Cuadrántidas 2023: chega a primeira chuvia de estrelas do ano

O momento de máxima actividade producirase durante a madrugada deste mércores pero a lúa complicará a súa observación

O 2023 arranca cun espectacular fenómeno astronómico. As cuadrántidas, a primeira chuvia de estrelas do ano, chegan esta noite ao seu momento de máxima actividade. Máis en concreto, o seu punto álxido producirase nas primeiras horas deste mércores 4 de xaneiro. Con todo, non será un bo ano para a observación desta choiva de meteoros. Segundo explican dende o Observatorio Astronómico Nacional, a lúa complicará a visibilidade, posto que chegará ao plenilunio o 7 de xaneiro, tan só tres días antes do momento de máxima actividade das cuadrántidas. En Galicia, o tempo tampouco favorecerá a súa observación porque se esperan ceos anubrados en todo o país.

En realidade, esta chuvia de estrelas é visible dende o 28 de decembro ata o 12 de xaneiro, polo que esta madrugada non se esgotan todas as posibilidades de ver estrelas fugaces. Sobre todo porque as cuadrántidas teñen unha alta taxa de actividade, que pode superar os 120 meteoros por hora a unha velocidade de 41 quilómetros por segundo. “Isto convérteas nunha das chuvias de estrelas máis activas do ano xunto ás perseidas de agosto e as xemínidas de decembro”, trasladan dende o Observatorio Astronómico Nacional. Pese a isto, as coñecidas como ‘bágoas de San Lourenzo’ teñen máis sona porque se producen en verán, unha estación máis propicia para a observación deste tipo de fenómenos. Ademais, as cuadrántidas non se ven tan a miúdo como as perseidas porque o seu momento de máxima actividade dura tan só unhas horas.

Publicidade

Por que se producen?

A orixe das cuadrántidas segue sendo incerta e a hipótese que adquire máis forza é a que defende que proceden do asteroide 2003 EH1. Segundo explican dende o Observatorio Astronómico Nacional, este corpo celeste foi descuberto en 2003 e pénsase que pode estar relacionado co cometa extinto C\1490 Y1, que xa fora observado por astronómos chineses, xaponeses e coreanos hai 500 anos. “Como todos os anos por estas datas, a Terra atravesa un anel poboado cos fragmentos desprendidos supostamente polo asteroide”, explican dende o organismo astronómico. Así é que cando estes anacos entran en contacto coa atmosfera terrestre calcínanse pola fricción co aire. É aí cando se xera o brillo que atravesa o ceo e coñecemos como ‘estrela fugaz’.

O ‘radiante’ das cuadrántidas. Crédito: Observatorio Astronómico Nacional

“A chuvia de meteoros parece ter un único centro de orixe, un punto do que parecen xurdir todas as estrelas fugaces. Ese punto denomínase ‘radiante’ e a súa localización adóitase utilizar para nomear a chuvia de estrelas”, apuntan dende o observatorio estatal. Segundo continúan explicando, o punto do que semellan nacer todas as cuadránticas está ao norte da constelación de Bootes, preto da cola da Osa Maior. O nome desta chuvia de estrelas provén da constelación Quadrans Muralis, nomeada polo astrónomo francés Jerome Lalande en 1795 pero que actualmente xa non está recoñecida pola Unión Astronómica Internacional.

Publicidade

Finalmente, para aqueles que queiran intentar observar as cuadrántidas, malia as malas condicións meteorolóxicas e o brillo da lúa, nunca está de máis seguir o consello dos profesionais. A mellor opción é buscar un lugar dende o que se poida observar o ceo escuro, sen contaminación lumínica. Ese espazo debe estar libre de obstáculos á vista, como edificios ou árbores e o mellor sería non utilizar instrumentos ópticos que limiten o campo de visión. Dende o observatorio explican que as cuadrántidas se poden ver en calquera parte do ceo e que convén dirixir a vista ás zonas máis escuras, coa dirección oposta á posición da lúa. E, por suposto, non esquecerse do abrigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Guía para observar dende Galicia a choiva de estrelas das Eta Acuáridas

O fenómeno acadará o seu punto álxido o 5 de maio, pero a luminosidade do satélite terrestre e as condicións meteorolóxicas poden dificultar a súa contemplación

A UVigo na Artemis II: “Cando apareceu a misión no noso espectro foi unha celebración incrible”

O equipo de atlanTTic xerou dez terabytes de información en dez días de seguimento da cápsula Orión polo espazo profundo

A NASA revela as primeiras imaxes dende a cara oculta da Lúa

A tripulación da misión Artemis II captura fenómenos únicos como a 'posta da Terra', unha eclipse solar e detalles inéditos da superficie lunar

A tripulación de Artemis II pon rumbo á casa tras establecer o récord histórico de distancia coa Terra

A nave Orión atravesa a cara oculta da Lúa e establece unha nova referencia de afastamento de 406.733 quiómetros, superando en 6.000 a Apolo 13