer proximamente a innovadora tecnoloxía computacional patentada e os primeiros resultados acadados con ela na propia Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela.

A devandita Cátedra creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á USC do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinarias e interartísticas que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral. A creación da Cátedra, que sucedeu á investidura de Valente como doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999, tivo lugar no ano 2000. 

As líricas do poeta ourensán 

VII
Esmorecen os soños,
cae a noite na noite.
Non hai luz que non sexa
o brancor dos teus seios.

Aíllame no alento.

Que eu poida ouvir aínda,
como Alexander Blok,
o chío das galaxias
cando brile no ceo a cauda acesa
do cometa Halley e cando todos
os sinais fo fin
teñen sido xuntados.
Imos
cara ó serán, amor, do século
sin saber si aínda hai
ventura saecula
ou si a face do enigma non será
nosa face no espello
e si tódalas verbas
non te serán,
sin sabérmolo nós, de seu comprido.


Cántigas de alén
, José Ángel Valente. (Barcelona, 1996).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana