Venres 29 Marzo 2024

Estamos por fin ante a vacina definitiva contra a malaria?

*Un artigo de 

Segundo a OMS, a malaria causa 435.000 mortes anuais, o 60% en nenos menores de cinco anos na África subsahariana. Son poucas as veces que, como profesora e investigadora, se ten a posibilidade de explicar a estudantes universitarios, despois de case trinta anos de docencia sobre parasitoloxía e enfermidades parasitarias, que por fin existe unha vacina eficaz e dispoñible, quizais a un prezo razoable, para unha das enfermidades que maiores causas de morbilidade e mortalidade produce a nivel mundial.

Publicidade

A Dra. Elena Gómez Diaz, do Instituto de Parasitologxía e Biomedicina López-Neyra, falaba diso nun recente artigo. Coa malaria enfrontámonos a un organismo para o que xa non serve a maneira que tiñamos de elaborar vacinas. Os virus e as bacterias teñen estruturas e ciclos máis simples, pero os parasitos son outra cousa e a tecnoloxía que se utilizou ata a data non parece funcionar.

Plasmodium spp. é un parasito cun ciclo biolóxico complexo con varias fases (esporozoítos, merozoitos hepáticos e gametocitos) que se desenvolven en diferentes hospedadores. O parasito cambia o suficiente como para que se necesite unha vacina para cada fase.

Ao longo de todo o século XX, a malaria causou máis perdas entre os soldados en misións realizadas en rexións endémicas que as balas

Ao longo de todo o século XX, a malaria causou máis perdas entre os soldados en misións realizadas en rexións endémicas que as balas. Os primeiros intentos de elaboración dunha vacina datan de 1942, en plena Guerra Mundial, cando dous investigadores do Instituto Pasteur do Sur da India empregaron esporozoítos atenuados do parasito da malaria que afecta a aves e conseguiron unha redución da mortalidade do 21%. Vinte e cinco anos máis tarde, Nussenzweig publicou en Nature o seu traballo con esporozoítos irradiados con raios X do plasmodio que produciron en ratos unha inmunización parcial.

O paso á inmunización de humanos iniciouse nos anos 70 coa inoculación de esporozoítos de mosquitos irradiados en voluntarios que quedaban protexidos da malaria entre tres e seis meses. Os traballos con voluntarios continuaron durante os anos 80; o esporozoíto parecía ser a fase clave, pero a inmunización perdíase co tempo e as conclusións definitivas estaban lonxe de chegar. Aínda o están.

As primeiras vacinas da malaria

Nos anos 90, as investigacións de Manuel E. Patarroyo centráronse na utilización de proteínas do parasito que deron lugar ao péptido sintético SPf66 e o que parecía unha nova esperanza de inmunización que funcionaba en monos. A chamada Colfavac (Colombian Falciparum Vaccine) foi doada á OMS, ensaiándose en humanos en diferentes países.

Pero, a pesar das boas perspectivas nos ensaios de fase I, nos que se observou unha eficacia dun 75% e boa tolerancia, os ensaios en fases II e III non mantiveron a protección en nenos africanos (2%), presentaron unha protección variable en Asia e unha baixa protección en América do Sur (28%). Esa eficacia inicial, ademais, perdíase ao cabo do tempo. Posteriores estudos realizados recomendaban novas investigacións con novas formulacións de SPf66.

Imaxe ao microscopio do Plasmodium, parasito causante da malaria.
Imaxe ao microscopio do Plasmodium, parasito causante da malaria.

Patarroyo non trataba de crear unha vacina universal, senón de obter un método universal para desenvolver calquera vacina. Un obxectivo moito máis ambicioso.

No que levamos de milenio, grazas ao financiamento da farmacéutica GlaxoSmithKline e da Fundación Bill e Melinda Gates, con aprobación da Axencia Europea de Medicamentos, desenvolveuse a RTS,S/AS01. É unha vacina baseada en dúas proteínas da superficie do plasmodio capaces de activar o sistema inmunitario humano, rexistrada como Mosquirix®.

Pero chegar ata aquí tampouco foi fácil. No ano 2012, tras actuar en nenos de 5-17 meses reducindo os casos de malaria grave ao 50%, a efectividade da vacina RTS,S caeu. Os ensaios realizados no 2015 indicaron que cunha cuarta dose de reforzo os resultados melloraban. Seguiuse recomendando aplicar a vacina xunto a outras medidas de control como fármacos ou mosquiteiras, sobre todo, en áreas de elevada transmisión.

Non hai negocio na pobreza

Hai que ter en conta que as enfermidades tropicais afectan, principalmente, a persoas que viven en rexións pobres de países en vías de desenvolvemento. A súa investigación non ten excesivo interese económico para as empresas farmacéuticas ao tratarse dun mercado que non pode pagar o prezo dos tratamentos.

A industria farmacéutica (ver PDF) está orientada, sobre todo, a enfermidades crónicas tratadas con medicamentos altamente rendibles. Existe unha necesidade urxente de aumentar os incentivos para promover a investigación e o desenvolvemento de medicamentos para as chamadas “enfermidades da pobreza”. Os gobernos desempeñan un papel básico en reducir as desigualdades na saúde e garantir o acceso ás mellores terapias dispoñibles.

“A investigación en rexións pobres non ten excesivo interese para as empresas farmacéuticas”

África, cun alto crecemento poboacional e económico, é un mercado potencial cada vez maior para as vacinas. Xa existen estudos recentes (PDF) que van na liña de activar o investimento para a produción de vacinas en África, buscando a maneira de facela alcanzable para a maioría de gobernos e investidores africanos.

Os fármacos e vacinas como negocio sempre estiveron no punto de mira, pero máis aló dos beneficios da súa venda, o investimento en vacinas implica a longo prazo aforro en gastos sanitarios derivados da enfermidade.

A RTS,S: unha vacina rendible contra a malaria

No ano 2014, os resultados obtidos en Malawi (ver PDF) comparando a custo-efectividade da vacina RTS,S/AS01 e do uso de mosquiteras sinalaban á vacina como un compoñente moi rendible dos futuros programas de control da malaria no país.

A pesar diso, a investigación sobre a vacina da malaria estivo estancada durante moito tempo. O proxecto parouse cando a farmacéutica GlaxoSmithKline xa levaba investidos preto de 300 millóns de dólares sen apenas resultados, deixando a vacina almacenada nun andel. O uso de novas técnicas de estudo e as asociacións público-privadas que se repartiron os custos impulsaron un novo avance.

Así, o consorcio formado entre PATH Malaria Vaccine Initiative (Fundación Gates), GlaxoSmithKline e o Instituto de Investigación Walter Reed Army, que ten a infraestrutura necesaria para a produción de vacinas a gran escala en pouco tempo, continuou traballando. Uníronse diferentes ministerios de saúde de países africanos e moitos outros socios nacionais e internacionais e organizacións como GAVI-Vaccine Alliance, Global Fund e Unitaid.

Toda esa colaboración resultou no desenvolvemento dun programa mundial de vacinación que se iniciará en breve en Malawi e que se ampliará a outros países africanos.

Esperanza e cautela

Xa sabemos que a vacina RTS,S está concibida para usala en nenos, non en adultos, e que a súa efectividade non é do 100 %. Sabemos que é preciso recibir catro doses de recordo porque a eficacia redúcese co tempo. Con todo, a loxística de como se vai a administrar é moi complexa e non coñecemos o prezo de produción da vacina nin o prezo co que se vai a comercializar. A empresa farmacéutica planea sacala ao mercado cun prezo de custo máis o 14 %, que pretende destinar á investigación de novos fármacos contra a enfermidade.

A pesar diso, será moi útil. Salvará miles de vidas e constituirá unha ferramenta no control da malaria, engadida ao paquete básico de medidas recomendadas pola OMS na prevención da enfermidade, que inclúe o uso de mosquiteiras tratadas con insecticida, os diagnósticos temperáns e o uso de fármacos para o tratamento da malaria.

Pero os investigadores xa estamos habituados a tomar as boas noticias con precaución. Trátase dun paso máis na loita, nada novo na historia dunha enfermidade chea de fracasos e de éxitos que co devir do tempo se volven parciais.

Aínda así, constitúe un motivo de celebración para aqueles que traballaron durante tantos anos dando pasos curtos na boa dirección e, sobre todo, para as persoas que a necesitan. É preciso investir, investigar e traballar tamén nas enfermidades que nos parecen afastadas. Por xustiza, por ética e por responsabilidade social.

Consuelo Giménez Pardo é profesora de Enfermidades Tropicais e Saúde Global da Universidad de Alcalá de Henares, e directora do Máster Universitario en Acción Humanitaria Sanitaria na mesma institución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia

Febre de Lassa: cal é o risco do novo gromo xurdido en África?

Durante as primeiras semansa de 2023, Nixeria notifica 244 infeccións, 37 mortes e unha taxa de letalidade que xa se sitúa no 15,1%

Epidemias activas en 2022: como combater os gromos?

Ademais da sida e da covid-19, nestes momentos hai gromos epidémicos doutras seis infeccións humanas: gripe, VRS, polio, ébola, varíola do mono e cólera

Un equipo de Santiago mellora a eficacia terapéutica contra a artrite reumatoide

O investigador Iván Lamela formula na súa tese modelos de microcápsulas aptas para tratamentos a nivel intraarticular