Investigadores galegos clonan o carballo do Banquete de Conxo para garantir a súa conservación

Un equipo da Misión Biolóxica (MBG-CSIC) aplica técnicas de biotecnoloxía vexetal para crear copias idénticas dunha das árbores máis senlleiras de Galicia

O Avó ten máis de 250 anos e observa, impasible, como transcorre o tempo á beira do río Sar. O carballo do Banquete de Conxo é o máis lonxevo de toda a carballeira, un espazo de incalculable valor ecolóxico e cultural que sufriu innumerables vicisitudes que puxeron en xaque a súa supervivencia, como a tala indiscriminada que xa denunciara Rosalía de Castro a finais do século XIX. Agora, un equipo da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) vén de publicar un estudo no que logra clonar o carballo do Banquete de Conxo a través de varios segmentos das ramas da súa copa. Os principais obxectivos do experimento foron garantir a conservación do seu patrimonio xenético e contribuír a futuros programas de restauración forestal.

Detrás desta investigación está o grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal que dirixe Elena Corredoira Castro dende a sede compostelá da MBG-CSIC. Para realizar o experimento, aplicaron un protocolo de conservación mediante cultivo in vitro que xa empregaran para outros estudos similares. “As ramas teñen pequenos gromos ou xemas debaixo da cortiza. Traballamos con este material en laboratorio baixo condicións controladas, e logramos que se forme de novo nuns medios de cultivo específicos que xa tiñamos definidos para outros carballos”, apunta a investigadora principal. Por tanto, o carballo do Banquete de Conxo é un caso máis de éxito do protocolo de conservación deseñado polo equipo, que xa logrou a clonación doutros exemplares singulares, como a Carballa da Saínza (Rairiz de Veiga, Ourense).

Publicidade

O xerme do estudo

“Agora temos múltiples copias da árbore no noso laboratorio”, explica Corredoira. Estes clons do carballo do Banquete de Conxo son exactamente iso: exemplares idénticos a unha das árbores máis senlleiras de Galicia. “Encantounos facer este traballo porque con el contribuímos á conservación dun xenotipo de gran valor ecolóxico, cultural e simbólico“, sinala a investigadora da MBG-CSIC, quen tamén lembra os inicios deste estudo.

Xurdiu durante as prácticas extracurriculares de Pablo Piñeiro en 2022, cando se realizou a primeira recollida de ramas. Dous anos despois, durante a bolsa da que foi beneficiario Eduardo Piñas en novembro de 2024, levouse a cabo un segundo acopio de material. O traballo, que serviu para amosarlle ao alumnado o protocolo de conservación deseñado polo equipo, materializouse nun artigo publicado recentemente na revista Recursos Rurais do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Un patrimonio xenético único

Conservar o patrimonio xenético do carballo do Banquete de Conxo, así como doutras árbores singulares, ten un gran valor ecolóxico, cultural e paisaxístico. O estudo defende que, ao seren exemplares centenarios, posúen “xenotipos únicos” e poden ser empregados como “recursos xenéticos de alto interese para a investigación”. Ao ser lonxevos, talvez no seu ADN se poidan atopar as claves da adaptación ao cambio climático ou da resistencia a determinadas enfermidades. “Se perduraron ao longo de tanto tempo, pode que o seu acervo xenético os faga máis tolerantes a determinados cambios”, di Corredoira. Non obstante, que estes exemplares sexan centenarios non significa que sexan os mellores dende o punto de vista da xenética, dado que o azar tamén puido xogar un papel determinante para salvalos de incendios ou outras catástrofes.

  • Gromos do carballo do Banquete de Conxo en fase de multiplicación e cultivados en vitro.
  • Gromos do carballo do Banquete de Conxo xa enraizados e cultivos ex vitro en substrato.

No laboratorio do grupo hai agora múltiples copias do carballo do Banquete de Conxo ―incluído no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia este mes de novembro― grazas a técnicas de biotecnoloxía vexetal in vitro que demostraron ser un éxito. Máis alá dos métodos científicos que permitiron a súa clonación, Corredoira salienta que o estudo ten unha forte vertente cultural e simbólica. De feito, no xerme desta investigación está a declaración do exemplar como Árbore do Ano en España 2022 e como segunda Árbore do Ano en Europa 2022. Este recoñecemento serviu para poñer no foco mediático o carballo do Banquete de Conxo, testemuña indiscutible do acontecido na contorna nos últimos 200 anos.

Do Banquete de Conxo a Rosalía de Castro

O evento que máis marcou a súa historia dende o punto de vista do simbolismo e da identidade é o mesmo que lle dá nome: o banquete celebrado na carballeira ―que chegou a contar con arredor de 1.000 carballos― en 1856. O encontro reivindicou os valores democráticos e a xustiza social, e anticipou algunhas das proclamas do Rexurdimento. Na carballeira, estudantes universitarios ―considerados de clase acomodada― serviron as mesas de obreiros e artesáns nun xesto simbólico de inverter os papeis. O banquete, que se celebrou nun contexto de graves crises económicas en Galicia, coincidiu co décimo aniversario dos Mártires de Carral.

Os momentos máis lembrados e reivindicados con posterioridade pola Xeración Nós e as Irmandades da Fala foron os discursos de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane. Os dous primeiros incluso foron procesados polo seu brinde e condenados ao desterro nas illas Marianas, pero finalmente non se lles executou ningún castigo. A estes nomes sumaríase anos despois a voz de Rosalía, quen no poema Los Robles, publicado en Las orillas del Sar, denuncia as talas indiscriminadas da carballeira. De feito, é considerada unha das primeiras proclamas ecoloxistas do Estado. A carballeira tamén foi o espazo escollido para ambientar El primer loco, a súa última novela.

Amais das talas, o bosque tivo que facer fronte a outras ameazas, como a vía do tren que uniu a estación de Cornes con Carril en 1873 e que foi a primeira de toda Galicia. A infraestrutura partiu a carballeira, que inicialmente ocupaba 25 hectáreas e pertencía ao mosteiro de Santa María de Conxo. En 1885 reconverteuse nun psiquiátrico e a maior parte do bosque foi destinado aos internos. Non foi ata máis dun século despois, en 2018, cando o público volveu ter acceso á carballeira e tamén se recuperaron as comidas de confraternidade iniciadas naquel 1856 co Banquete de Conxo. Unha historia longa que puido ver O Avó, polo que agora, preto del, pasa o Camiño Portugués.

Ciencia e cultura

O estudo da MBG-CSIC demostra unha sinerxía necesaria entre ciencia e cultura. Neste caso, a biotecnoloxía ponse ao servizo do simbolismo e da historia dun espazo e dunha árbore singular para conservar a xenética dun carballo bicentenario. Agora, hai múltiples réplicas no laboratorio do equipo, en Santiago; copias perfectas dunha árbore que forma parte da historia máis recente de Galicia. Elena Corredoira, quen agradece a colaboración do departamento de Parques e Xardíns do Concello de Santiago de Compostela, lembra con agarimo esta investigación e recorda outros casos semellantes, como a conservación dalgúns castiñeiros da Fraga de Catasós. A través das súas palabras, queda patente o importante que pode ser o método científico para preservar os trazos máis simbólicos da cultura galega.


Referencia: Biotecnología para la propagación y conservación del carballo histórico del Banquete de Conxo (Publicado en Recursos rurais)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha salina romana no xacemento do Aguncheiro de Oia

Os arqueólogos escavan unha primeira área de 100 m2 de pavimentos e estruturas cuxa extensión estimada podería alcanzar os 4.000 m2

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións