Fragas do Eume, un modelo de “turismo consciente” baseado no ecoloxismo

Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da Coruña impulsan unha alianza co patrimonio natural e cultural

As Fragas do Eume son un dos espazos verdes más coñecidos de todo o Estado. É unha das mellores representacións de bosque atlántico de todo o noroeste e é un lugar único —case máxico na nosa terra— dun elevado valor ecolóxico e patrimonial. O crecemento do turismo en Galicia nos últimos anos puxo de manifesto a necesidade de conservar a biodiversidade deste lugar e avanzar, precisamente, na transformación dos destinos turísticos cara un modelo sostíbel que xere riqueza e que arraigue á xente no rural. Por iso, a Deputación de Coruña incluíu ás Fragas do Eume no seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino para desenvolver e potenciar este parque natural á vez que se protexe, sustentándose na transición verde, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de turismo, Xosé Regueira, explica que os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino poñen en valor o territorio e están deseñados para manter unha alianza co patrimonio natural, desenvolvendo “produtos complementarios turísticos” para que o medio rural non siga “perdendo talentos”. Ademais das Fragas do Eume, o Goberno da Coruña incluíu nesta iniciativa o Xeoparque de Ortegal, Os Fogóns de Anllóns e a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, zonas onde se promoverá unha maneira de viaxar que non contamine, que poña en valor a comunidade verde e que promocione o desenvolvemento económico, social e ambiental, mais tamén a cultura e os valores xeolóxicos.

Publicidade

“Cando a xente se achegue a estes territorios ten que saber que son espazos sensibles que hai que deixar no mesmo estado que se atopan”

XOSÉ REGUEIRA, vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de turismo

“Queremos que cando a xente se achegue a estes territorios saiba que son espazos sensibles que hai que deixar no mesmo estado que se atopan. Ten que haber un turismo consciente e queremos atraer as persoas con estas iniciativas”, comenta o deputado. Neste senso, son varias as actuacións que a Deputación da Coruña ten previsto iniciar nestes catro lugares tan variados e diferentes entre si, aínda que o obxectivo sexa común a todos. Por exemplo, o xeoturismo será o eixo condutor para desenvolver unha estratexia de desenvolvemento sostible no Xeoparque Ortegal, enmarcado na candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO. No caso dos Fogóns de Anllóns, preténdese posicionar esta zona como un destino referencia de natureza e a nivel gastronómico, con infraestruturas que coiden o río e mitiguen os efectos negativos da actividade humana e o cambio climático. E para a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Regueira explica a oportunidade deste territorio para adicalo ao deporte, dinamizar o rural e xerar oportunidades para a valoración de produtos locais.

As Fragas do Eume. Fonte: turismo.gal

A natureza como elemento central

O bosque mixto das Fragas do Eume considérase un dos máis extensos do litoral e é moi relevante a nivel europeo pola súa frondosa carballeira. Ten un clima húmido, o que fomenta unha amplia variedade vexetal e é un entorno ideal para os anfibios, de feito, aquí atópanse 13 das 15 especies de Galicia. A súa fauna é diversa, habendo ata 103 especies de aves e 41 de mamíferos. Son múltiples as actividades que se poden realizar neste entorno, rutas máxicas a pé ou bicicleta, visitar o Mosterio de Caaveiro, o de Santa María de Monfero, o mirador de Carboeira ou mesmo facer rutas en kayak. O Plan de Sostentabilidade Turística en Destino persegue un modelo baseado na natureza e os recursos naturais como elemento central.

A partir desta iniciativa, Xosé Regueira explica que se pretende mellorar e crear os equipamentos e servizos turísticos capaces de atender a demanda dos consumidores e que permitan unha axeitada xestión do destino. Estas actuacións teñen como finalidade potenciar a cogobernanza turística entre todos os implicados no sector, co fin de sentar as bases para a xestión futura do destino. De feito, a Deputación colabora coa Xunta nun plan de usos para sensibilizar e crear recursos de calidade nos concellos e que estes formen parte da oferta turística, como poden ser o casco histórico de Pontedeume, que afecta tamén o camiño inglés, ou a gastronomía de Cabanas. “Queremos desconxestionar as Fragas do Eume e poñer límites ao seu aproveitamento. Para toda aquela xente que chega a pasar unhas vacacións, que teña moitos máis recursos tamén de alta calidade”, explica o deputado.

Para achegar a sustentabilidade ás fragas do Eume, promoverase unha xestión dos fluxos turísticos en zonas de alta afluencia, implementando contadores mecánicos para espazos exteriores en Ombre, Pontedeume e A Capela. “O ecosistema debe estar equilibrado e o uso do turismo ten que obedecer ao que é máis aconsellable cientificamente”, conta Regueira. Así mesmo, crearanse roteiros micolóxicos, florísticos, etnográficos, e similares para xerar un turismo asociado á natureza; implantarase unha lanzadeira eléctrica, aparcamentos disuasorios, a creación dun área de servizo de caravanas en Cabanas e a creación dun centro bicicletas todo terreo (BTT) para reformular o modelo de uso público que sexa compatible cos valores ecolóxicos e ambientais.

O falcón é unha das especies que se poden contemplar nas Fragas do Eume.

A aposta por unha transición verde e sostíbel permitirá á comarca do Eume abordar os retos globais como son o cambio climático e a degradación ambiental, co fin de reducir as emisións de CO2 e o consumo de enerxía. Ademais, é fundamental unha transformación dixital para poder adaptar a comarca ao cambio social que supuxo e supón a irrupción das novas tecnoloxías e favorecer así á competitividade, a través dunha aposta polos sistemas de calidade turística e a formación do sector, público e privado. Por iso, a Deputación promoverá a creación de aplicacións informáticas e someteranse a estudo aquelas zonas con deficiente conectividade a internet, xa que é algo prioritario para as empresas turísticas e facilitará tamén a seguridade do parque e o control de persoas. “Se queremos ter un turismo competitivo, temos que ter as ferramentas que preserven os espazos que esas persoas buscan, e que no caso de Galicia, son os espazos naturais”, alega Regueira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

As Fragas do Eume: a pé ou en bicicleta?

A Deputación de Coruña creará aparcadoiros disuasorios para promover a mobilidade sostible dentro do espazo natural

A riqueza de Cabo Ortegal, a tan só un paso de converterse en Xeoparque

A Deputación da Coruña, en colaboración con sete concellos, promoveron a iniciativa, que se pode certificar esta mesma primavera

A Vía Verde de Compostela impulsará unha marca de gastronomía propia

Realizaranse xornadas de cociña ao aire libre para promocionar produtos de proximidade e a economía circular