A cara máis descoñecida de Rosalía: cando a poeta se opuxo á tala da carballeira de Conxo

A autora galega foi unha das primeiras en España en lanzar proclamas en defensa da natureza e do medio ambiente

Á esquerda, Rosalía de Castro. Á dereita, folla dun carballo incluída no
Á esquerda, Rosalía de Castro. Á dereita, folla dun carballo incluída no "Herbario de Rosalía". O crédito desta últime foto é de Miguel Fraga Vila.

Concello de Conxo, 23 de febreiro de 1837. O mundo dálle a benvida a María Rosalía Rita, filla dunha fidalga e dun crego. Hai 186 anos, ninguén sabía que aquel bebé revolucionaría a literatura galega e se convertería na embaixadora máis ilustre das nosas letras. Pero máis alá dos seus versos e da súa apaixonante vida, Rosalía de Castro tiña unha faceta descoñecida. Era unha gran amante da natureza, tal e como reflicten as múltiples referencias que recolle nos seus poemas. E tamén era unha fervente defensora do medio natural. O exemplo máis claro foi a denuncia das talas indiscriminadas na carballeira de Conxo, converténdose nunha das primeiras proclamas ecoloxistas de todo o Estado. Non hai mellor momento para lembrala ca este xoves, Día de Rosalía.

A súa crítica aparece recollida no poema Los Robles, publicado na obra En las orillas del Sar. Nos seus versos queda patente o seu amor irrefrenable pola natureza, cunha frase contundente: ¡Yo te amo!, en referencia á “árbore dura e altiva” que dá nome ao poema. De igual maneira, Rosalía menciona el hacha implacable, responsable das talas indiscriminadas, e insiste no seu ton determinante ao escribir: ¡Que calva aparece / La cima del monte! Polo tanto, a poeta galega non é indiferente á situación da carballeira de Conxo, que chegou a albergar 1.000 árbores e hoxe en día tan só conta con 40 carballos. Unhas cifras que dan conta da acción perpetrada ao longo do século XIX contra ese espazo natural.

A carballeira de Conxo chegou a ter 1.000 árbores, do que hoxe en día só quedan 40

Tan importante foi este lugar para Rosalía, próximo á casa na que naceu, que non só inspirou o poema Los Robles. Tamén serviu como base para a súa última novela, El primer loco, publicada en 1881 e ambientada toda ela na carballeira de Conxo. Non cabe dúbida, por tanto, do amor que sentía Rosalía cara a este espazo. E, máis en concreto, cara a árbore máis senlleira da cultura galega: o carballo. No poema Los robles, defíneo como árbol patrio, o que reforza o seu simbolismo natural e de importancia histórica para Galicia. Máis aínda nunha cidade como Santiago que, segundo o páxina do concurso The Tree of the Year, é unha das cidades españolas con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante.

De todas as árbores da carballeira, hai unha que sobresae. Coñécese comunmente como O Avó e foi testemuño envexable do Banquete de Conxo e, quen sabe, dos paseos de Rosalía en busca de inspiración. Foi elixido como árbore do ano en España e tamén competiu a nivel europeo en 2022, quedando en segundo posto. Con máis de dous séculos de historia e case 30 metros de altura, esta árbore non só foi un privilexiado observador dos últimos 200 anos; non só recibiu recoñecementos a nivel estatal e europeo; senón que foi loado por Rosalía, que encabezou unha defensa acérrima desta árbore e de todas as súas compañeiras, das que só sobreviviron 40.

Un herbario que ule a rosas

Máis alá do seu amor declarado ás árbores e, nomeadamente, aos carballos, Rosalía desprendía unha paixón indisimulada pola natureza. Diso tan boa conta as investigadoras da Universidade de Santiago María López Sández e María do Cebreiro, que a definen como unha “poeta da paisaxe”, e son as autoras do Herbario de Rosalía. A poeta foi, por tanto, un nexo entre literatura e natureza que queda ben reflictido nas súas múltiples referencias á rosa. Segundo explican as expertas nun artigo de The Conversation publicado en GCiencia, o suxeito lírico de Cantares gallegos é, precisamente, Rosa, un nome paranomásico de Rosalía. Ademais, esta flor conta con máis de 100 rexistros nestra obra e representa a muller, a beleza, a estética romántica e o emblema amoroso. Pero nalgúns poemas tamén se vincula co carácter efémero da vida: Voume quedando murchiña / como unha rosa que inverna.

Amais da rosa, a ilustre poeta fala das “flores humildes” e hai múltiples referencias ás margaridas, as violetas e os xasmíns. Pero, ás veces, os seus versos non só reflicten a cara máis amable da natureza, senón que se vincula cos tributos fúnebres, no que as autoras do artigo denominan as “herbas do cemiterio”. Así mesmo, Rosalía escribe sobre toxos, silvas, ortigas e cardos. Non parece casualidade, entón, que a súa primeira obra se titulase La flor. De feito, esta vinculación traspasou as fronteiras da vida e a mesma Rosalía solicitou que a enterrasen cun ramo de pensamentos cando morreu en 1885. Un xesto tan descoñecido como esa defensa fervente da natureza. Neste Día de Rosalía, só queda claro que a poeta non só foi un referente na escrita; tamén unha pioneira indiscutible do ecoloxismo galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.