Cal é o animal que máis mata no mundo? A resposta pode ser rápida e sinxela: con moita diferencia, o Homo sapiens é o que máis seres vivos destrúe para alimentarse, vestirse e aumentar a súa expansión polo planeta. Pero se falamos de vítimas humanas, a listaxe é distinta, e non se parece moito a visión das feras letais que nos chega desde a ficción. Nin os tiburóns, nin os crocodilos nin os leóns están entre os cinco animais máis mortíferos do planeta.
A listaxe desenvolveuna hai uns anos a Fundación Bill e Melinda Gates, a partir dos datos de institucións como a OMS, a FAO e diversos estudos científicos que calcularon a mortalidade humana producida por diversas especies. Con todo, ten limitacións, xa que non contabiliza, por exemplo, as mortes causadas por accidentes co gando bovino (touros, por exemplo) que probablemente superen a algúns dos animais mencionados. E ademais, con moita probabilidade, os humanos matan máis a calquera destas especies do que elas fan connosco. Esta é:
15. Tiburóns
Aínda que a saga Tiburón xerou pánico en varias xeracións, e mesmo segue asustando cando aparecen especies inofensivas nas costas galegas, a realidade é que menos de 10 persoas morren cada ano en todo o planeta debido a ataques destes escualos. O Museo de Florida, que realiza estatísticas anuais sobre este asunto, subliña que en 2018 hounbo 66 ataques “non provocados” por humanos; é dicir, que non houbo interacción previa co animal. Case a metade (32) foron nos Estados Unidos, e 20 en Australia. E de todos estes, só se rexistraron catro mortes.
14. Lobos
É outro animal sobre o que pesa unha longa lenda negra, e que segue xerando moito debate debido aos danos que sofre o gando. Pero case nunca atacan a seres humanos. Unha revisión internacional (ver PDF) expuxo que cada ano se rexistran menos de 10 vítimas mortais polos ataques de Canis lupus.
13. Leóns
O rei da sabana arrastra unha imaxe de fereza que se pode constatar, en parte, cos datos rexistrados en países como Tanzania. Unha revisión realizada en 2005 expuxo que, desde 1990, só neste país morreran 563 persoas (máis de 37 cada ano) e outras 308 resultaran feridas. Ao ser probable que fóra deste país tiveran lugar máis mortes, a cifra é superior, pero non se coñece con exactitude.
12. Elefantes
En 2005, un documental de National Geographic expuxo que ata 500 persoas morrían cada ano por ataques dos elefantes. Outros informes, como o de WWF (ver en PDF), falaban de máis de 200 persoas só en Kenia. Pero a cifra queda anana cando se compara coa masacre sufrida por estes xigantes a mans do ser humano, acadando ritmos de máis de 10.000 por ano.
11. Hipopótamos
Aínda que non teñen tanta sona de mortíferos, foron durante moito tempo os animais que máis mortes causaban en África. A maioría dos ataques (que causan máis de 500 mortes cada ano) acontecen en zonas de cultivos próximos á auga, e moitas veces de noite, cando os agricultores se ven sorprendidos por estes enormes animais, ou ben por envorcamentos de barcos.
10. Crocodilos
De entre os animáis que causan a morte aos humanos por danos físicos directos (mordeduras, traumatismos, etc.) os crocodilos son os máis letais. Algúns documentos de autoridades de Zambia e Mozambique así o constatan, aínda que é posible que algunhas das mortes non se cheguen a reportar de forma oficial. A Universidade Charles Darwin de Australia mantén activo o proxecto CrocBite, co que pretenden seguir os ataques que se rexistran en todo o mundo. Apuntan que a cifra non está clara, pero calculan que unhas 1.000 persoas morren cada ano debido aos ataques destes réptiles.
9. Tenias
Cando non se toman as precaucións e as medidas de seguridade precisas, estes vermes poden pasar ao organismo a través do consumo de carne de porco. Se chegan ao sistema nervioso, poden causar neurocistercose, unha doenza que pode levar á epilepsia. As tenias causan un 30% dos casos de epilepsia nas zonas pouco desenvolvidas, e as crises epilépticas poden levar á morte en moitas ocasións, se non se tratan debidamente. Estímase que máis de 2.000 persoas morren cada ano por estes problemas.
8. Mosca tsé-tsé
A famosa enfermidade do sono que causa un parasito transmitido por este insecto pode ser letal. Aínda que o seu retroceso é notorio, nalgunhas epidemias recentes chegou a ser a segunda causa de morte despois da sida nalgunhas zonas de Angola, Congo e Sudán do Sur. A doenza ten o nome de tripanosomiase, e desencadéase pola actuación dun protozoo do xénero Trypanosoma. Os afectados desenvolven unha úlcera na zona da picadura, e, se non se trata, acaba xerando febre, dor, irritabilidade e danos no sistema nervioso, ata a morte. Estímase que 10.000 persoas falecen cada ano debido a isto.
7. Chinches
Se a mosca tsé-tsé transporta a tripanosomiase en África, o vector en América doutra das variantes desta enfermidade é a chinche e outros insectos da familia dos Triatominae. Porén, no continente americano é coñecida comomal de Chagas. A doenza transmítese aos humanos cando estes insectos pican aos humanos e deixan as súas feces ou ouriños preto da picadura. Unhas 12.000 persoas falecen cada ano debido ao Chagas.
6. Ascárides
Estes nematodos presentes nos excrementos humanos producen ascaridíase, unha enfermidade que afecta ao intestino delgado, especialmente nos nenos e nenas, xa que adoitan xogar e moverse en zonas de deficiente saneamento onde as larvas deste verme están moi presentes.
A enfermidade ten unha enorme prevalenza (hai máis de 1.000 millóns de persoas infectadas), e calcúlase que unhas 20.000 persoas morren todos os anos, segundo a OMS, polas complicacións que pode xerar se non é tratada de forma axeitada.
5. Caracois de auga doce
En determinadas zonas de auga doce, sobre todo na África subsahariana, os caracois liberan larvas dun parasito da familia do xénero Schistosoma. Estas larvas poden penetrar na pel ao contacto coa auga. Ao medrar dentro do organismo, ocupan os vasos sanguíneos ou quedan atrapados nos tecidos, polo que xeran unha reacción inmunitaria e un dano progresivo nos órganos, que pode ser irreversible se non se trata a tempo. Crese que máis de 20.000 persoas, case todas en África, morren cada ano debido á esquistosomiase.
4. Cans
Parece sorprendente, sendo a mascota principal dos seres humanos no planeta, pero é así, porque a rabia, transmitida por un virus da familia Rhabdoviridae aínda non está erradicada. E o 99% dos casos de rabia son transmitidos pola mordedura dun can. Existe xa unha vacina, que reduciu en gran medida o número de falecementos, pero nas persoas non inmunizadas, unha vez aparecen os síntomas, a doenza acaba sendo mortal moitas veces. Estímase que 35.000 persoas seguen morrendo cada ano por esta enfermidade.
3. Serpes
A mordedura dalgunhas especies, sobre todo en zonas tropicais, segue sendo letal para os humanos. As eivas na investigación e distribución de antídotos manteñen estes ataques como un enorme problema de saúde pública en Asia, África ou América Latina. Entre 81.000 e 138.000 persoas morren cada ano por picaduras, e os casos de amputación e discapacidade permanente triplican estes datos.
2. Ser humano
Non só somos letais para as outras especies, senón para nós mesmos. Segundo o último informe da ONU sobre droga e crime, en 2017 morreron 464.000 persoas por homicidos e 89.000 en conflitos armados.
📢Homicide Report OUT NOW‼️
In 2017 5️⃣ times more people were killed in #homicide than in armed conflict.
464,000 people killed in homicides
89,000 people killed in armed conflicts🧐#HomicideReport 2019 https://t.co/0oGULYuGME
📑Press Release https://t.co/N8y4nW90sW pic.twitter.com/bXRmMaP3Tz— UN Office on Drugs & Crime (@UNODC) July 8, 2019
1. Mosquitos
O único animal que mata máis ca nós mesmos é este pequeno insecto. Alén das picaduras case inofensivas que sufrimos todos os veráns, a xente segue morrendo por centos de miles todos os anos debido principalmente á malaria e o dengue. Aínda que as taxas de mortalidade están descendendo a gran velocidade debido á mellora da atención sanitaria, e mesmo se están probando vacinas contra a malaria, calcúlase que máis de 700.000 persoas morren polas doenzas nas que actúan como vectores os insectos do xénero Aedes e Anopheles.