Un torneo de motos emprega a mámoa de Guítara en Pantón como rampla de saltos

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian que se ubique un circuito nunha zona cun conxunto arqueolóxico de ata 10 mámoas protexidas

As mámoas, malia ser monumentos neolíticos milenarios que contan a nosa historia pasada e constitúen un símbolo clave do patrimonio galego, non sempre se respectan nin se valoran como tal. Son moitas as historias de mámoas reconvertidas en lugares para o lecer, pedras recicladas para se usar como marcos e dividir os terreos e, se cadra, ata para facer unha churrasqueira cando chega o verán. O descoñecemento, a falta de concienciación e unha xestión deficiente son a pólvora destes túmulos funerarios que se contan por miles no noso territorio.

Agora, segundo as asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio, semella que as mámoas xa teñen novo uso ao estilo século XXI: facer de ramplas de salto para as motos nos circuitos de carreiras. En concreto, denuncian a utilización da Mámoa de Guítara 1, ubicada no municipio de Pantón ao sur de Lugo, da cal se pensa que podería ter máis de 5.000 anos. Segundo explica Manuel Miranda, membro de Mariña Patrimonio: “Grazas ás imaxes aéreas dos distintos visores ubicados na zona podemos apreciar perfectamente que nesta parcela do Monte Sampaio, onde se atopa o monumento, existe o trazado dun circuíto para motos”. A Mámoa de Guítara 1 foi catalogada e protexida pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ano 1990. Na mesma zona, ubicada no alto do monte, hai outras nove mámoas protexidas, e na totalidade de Guítara cóntanse ata 24. Dende a Consellería da Cultura din que “a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural está estudando os feitos e tomará as medidas pertinentes”.

Publicidade

As probas do “enduro”, en terreo protexido

Segundo explica Miranda, estas probas motociclistas de “enduro” do Alto de Sampaio, nas que chegaron a participar ata 250 motos, veñen celebrándose dende o ano 2022: “Sabemos con total seguridade que no ano pasado empregouse a Mámoa de Guítara como rampla de salto grazas aos vídeos que se subiron á plataforma de Youtube” (do minuto 13′ ao 16′). Sobre a nova edición da competición, celebrada en marzo deste ano, conta que non semella que se utilizase de novo esta mámoa , “mais as imaxes aéreas recollidas tamén mostran a afectación do terreo”.

Imaxe das distintas Mámoas de Guítara protexidas. Foto: ADEGA/Mariña Patrimonio.

A problemática non está só en empregar a mámoa como rampla de saltos para as motos, xa que Patrimonio Cultural protexe tamén un perímetro de ata 200 metros ao redor do monumento neolítico. Preto da mámoa poderían atoparse outros xacementos ou obxectos de valor arqueolóxico, co cal, tendo en conta ás 10 mámoas e os 200 metros que tamén estarían protexidos, “non ten ningún sentido que se realice unha carreira de motos, en ningún destes puntos”, puntualiza Miranda.

Publicidade

Con coñecemento de causa

Para o membro de ADEGA, é imposible pensar que unha organización dun evento así non estude antes o terreo sobre o cal se vai facer a competición: “Non só falamos deste tipo de patrimonio, senón tamén das contornas protexidas como ríos ou plantas”. Aínda que unha persoa poida non recoñecer unha mámoa a simple vista, xa que moitas veces están soterradas, “os concellos, os organizadores ou os membros das comunidades de montes si deberan ser conscientes das afectacións que poden ter certas actividades”.

Miranda explica que, de feito, grazas ás imaxes aéreas pódese ver como, anteriormente á competición, fíxose nesa mesma zona unha roza para limpar o terreo. Iso si, respectando ás distintas mámoas que se atopaban nel: “Isto quere dicir que a comunidade de montes sabía que había unhas mámoas protexidas”.

Imaxe aérea do circuito. Foto: ADEGA/Mariña Patrimonio.

Sen impunidade

Ambas asociacións denuncian que probablemente dita competición non conte coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e solicitan que se tomen as medidas necesarias para evitar a desprotección deste xacemento arqueolóxico. Tamén instan aos organizadores do evento a mudar a localización destas carreiras nas súas vindeiras edicións.

“A mensaxe que queremos transmitir é que, a día de hoxe e coa tecnoloxía coa que contamos, é imposible que se fagan este tipo de cousas sen que despois se coñezan e sen que exista unha consecuencia. Se o patrimonio se dana, hai varias asociacións que imos denunciar”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies