Galicia supera os 100 casos de varíola do mono

A viróloga Ángeles Cañizares: "Parece que as cifras se están estancando pero a situación tivo que atallarse antes"

Galicia, a oitava comunidade autónoma con máis casos de varíola do mono.
Galicia, a oitava comunidade autónoma con máis casos de varíola do mono.

Miles de casos en todo o mundo dan conta das dimensións que xa acadou a varíola do mono, unha enfermidade endémica en zonas de África occidental e central. En maio de 2022 saltaron as alarmas en Reino Unido: era a primeira vez que se identificaban cadeas de transmisión en Europa. A partir de aí, un aumento sostido dos casos e a declaración de Emerxencia de Saúde Pública de Importancia Internacional por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS). Malia que os expertos concordan en que non se trata dunha doenza grave, Galicia xa supera o limiar dos 100 casos de varíola do mono. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, trátase da oitava comunidade autonóma con máis doentes notificados, sendo Madrid e Cataluña os dous focos principais (con 2.249 e 1.878 casos respectivamente).

“Ao principio, a curva foi para arriba. Agora temos a sensación de que se está estancando ou, incluso, baixando”, apunta a viróloga Ángeles Cañizares, seguindo as impresións recollidas no Laboratoio de Microbioloxía do CHUAC. “Parece que agora recibimos menos mostras. Antes tiñamos arredor de 15 nunha semana e agora non temos máis de catro ou seis. Por iso creo que están baixando os casos. Espero, de feito, que pronto se consiga controlar a situación”, continúa analizando a investigadora. Cañizares, que tamén forma parte do equipo galego que vén de mellorar a secuenciación do monkeypox, o virus que causa a varíola do mono, asegura que dende que comezou o actual gromo da doenza procesaron arredor de 100 mostras sospeitosas. “Arredor do 50% deron positivas. Agora, coa nova técnica, xa temos un método máis asequible e barato para identificalo”, asegura en relación ao seu último traballo publicado.

“Arredor do 3% dos pacientes requiren hospitalización”

ÁNGELES CAÑIZARES, viróloga do CHUAC

A medida que máis se investiga, máis se constata que as perspectivas semellan ser boas. Cañizares insiste en que, de momento, a varíola do mono non é considerada unha enfermidade grave. “A maioría dos casos nin sequera ingresan e reciben un seguimento ambulatorio. Só se hospitalizan arredor do 3% de doentes”, explica a viróloga. E engade: “Ademais, a media de ingreso é de tres días”. Aínda que a situación que describe Cañizares alenta á esperanza, España é o único país europeo —tamén o que ten máis casos, con 6.284— que notificou mortes. Dúas en total producidas por unha complicación da enfermidade. “O máis habitual é que os casos non sexan graves pero ás veces o doente sofre unha sepse ou unha encefalite, que foi o motivo polo que faleceron eses dous pacientes”, sinala a investigadora do CHUAC. E insta á calma, recordando que para contaxiarse é preciso un contacto moi estreito: “Ou ben sexual, ou ben moi continuado”.

Con todo, Cañizares advirte que un dos principais riscos da varíola do mono é que salte aos animais e se faga endémico en Europa. “O contaxio foi moi forte. A situación tiña que atallarse antes. Non sei se sen celeridade que se precisaba ou se faltou algo de pedagoxía, sobre todo para os grupos de risco, que probablemente non recibiron unha información o suficientemente clara”, apunta a viróloga. Cañizares tamén insiste en que hai unha porcentaxe significativa de pacientes de varíola do mono que presentan VIH. “Aínda que estean ben controlados sempre teñen un perigo maior”, recalca a investigadora.

A situación global

En Galicia a situación parece máis controlada que hai uns meses, malia que rexistra xa 103 infectados. A realidade é que o país está lonxe de acadar as cifras de Madrid e Cataluña, que notifican arredor de dous milleiros de casos cada unha. Son as dúas maiores contribucións á cifra total de España, que ascende de 6.284, converténdose no país de Europa con máis infectados e o único do continente que xa rexistra mortes derivadas da doenza. De feito, os seguintes países con máis pacientes afectados están lonxe das cifras españolas. Segundo o Ministerio de Sanidade, Alemaña ten 3.295 casos, a metade, e Reino Unido supera por pouco os 3.000.

Número de casos de varíola do mono por comunidades autónomas. Crédito: Elaboración propia

No que respecta ao resto do mundo, as cifras acadan os 23.035 casos. Estados Unidos está a cabeza, con 15.433 infectados. A diferenza de España, o país americano non rexistra ningunha morte. Si o fan Brasil e Ecuador, con un falecemento cada un, igual que a India. Xa en África, Nixeria acada as catro mortes no gromo actual, a República centroafricana notifica dúas e Ghana unha. Por outra banda, aos datos do Ministerio é preciso sumar as últimas actualizacións da OMS. A institución internacional vén de confirmar que o 98,2% dos casos son homes cunha media de idade de 36 anos.

A vacinación

Outra das vías que se está a implementar para frear o actual gromo de varíola do mono é a vacinación. A semana pasada, a Axencia Europea do Medicamento (EMA) anunciou que a vacina se podería administrar de forma intradérmica, malia que ata o momento só estaba autorizada de maneira subcutánea. Segundo informa o Science Media Centre España, o obxectivo é poder vacinar a máis persoas. A Comisión de Saúde Pública anunciou este luns que seguiría as pautas marcadas pola EMA para aquelas persoas maiores de idade nas que estea indicada a vacina contra a varíola do mono. A excepción a esta norma está nas embarazadas e as persoas inmunodeprimidas, ás que se lle administrará a dose completa por vía cutánea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.