Tes un ben cultural ao lado da casa? Este mapa interactivo de Galicia permíteche descubrilo

A aplicación desenvolvida polo divulgador Manuel Gago permite consultar máis de 75.000 pezas de patrimonio a través dun mapa interactivo e imaxes históricas

A quen non lle gusta descubrir onde se agocha o patrimonio galego, e facelo ademais nun catálogo visual e unificado? Isto xa é posible grazas á nova aplicación da organización Patrimonio Galego, creada co obxectivo de elaborar un Catálogo Social do legado cultural, que xa reúne 75.709 bens no seu repositorio. A app foi desenvolvida polo divulgador cultural Manuel Gago, e permite consultar e interpretar o territorio directamente dende a comodidade do móbil.

Pero o catálogo non se constrúe só: a ciencia cidadá tamén xoga un papel fundamental, xa que calquera persoa pode engadir bens das súas aldeas a través da web de Patrimonio Galego. A aplicación incorpora, ademais, 12.403 fichas informativas e 521.499 topónimos. A través dun mapa interactivo, é posible explorar facilmente todos os elementos rexistrados ao longo do territorio.

Publicidade

Coa recente actualización do 3 de decembro, a ferramenta dá un salto adiante: integra imaxes do voo fotogramétrico de 1956, mellora a visualización do terreo mediante sombreados, ofrece previsión meteorolóxica para cada ben nas vindeiras 24 horas, vincula as fichas da Xunta coa documentación e permite compartir facilmente as localizacións. Pero, que podemos atopar exactamente?

Máis de 40 categorías

Na aplicación do Patrimonio Galego non só atoparemos ermidas, pontes ou petróglifos. O catálogo abrangue máis de corenta categorías distintas. Un exemplo é a categoría “Camposanto”, que reúne 34 resultados. Entre eles está o Cemiterio dos Ingleses, situado no concello de Camariñas e datado do século XIX. A ficha inclúe información sobre o tipo de ben, a súa localización, a cronoloxía e unha breve descrición. Indícase, por exemplo, que neste enclave costeiro recibiron sepultura 172 das 175 persoas que viaxaban a bordo do cruceiro-torpedeiro ‘Serpent’.

Publicidade

As fichas tamén detallan aspectos como a propiedade, o uso actual ou a categoría do ben, ademais de información práctica que non aparece noutros rexistros: Ten camiño de acceso? Está cuberto de maleza? Algunha obra? Estado de conservación?

Este catálogo social reúne unha enorme diversidade de bens: cascos históricos, calvarios, cuarteis, eiras, industrias, institucións culturais e políticas, e mesmo lavadoiros. Un exemplo é a coñecida Fonte de Sobreviñas, no concello de Noia, un conxunto etnográfico formado pola fonte e un lavadoiro anexo, aínda que a súa categoría non está definida.

  • Cemiterio dos ingleses
  • fonte de sobreviñas
  • Reloxo de Sol de Tixós
  • A Farola
  • Colexio da Liga Santabellesa (Vilalba, Lugo). Foto: Patrimonio Galego

Outro caso singular é o dos reloxos de sol, que se concentran maioritariamente na provincia de Ourense. Un dos rexistrados é o Reloxo de Sol de Tixós (Baltar, Santa María de Tixós), datado do século XX: un reloxo colocado no cumio dunha vivenda privada, erguido sobre un podio en forma de cálice, cos números distribuídos en semicírculo e rematado cun pináculo. Este ben, por exemplo, non figura no inventario oficial, polo que a aplicación contribúe a reunir e facer visible un patrimonio disperso e, en moitos casos, descoñecido.


Podes consultar a aplicación de Patrimonio Galego na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano

Onde están os faros da costa galega? Consúltao neste mapa interactivo

A páxina web ‘Faros de España’ permite consultar a localización e a cor da luz das estruturas costeiras en 2.555 quilómetros de litoral

Unha aplicación calcula as dimensións reais da onda de calor: o 92% dos municipios galegos están en alerta

O programa deseñado polo investigador Dominic Royé sinala a poboación afectada, os fenómenos activos e o índice de risco estimado

Como se vivía unha eclipse no pasado? Descúbreo con este mapa interactivo

A Sociedade Española de Astronomía e o CSIC presentan un mapamundi con máis de 100 elementos de patrimonio cultural dende a Antigüidade