A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) amosou a súa preocupación pola situación na que se atopan os dous torques e o brazalete que se encontran actualmente na Casa de Subastas de Arte Ansorena, en Madrid. Baixo decisión plenaria, a institución remite un informe á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia en relación aos acontecementos que envolveron as pezas de Ansonera. As xoias, que o Ministerio de Cultura declarou inexportables, foran poxadas por un prezo de saída de 195.000 euros. Un comprador subiu a cifra cunha oferta que chegou aos 210.000, pero, finalmente, a venda quedou anulada.
A posición da RAGBA
Un decreto do Ministerio de Cultura que declara a inexportabilidade das pezas provocou a retirada do único licitador na poxa celebrada o pasado xoves 14 de maio en Madrid. Esta parálise administrativa, declara a Academia, abre unha xanela de oportunidade para que o conxunto de xoias de posible orixe castrexa poida ser adquirido por un novo postor, o que esixe unha actuación urxente para garantir o seu regreso a Galicia.
“Na primeira poxa, a Xunta de Galicia non actuou mediante o exercicio de tenteo, nin incoando a declaración de BIC deste ‘tesouro de Ansorena'”, sinala a academia de belas artes. A institución asegura comprender os motivos que levaron a Xunta a estas decisións, nomeadamente, as dúbidas da administración sobre a procedencia exacta das xoias. “Quizais [esta é] a razón principal que lle impediu, e parece que lle impide, unha acción institucional para adquirilas e depositalas no lugar que seguramente lle corresponde, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense”, reclama a RAGBA.
O valor oral
A Academia explica que aqueles achados que non proceden de escavacións recentes sistemáticas adoitan carecer das garantías para determinar con absoluta certeza a súa procedencia. Así e todo, alude ao peso da transmisión oral dos detalles que rodearon o descubrimento das pezas: “[A historia oral é un] método de investigación válido que adoitou e adoita dar bos resultados nas prospeccións e outro tipo de investigacións arqueolóxicas. E aí están as pescudas e propostas de profesionais da arqueoloxía, que conducen todas na mesma dirección: o castro de Beade“, determina con rotundidade a institución.
A RAGBA sinala que as historias narradas polo protagonista do achado e os seus descendentes conducen sempre ao mesmo lugar. Así mesmo, fai referencia á etiqueta dun dos viños, o ‘torques do castro‘, que leva o nome do tesouro. Estas bebidas prodúcense na contorna dende hai máis de 20 anos como homenaxe á memoria familiar, despois de que ese castro fose transformado en viñedos na posguerra, momento de poucas palabras e accións caladas que dificultaban a transmisión de achados como este tesouro.
As declaracións do comprador e a casa de poxas
A Real Academia Galega de Belas Artes inclúe as declaracións dos particulares que venderon estas pezas a Ansonera sobre a procedencia das mesmas: “Os compradores sempre dixeron que os adquiriran en Ribadavia e que foran localizados entre Carballiño e Ribadavia“. A continuación, a RAGBA engade que así o indica a propia casa de poxas a través do seguinte texto asociado ao anuncio das pezas: “Procedencia: colección particular Galicia”.
O vendedor non era coleccionista, senón un particular local que investiu en compra de ouro nos comezos da década de 1960; iso, xunto coas súas afirmacións de procedencia —mesmo a difusa “entre Ribadavia e Carballiño— son feitos dos que non dubida Ansorena na súa paxina, explica a Academia.
Na páxina da casa de poxas tamén se inclúe unha referencia a outras pezas: “Uns algo máis pequenos, tamén de Ourense, atópanse no British Museum de Londres”. A RAGB toma isto como proba da existencia dunha unha coincidencia na tradición oral sobre o descubrimentos de torques, e engade: “Consideramos como método válido de reconstrución histórica e as apreciacións sobre a procedencia que facilita a casa Ansorena. Todo apunta a que as pezas sexan de orixe galega“.
As propostas da RAGBA
A RAGBA propón á Xunta de Galicia calquera acción legal posible para adquirir este lote da poxa fallida e o posterior depósito no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dada a probable procedencia á que apuntan os datos de estudosos e o protagonista do achado. “A mesma probable procedencia facilitaría a declaración de BIC do conxunto, incluso agardando un período de exposición pública e suxestións, por se aparecese algunha documentación ata o momento descoñecida”, declara a institución.
A RAGBA tamén se ofrece á Xunta de Galicia para colaborar no estudo dos informes que se atopen en poder da administración autonómica para contribuír á mellor decisión por parte da dita administración contando coas novas informacións que poidan aparecer.














