A mprox xa se atopa en Galicia. Así o confirma a Consellería de Sanidade, quen rexistrou nove infeccións entre o 15 de decembro de 2025 e o 25 de xaneiro de 2026, sete delas localizadas na provincia da Coruña. A autoridade asegura que aínda non se coñece a orixe. A enfermidade, tamén coñecida como varíola M, foi declarada como unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional (ESPII) en dúas ocasións, en 2022 e 2024. Na primeira, Galicia superou o limiar dos 100 casos, pero agora a historia vólvese repetir cun novo gromo.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) descríbea como unha enfermidade causada por un virus, un membro do xénero Orthopoxvirus, que se transmite fundamentalmente polo contacto estreito entre persoas, pel con pel, boca con boca ou boca e pel, así como cara con cara. Tamén hai casos nos que a enfermidade se transmitiu a través de obxectos e superficies tocadas por unha persoa infectada, e mesmo polo contacto con animais salvaxes portadores do virus.
Antonio Antela, especialista en enfermidades infecciosas e coordinador da Unidade de VIH e ITS do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), sinala que os sete casos rexistrados na Coruña están asociados a unha sauna, polo que a súa hipótese principal reside en que o gromo está relacionado con prácticas sexuais en homes que teñen sexo con homes e reunións de prácticas sexuais colectivas, como ocorreu no gromo mundial que comezou no ano 2022.
Segundo o organismo internacional de saúde, existen dúas variantes do virus, Clado I e Clado II, que varían na súa transmisibilidade, gravidade e distribución xeográfica. Aínda que a variante II foi a que ocasionou a epidemia de hai catro anos, a variante I é a que provoca cadros máis graves da enfermidade. Esta última é endémica en cinco países africanos: República Democrática do Congo (RDC), o Congo, Gabón, Sudán do Sur e na República Centroafricana. En 2023 atopouse un subtipo denominado Clado Ib. Con todo, aínda non se sabe cal destas variantes está a afectar a este recente gromo detectado en Galicia.
Situación en Galicia e no mundo
A varíola M afectou a todos os continentes en 2022, momento no que saíu de África por medio duns turistas británicos e comezou a estenderse dende Reino Unido. O virus contáxiase polo contacto estreito entre unha persoa con erupcións cutáneas contaxiosas e outra sa. “Non hai nada que estableza unha relación máis pel con pel, mucosa con mucosa, que as relacións sexuais”, sinala o doutor Antela. Este primeiro gromo controlouse grazas ao tratamento existente e á existencia dunha vacina eficaz.
Con todo, a preocupación chegou cando apareceu un novo gromo en 2023, o cal se asociou ás traballadoras sexuais que atendían os empregados dunha unha rexión mineira na RDC procedentes dos países colindantes. Segundo o especialista, neste caso a forma de transmisión semellaba distinta: non se asociou a relacións de homes con homes, senón a relacións heterosexuais. De feito, afectou mesmo a nenos que xogaban con estas mulleres. “Afortunadamente non saltou fóra de África e, de novo, puido controlarse polas vacinas”, sinala.
Agora, a situación de Galicia aseméllase máis ao primeiro gromo da mpox. Aínda que só é unha suposición, se realmente se asocia con relacións homosexuais, Antela explica que podería estenderse máis entre as persoas do colectivo. “No foco puido haber máis usuarios e persoas infectadas que puideron acudir a sitios onde poden ter as mesmas prácticas sexuais”, explica. O positivo é o pequeno número de infectados: “Se coñecemos o foco, podemos administrar a vacina e limitar o gromo”, explica, polo que nun primeiro momento rexeita unha posible repetición da situación de 2022 dada a detección precoz dos casos.
Como se contaxia?
Polo tanto, os grupos vulnerables da mpox son aqueles que teñen un contacto frecuente en relacións sexuais, especialmente sexo entre homes e sexo colectivo. Con todo, o risco de contraer a enfermidade non se limita a este grupo, senón que calquera que teña contacto estreito coas persoas con síntomas corre o risco de contaxiarse, ao igual que alguén que teña relacións con múltiples parellas. “Non busco estigmatizar, só se asocia ao modo de transmisión, aínda que todos nos podemos infectar”, aclara.
Isto ocorre porque durante o gromo de 2022 e 2023, a maioría dos casos notificados eran homes gais, bisexuais ou que tiñan relacións sexuais con homes, tal e como indica a OMS. “Estes colectivos poden estar máis expostos, pero non son os únicos”, sinala. Así, a estigmatización podería resultar nun problema para limitar a transmisión, xa que pode disuadir as persoas que padecen a enfermidade de acudir ao médico de inmediato.
Ademais, os coñecementos arredor desta enfermidade aínda non son completos. Por exemplo, a duración da inmunidade despois da infección está en constante evolución. De acordo coa axencia sanitaria, notificáronse casos de reinfección, o que indica que se pode contraer a enfermidade máis dunha vez.
O factor diferenciador: a erupción cutánea
Os signos iniciais da mpox adoitan aparecer unha semana despois da exposición ao virus, segundo indica a OMS, aínda que o período de incubación pode prolongarse ata os 21 días. O síntoma máis característico desta enfermidade é a erupción cutánea, que adoita comezar na cara e estenderse progresivamente ao resto do corpo, incluíndo as palmas das mans, as plantas dos pés e a zona xenital. Non obstante, a enfermidade pode manifestarse inicialmente con febre, dores musculares e dor de gorxa, antes da aparición das lesións na pel.

Este gromo na pel comeza xeralmente como unha mancha, que co paso do tempo evoluciona ata converterse nunha vesícula chea de líquido, a miúdo dolorosa ou con proído. A medida que avanza o proceso de curación, as lesións secan e forman costras. Ata que estas non caen e a pel rexenera por completo, a persoa pode seguir transmitindo o virus. Tal e como sinala a autoridade sanitaria internacional, o número de lesións pode variar notablemente, dende unhas poucas manchas ata centos delas.
Os síntomas adoitan persistir entre dúas e catro semanas, aínda que nas persoas cun sistema inmunitario debilitado a duración da enfermidade pode ser maior. Tamén se teñen notificado casos de asinomáticos, así como transmisións procedentes de persoas sen síntomas, aínda que non se coñece con exactitude a frecuencia deste tipo de contaxios.
Que tratamentos existen?
Principalmente, Antela sinala o tratamento sintomático como a principal solución fronte ao virus. Trátase da cura das lesións cutáneas a causa da dor que producen cando se asentan en zonas especialmente delicadas, como a anal ou a xenital. “No primeiro gromo chegaban a ingresar a persoas afectadas simplemente para administrar analxésicos e reducir a dor“, lembra.
Por outra banda, tamén existe un medicamento antiviral coñecido como Tecovirimat (TPOXX), aprobado para a administración en casos graves de mpox. “Non é excesivamente eficaz, pero emprégase en pacientes con complicacións maiores“, sinala, sobre todo en situacións desesperadas para diminuír esta doenza.
Con todo, o máis importante é que tamén existen vacinas que protexen contra a mpox, recomendadas principalmente para persoas de alto risco e traballadores da saúde. En Europa adminístrase a vacina de terceira xeración Imvanex para a inmunización activa, que contén unha porción atenuada do virus da varíola que non provoca a enfermidade.
E agora que? Secuenciación e prevención
Unha vez detectado o foco principal, o seguinte paso sería facer un estudo dos contactos dos primeiros casos para coñecer se as persoas están afectadas pola enfermidade e ofrecer de novo a vacinación á poboación vulnerable. Con todo, ademais do punto de vista da saúde pública, tamén hai que ter en conta a epidemioloxía: “Habería que estudar a que variante pertencen estes casos para saber con que gromo está relacionado e coñecer como se pode comportar o virus”, explica Antonio Antela.
Así, segundo o experto, a prevención debería vir por parte da poboación máis vulnerable. Recomenda que, en caso de presentar a sintomatoloxía, acudan ao médico ou ao especialista en enfermidades infecciosas para poder administrar unha revacinación. Mentres, sinala que “a poboación xeral non debería ter unha maior prevención fronte a este pequeno gromo”, aínda que se o número de casos aumenta e se observa un cambio na conduta do virus pode que cambie a folla de ruta. “En calquera caso, quen teña dúbidas, debe solicitar a vacina porque é eficaz”, conclúe Antela.













