O Cinbio lanza CinVigo, o festival que converterá a cidade nun gran laboratorio científico

A iniciativa celebrarase a fin de semana do 22 e o 23 de abril no centro de Vigo para achegar a ciencia á cidadanía

Faltan 60 días para que chegue a Vigo o festival científico CinVigo, organizado polo Cinbio, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. Trátase dunha nova iniciativa coa que este centro de I+D+i, no que na actualidade traballan máis de 200 persoas, busca achegar a ciencia que día a día se fai nos seus espazos ás prazas e rúas, convertendo así o centro da cidade olívica nun auténtico laboratorio científico do que poida ser partícipe toda a cidadanía. Baixo o lema Ciencia na rúa, durante a fin de semana do 22 e o 23 de abril o centro de Vigo acollerá este evento no que o público asistente poderá coñecer de preto diferentes proxectos científicos, pero tamén participar activamente en retos, concursos ou actividades divulgativas como a xincana e os obradoiros, estes últimos especialmente deseñados para público infantil. 

“Desde o Cinbio, como centro de investigación de referencia, o noso obxectivo fundamental é multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico e formación de profesionais”, afirma Miguel Correa, director do centro e integrante do comité organizador desta cita, quen agradece o apoio prestado polo Concello de Vigo e engade que “con actividades divulgativas coma esta pretendemos espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade co fin de asegurar o futuro da investigación”.

Publicidade

O alumnado de ensino medio será o gran protagonista

O prato forte de CinVigo virá da man de estudantes de secundaria e bacharelato, verdadeiros protagonistas dunha feira científica que será a atracción principal do evento. Ata un máximo de 60 grupos de alumnas e alumnos terán a oportunidade de amosar nesta feira os seus proxectos científicos e ofrecer as súas correspondentes explicacións ás persoas que se acheguen ata os postos ao longo de toda a fin de semana. 

Os centros educativos interesados en participar poden inscribirse ata o 10 de marzo

Os 60 proxectos participantes serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal investigador do Cinbio a través dun concurso aberto a todos os centros de secundaria e bacharelato, ofrecéndose tres niveis e categorías de participación cos seus correspondentes premios: unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estancia no Cinbio. Para o alumnado de 1º e 2º da ESO lánzase a categoría Early researchers; Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. “Buscamos traballos que expliquen fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia”, explica Correa. O alumnado seleccionado, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o público na CinVigo.

Publicidade

O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o venres 10 de marzo. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2