Cambio drástico de tempo? Así afectará o quecemento súbito estratosférico a Galicia

Dende principios de marzo poderán chegar borrascas e importantes precipitacións, con masas de aire frío procedentes do interior de Europa

Os meteorólogos levan semanas coa vista fixa nun fenómeno coñecido como quecemento súbito estratosférico. Detrás cun concepto tan longo agóchase unha explicación relativamente sinxela: consiste na subida acusada e rápida das temperaturas na estratosfera. Segundo o meteorólogo Roberto Granda, pódense producir aumentos de temperatura de 50 graos ou máis en dous días nesta capa da atmosfera. Este fenómeno pode provocar alteracións no vórtice polar e se se propaga cara a troposfera, ter efectos directos sobre Europa, provocando un cambio drástico no tempo. Segundo as hipóteses de diferentes servizos de meteoroloxía, todo apunta a que nos últimos días de febreiro e comezos de marzo se produza unha alteración do tempo no continente que tamén afectará a Galicia.

O seu impacto en Europa sería unha consecuencia da división no vórtice polar estratosférico, que xa provou fenómenos extremos no pasado. Por exemplo, o inverno de 2009-2010, co paso de profundas borrascas dende decembro ata febreiro. Ou o febreiro de 2018, cuxas consecuencias se deixaron notar en marzo de 2018, sendo “o máis húmido dende que hai rexistros”, recolle Granda nun artigo publicado en eltiempo.es. Polo tanto, este quecemento súbito estratosférico pode provocar bloqueos en latitudes altas, derivando nunha circulación máis ao sur das baixas presións e a chegada de aire frío do leste de Europa. En Galicia, poderán chegar borrascas e importantes precipitacións, con masas de aire frío procedentes, tamén, do interior de Europa.

Publicidade

Un evento “histórico”

O investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) Juan Jesús González Alemán, fixo referencia a este fenómeno a través da súa canle de Twitter. Nela, expresaba que o quecemento súbito estratosférico podería provocar un bloqueo anticlónico sobre Escandinavia. Segundo sostén o meteorólogo, os modelos apuntan a unha “robusta estrutura nunca vista nos últimos 40 anos, como mínimo”. E engade que, de producirse, o seu comportamento pode ser clave para España. Tal e como recolle Granda, con efectos que van dende intensas precipitacións ata a chegada de masas de aire frío procedente do interior de Europa.

Por outra banda, o meteorólogo Francisco Martín León apoia as teses dos seus compañeiros de profesión nun artigo publicado en Meteored. Aínda que el aposta por esperar ao luns 28 para ter modelos máis precisos, tamén cre que se producirá un “bloqueo escandinavo histórico” que pode ter repercusións en España. Entre elas, a chegada de borrascas e danas con aire máis fresco do normal. O impacto deste quecemento súbito estratosférico en curso, de producirse, podería chegar nos últimos días deste mes e nos primeiros de marzo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Un proxecto con participación galega estuda novas formas de radioterapia contra os tumores cerebrais

InnovaRTBRAIN investiga tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos cancros do cerebro máis agresivos e complexos

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento