Martes 23 Abril 2024

En Galicia aínda marcan a hora case 3.000 reloxos de sol

Un afeccionado leva anos documentando a presenza deste invento que aínda resiste en centos de vilas miles de anos despois da súa creación

Hai polo menos catro mil anos, os humanos empezaron a medir o tempo cos reloxos de sol. Dende a astronomía babilónixa e exipcia, os profesionais da arqueoloxía chegaron a datar o máis antigo no ano 1.500 aC na zona dos Val dos Reis en Exipto. Agora en desuso, este invento usado dende tempos remotos aínda chega aos nosos días (e con gran presenza) en Galicia. Un grupo de afeccionados leva anos sostendo unha comunidade na que tratan de documentalos e elaboran unha cartografía de toda esta riqueza patrimonial. Ao peche de 2022, en Reloxos de Sol xa teñen localizados 2.810.

Infografía elaborada por @relojesdesolgal

Esta comunidade esténdese polas redes sociais e concéntrase nun sitio web interactivo onde teñen un mapa coas coordenadas exactas destes case 3.000 reloxos e que teñen unha presenza máis significativa nas zonas orientais de Galicia, onde, de feito, hai bastantes máis horas de luz de media. No país, hai un abano de horas de luz anuais que oscila entre 1.500 e 2.500.

Publicidade

“De sol a sol. Sempre funcionando. Nunca atrasan. Cada peza é unha pequena obra de arte labrada polo canteiro artesán. Pero se un día foron imprescindibles para os quefaceres diarios, hoxe pasan desapercibidos para a maioría das xentes. Se che interesan os reloxos de sol, se queres pescudar cantos se esconden na nosa xeografía, se queres saber máis deles: chegaches ao sitio adecuado. Aquí comeza un paseo polos reloxos de sol de toda Galicia“, reciben aos visitantes con voz poética e paixón evidente.

Pero estes achados patrimoniais non só están cartografados. Dende Reloxos de Sol tamén divulgan información arredor desta tecnoloxía secular. Arredor da súa historia en xeral e en Galicia en particular e sobre a súa vinculación ás construcións máis senlleiras do patrimonio galego. Non só iso, tamén fan un seguemento polo miúdo para tratar de monitorizar os 303 concellos nos que aspiran documentar a prensenza desta xoia da cantaría.

A imprescindible colaboración cidadá

Mais todo este complexo traballo de documentación non sería posible sen todas as aportacións desinteresadas de galegos e galegas repartidos por todo o país. “O noso territorio caracterízase pola súa gran dispersión. Hai infinidade de pequenas aldeas repartidas en múltiples parroquias e hai moito mapa aínda por explorar. A maioría de reloxos de sol escóndense neses pequenos núcleos rurais. Por iso calquera axuda é ben recibida. Dous pares de ollos buscan mellor que un só. Cantos máis sexamos, mellor”, reclaman dende a comunidade.

Como colaborar?

En Reloxos de Sol explican que se calquera persoa acha un erro sobre algún reloxo de sol, se ten máis información que engadir ou algunha curiosidade, pode facelo deixando un comentario na entrada correspondente. Se sabes dalgún reloxo de sol que aínda non se publicase, coñeces o lugar de localización (provincia, concello, parroquia) ou tes algunha foto interesante que queiras compartir, podes mandar un correo electrónico á seguinte dirección: reloxosdesol@gmail.com.

Como funciona un reloxo de sol

Os reloxos de sol son elementos que se serven da luz solar para medir o tempo. Constan de dous partes: o gnomón e a face. O gnomón é a parte que proxecta a sombra e fai as veces de agulla. A face é a parte onde se proxecta a sombra e lense as horas. Normalmente é plana, aínda que nalgúns tipos de reloxos pode ser cóncava e con menor frecuencia, convexa.

Para que un reloxo de sol funcione ben é imprescindible que estea correctamente orientado e fose calculado tendo en conta a latitude do lugar. Cómpre ter en conta que hai un desfasamento entre a hora solar e a hora legal. Así, haberá que sumar unha hora para o horario de inverno e dous para o verán para obter a hora oficial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural