Cunha vida acelerada, custa virar a vista ao pasado. Con todo, isto é o que intenta o Concello de Beariz (Ourense) coa restauración dun dos seus establecementos emblemáticos para convertelo en museo: a botica de Doade. Este espazo ilustra de xeito único o oficio dun farmacéutico en Galicia dende finais do século XIX ata os anos 60. “Ten moita importancia para a nosa profesión”, explica Miguel Álvarez Soaje, un dos colaboradores do proxecto, xunto aos farmacéuticos Nicanor Floro Andrés Rodríguez e Luis Serantes García, sobre esta exposición que se inaugurará o próximo 24 de outubro.
Hai recoñecidas farmacias antigas en Galicia, como a Doutor Couceiro (Betanzos), a de Fabeiro-Vila (Negreira) e Peñamaría (A Fonsagrada). Non obstante, estas seguen a funcionar, e contan con ordenadores, lámpadas modernas, cables e xente traballando, polo que perden, en certa madeira, a súa esencia. Mentres, “a de Doade é a única en Galicia na que o tempo se detivo”, di Álvarez Soaje, pois salvo uns apliques á vista, todo o exposto é orixinal e está perfectamente conservado.
“Un, cando entra alí, ve unha botica pequena e rural, pero completa”, converténdose no valor máis especial para o colaborador. Materia prima, medicamentos, instrumental de laboratorio e mobiliario farmacéutico conforman este espazo, que pasou de ser unha oficina de farmacia a un lugar divulgativo e representativo da comarca.
De clínica veterinaria a museo
O fundador da farmacia, Darío Janeiro, e o seu sucesor, Jose Janeiro, tiveron unha clara importancia na sociedade de Beariz na súa época. Probablemente foran os únicos licenciados en quilómetros á redonda, tal e como apunta Álvarez Soaje, tamén doutor en Historia da Ciencia. “Estes homes tiñan que facer de todo”, segundo o tenente alcalde, Tomás Sancho, quen explica que prestaban diñeiro á xente e interpretaban documentos oficiais. Os farmacéuticos rurais do século XX solucionaban problemas diarios, tanto sanitarios coma burocráticos e económicos.
Mais a historia da botica de Doade rematou: o último titular cedeu o recinto ao xubilarse, sen descendentes, ao seu irmán veterinario. O establecemento seguiu activo a través doutra actividade similar, aínda que poucos anos despois volveu pechar. Con todo, cando comezou este proxecto de restauración en 2014, a pesar do bo estado do espazo, estaba tamén desordenado, con elementos engadidos pola actividade veterinaria.
O proceso de transformación cara ao museo arrincou cunha obra mínima na que se tratou a madeira da farmacia. Posteriormente, inventariáronse as numerosas pezas coas que conta a colección, unha tarefa en mans de Victoria Folgueira, conservadora-restauradora de bens culturais, e o seu axudante, Jesús Rodríguez Ayude. Mentres, Álvarez Soaje coordinou a reorganización orixinal dos espazos e dos medicamentos nas estanterías pertinentes, seguindo unha orde cronolóxica e funcional. Estas convertéronse nas claves para traer de volta o espírito farmacéutico.
Distribución orixinal
Segundo o farmacéutico, outro elemento a destacar deste recinto é a distribución de espazos. Mantense a disposición orixinal, cunha zona pública central sobre a que xiran o resto de salas: o despacho, a zona de estudo e a rebotica “ofrecen unha visión directa da sala principal”.
Destes, hai un que destaca sobre os demais: o laboratorio, que constitúe aproximadamente o 35% do total. “Isto revela a importancia que tiña a elaboración de medicamentos”, explica o historiador. Deste xeito, consérvase todo o material desta zona de traballo e un gran número de medicinas que tiveron que ser separadas polo seu perigo. Por exemplo, os tóxicos tiveron que gardarse nun moble aparte e gran parte dos frascos protexéronse tras pantallas de metacrilato nas estanterías con fácil acceso para o público.



“Toda a farmacia está disposta para que o visitante poida contemplar todo”, afirma. A través deste modus operandi, mantense a orixinalidade desta botica rural e da súa actividade inicial: instrumental de laboratorio sobre a mesa, as receitas sobre o estudo do farmacéutico, papeis na zona de despacho…
Unha colección de 4.000 pezas
A botica de Doade, composta por arredor de 4.000 pezas, complétase grazas á diversidade de mobiliario e instrumental que alí se conserva. A través das súas estanterías, pódese trazar unha visión xeral da evolución do medicamento. Moitos destes medicamentos pertencen aos anos 30, ao período de entreguerras, cando se estableceu a industria farmacéutica actual en Francia e Alemaña.
Outras medicinas consérvanse nos seus tarros orixinais, moitos deles con deseño francés. Tamén destaca a presenza de augas medicinais, pois “por aquel entón, as farmacias dispensaban este tipo de productos con utilidade terapéutica”. Entre as medicinas de uso diario, tamén se comercializaban velenos, como a estricnina, o beleño ou a dixital. Un dos máis curiosos é a triaca magna, un medicamento empregado dende a Idade Media e formado por máis de 60 compostos.



A pesar de atoparse no rural, a partir da Segunda Guerra Mundial, “a distribución farmacéutica en Galicia non era moi distinta á de hoxe en día”, informa Álvarez Soaje. Isto explicaría a presenza de produtos internacionais en Beariz, froito de relacións en Congresos de Farmacéuticos, as revistas médicas e os visitadores. Probablemente, segundo o farmacéutico, os subministros procedían de Madrid, Vigo e A Coruña. Nesta última fase, tras a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, estableceuse o medicamento industrializado, unha etapa que a de Doade experimentou poucos anos, polo que estas especialidades teñen unha representación máis reducida no conxunto.
Unha viaxe pola historia da Farmacia
Esta visita pola farmacia galega non é só física, senón que tamén se ofrece unha experiencia virtual. Un día, Miguel Álvarez Soaje e Tomás Sancho preguntáronse: “Como podemos ir máis aló?”. Coa fin de achegar a botica a un público máis amplo, xurdiu a idea da visita en 3D, presentado por Xi Fotografía, a través da toma de miles de imaxes. “É un contraste moi interesante e unha forma de facilitar o acceso”, opina o investigador.
Despois de anos traballando nesta restauración, a principal baza coa que contan dende o Concello de Beariz é “sorprender a xente cunha viaxe no tempo”. Como unha vía de ensino diferente, este local reaparece como unha caixa chea de curiosidades, dirixida a unha audiencia potencial que abrangue dende escolares ata personalidades do eido farmacéutico.

Con todo, a importancia non só reside no contexto divulgativo galego, senón nun plano máis amplo. Álvarez Soaje forma parte da asociación “Aromas Itinerarium Salutis”, con sede en Valencia, coa que ven de constituir o Itinerario cultural europeo de las farmacias históricas y jardines medicinales, recoñecido xa oficialmente polo Consello de Europa o pasado mes de setembro. Agora, a botica de Doade xa está dentro, e só é cuestión de tempo que pase a formar parte deste. Así, “ábrese unha vía moi interesante”, pois pasará a estar referenciada na relación de itinerarios culturais de Europa.
“Espérase que isto sexa como un empurrón para a visibilidade e o percorrido da botica de Beariz no futuro”, aclara Álvarez Soaje. O obxectivo a longo prazo, en palabras do historiador, é a posible creación dun museo de maior tamaño no edificio, con salas de exposicións temporais, no que podería ser o primeiro Museo da Farmacia de Galicia.
Podes acceder á visita 3D da botica de Doade na seguinte ligazón.














