Luns 29 Abril 2024

Un tiburón esnaquizou un home fai 3.000 anos: así se reconstruíu o ataque letal

Arqueólogos de Oxford reconstrúen uns restos atopados no Xapón con centos de sinais de mordeduras dun escualo a través dun modelo en 3D

Arredor do temor que provocan os posibles ataques de tiburóns a persoas hai bastante máis ficción ca evidencias. Menos de 10 persoas morren cada ano no mundo por mor das mordeduras destes escualos, fronte as 750.000 que falecen polas picaduras de mosquitos que son vectores de enfermidades como a malaria. Outro dato tamén axuda a ampliar o foco sobre o problema real: estímase que o ser humano caza cada ano 100 millóns de tiburóns. Mais a ferocidade destes peixes e a lenda creada arredor deles provoca ás veces un temor excesivo. O que non quita, é certo, que de cando en vez se produzan encontros letais. E o que acaban de descubrir no Xapón un equipo de arqueólogos da Universidade de Oxford supón un fito, porque se trata da evidencia máis antiga dun ataque de tiburón, moi probablemente con resultados letais, a un ser humano.

Crese que o encontro se produciu arredor de 3.000 anos atrás, segundo as análises realizadas. Probablemente, mentres pescaban no mar interior de Seto, un grupo de persoas viuse sorprendido por un ou varios escualos. As consecuencias daquel suceso expóñenas os investigadores nun artigo publicado en Journal of Archaeological Science: Reports, no que analizan as circunstancias que rodearon o ataque e o esqueleto inzado de mordeduras da vítima do tiburón, no que é a evidencia directa máis antiga do ataque dun escualo a un humano.

Publicidade

O traballo, segundo explica a Escola de Arqueoloxía da Universidade de Oxford, xurdiu no marco dunha investigación de Alyssa White, Izumi Braddic e Rick Schulting, na que estudaron as coleccións da universidade xaponesa de Kyoto como parte dunha liña de estudo sobre as evidencias de traumas violentos nos restos de cazadores-recolectores e granxeiros prehistóricos no Xapón.

Atopáronse, cara ao final da súa estadía, cunha caixa que contiña o esqueleto dun home atopados nun xacemento escavado nos anos 20 do século pasado. As probas de radiocarbono datárono entre os anos 1370 e 1010 a.C. O sorprendente era que tiña, polo menos, 790 sinais de marcas, sobre todo nos brazos, pernas e a parte frontal do peito e o abdome. E faltáballe, de feito, a perna dereita e a man esquerda.

Para abordar o acontecido fai máis de 3.000 anos atrás, os arqueólogos comezaron a descartar outras hipóteses que puideran explicar o padecemento que suxerían aquelas feridas. As marcas non coincidían coas armas dispoñibles naquel momento, porque algunhas eran moi agudas, profundas e en forma de V, non consistentes con ferramentas presentes daquela. Tampouco se puideron vincular a mamíferos terrestres, pois non son as marcas que deixan os dentes de carnívoros ou preeiros. Ademais, obsérvase nas lesións un certo patrón, que evidencia algunhas áreas ás que o ataque estaba dirixido de forma especial.

Non é habitual, segundo destacan os expertos, que se atopen evidencias arqueolóxicas de ataques de tiburóns. Por iso, os investigadores acudiron a casos forenses modernos e contemporáneos sobre estes sucesos para atopar pistas. E comprobaron que moitas evidencias vinculaban o caso do xacemento xaponés cos encontros máis recentes. Con todos estes descartes, e outras análises en detalle, puideron concluír que se debían ao tiburón.

Modelo en 3D

Unha vez que se recolleron todas as marcas, os investigadores afrontaron o desafío de presentar os resultados da investigación dun xeito visual. Contactaron con co analista espacial John Pouncett para ver de que xeito podería representarse a investigación, utilizando técnicas semellantes ás dos sistemas de información xeográfica. Así, ‘mapearon’ as marcas e puideron constatar, grazas a isto, outros achados importantes, como o feito de que algunhas das mordeduras esgazaron arterias principais, o que suxire que a vítima do ataque perdeu a conciencia en poucos minutos e falecería pouco tempo despois. Aquí podes ver a reconstrución, usando os diferentes controis para moverte e ver con detalle os sinais do ataque:


Así, crese que despois do letal ataque, o corpo foi recuperado, probablemente polos seus compañeiros de pesca, e levado a un enterramento próximo. Os arqueólogos postulan que, no caso da perna esquerda, a colocación no enterramento pode deberse a que xa estaba moi danada cando o corpo foi trasladado ata a beira, e foi colocada sobre o peito no rito funerario posterior.

As análises tamén abordan cal foi a especie de tiburón implicada no ataque. Crese que se tratou dun tiburón tigre (Galeocerdo cuvier) ou branco (Carcharodon carcharias) polas marcas dentarias e os seus comportamentos habituais de distribución e alimentación, tendo en conta as condicións no mar de Seto naquela época. Como curiosidade, os autores da investigación destacan que non ficaron restos de dente incrustados, e que a cantidade de mordeduras e tan grande, e están tan superpostas, que non se puido illar ningunha suficientemente grande como para determinar o perfil dentario.

Vivo o morto durante o ataque? Cazador cazado?

É unha das principais cuestións a resolver. O enterramento no que se atopou o corpo dá máis pistas. Ademais da ausencia da man esquerda e a perna dereita, os rexistros da escavación constataron que a perna esquerda estaba colocada sobre o corpo en posición invertida. Arredor dos ósos da pelve hai marcas de mordeduras que se corresponden coa perda da perna dereita. E a maioría de marcas na parte inferior do corpo suxire que a persoa estaba nadando cando se produciu o ataque. Engaden os investigadores, ademais, que a perda da man esquerda podería corresponderse cunha lesión defensiva, mentres que o cranio e as vértebras están libres de lesións, probablemente porque non eran suficientemente ‘atractivas’ para o tiburón.

Outra das dúbidas que permanece reside nas circunstancias que rodean ao ataque, xa que se trata de acontecementos moi pouco habituais na arqueoloxía. A gran maioría destes encontros acaban en morte dos tiburóns, e non dos humanos. E crese que durante a época na que se produciron os feitos era habitual a caza de escualos nesta zona.

O xacemento no que se atopou o corpo pertence á cultura Jōmon, onde se localizan algunhas das primeiras producións de cerámica do mundo. Elaboraban ferramentas de pedra e óso, e comerciaron con materiais como o xade ou a obsidiana. O seu desenvolvemento técnico e socioeconómico levounos a establecer unha forma de vida semi-sedentaria. Os seus enterramentos destacan esteticamente por estar ubicados en montículos de cunchas, como é o caso do que albergaba o corpo do ataque do tiburón. Estas estruturas axudaron a preservar os restos humanos nun solo ácido, como o que abrangue boa parte do arquipélago xaponés, no que é difícil que os restos óseos duren moito tempo.


Referencia: 3000-year-old shark attack victim from Tsukumo shell-mound, Okayama, Japan (Publicado en Journal of Archaeological Science: Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o estreptococo ‘carnívoro’ que desata a alarma en Xapón?

O país asiático está a detectar unha tendencia a unha maior circulación dunha cepa hipervirulenta que xa deixa 378 casos no que levamos de ano

O raro estreptococo que se propaga por Xapón: debemos preocuparnos en Galicia?

O epidemiólogo Juan Gestal chama á calma e apunta que dende a covid a sociedade é “moi sensible ante o anuncio de calquera gromo"

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble