O Camiño de Santiago non foi só un espazo para compartir historias e música, senón tamén para intercambiar coñecemento medicinal e farmacéutico. Antonio González Bueno, catedrático de Historia da Farmacia da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e, dende o 17 de novembro, Académico Correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG), leva máis de 30 anos investigando arredor da historia da sanidade na peregrinación cara a Santiago de Compostela. Tras poñer en orde décadas de investigación, este é o tema central do seu discurso de ingreso á institución galega.
A investigación de González Bueno abrangue ata o século XVIII, pero o concepto de enfermidade non aparece ata o XIX, polo que aclara que non existen paralelismos coa medicina actual. “Hai moito relato de peregrino e ten anécdotas divertidas; por iso decidín centrar o meu discurso nesta temática”, apunta o experto.
Os hospitais: moito máis dun lugar onde durmir
“O que máis me sorprendeu foi o concepto de hospitalidade“, sinala o novo Académico Correspondente da RAFG. Explica que “un hospital para peregrinos ten moito de asistencia espiritual e menos do que nós chamamos hospital”. Determinadas agrupacións profesionais levaban a hospitalidade como sinal de identidade e de acción social.
No contexto histórico investigado por Antonio González Bueno os hospitais e establecementos asistenciais situados ao longo das rutas xacobeas eran máis pequenos que noutros territorios europeos e peninsulares. Tiñan camas dobres, xa que rememoraban ao número 12 dos apóstolos, tal e como sinala o experto. Neles ofrecíase refuxio, comida, descanso e atención aos enfermos e, co tempo, incorporaron profesionais, remedios e recursos farmacéuticos.
A organización dalgúns centros alcanzou unha notable complexidade, como é o caso do Hospital do Rei de Burgos. En 1540 dispoñía de 116 camas distribuídas en diferentes espazos: aloxamentos para homes e mulleres, salas de enfermaría, dependencias de cirurxía e camas destinadas a convalecentes. Esta organización reflicte unha asistencia diferenciada segundo as necesidades das persoas acollidas.
Dieta, pedras e plantas medicinais
Un dos datos máis rechamantes extraídos da documentación por parte de Antonio González Bueno é a dieta dos peregrinos: “Aos enfermos dábanlles unha comida máis rica en calorías que a que recibían os sans”. Esta é unha práctica que abraia na actualidade, sobre todo porque, nestes casos, adoitan alimentarse cunha dieta branda pero, no contexto particular da peregrinación, viñan “cansados e con fame”. Por iso, estes hospitais estaban moi próximos ao que hoxe se coñece como albergue.
Entre os medicamentos e os remedios, un dos máis particulares eran as pedras sagradas, unha actividade terapéutica que se intercambiaba no Camiño entre peregrinos de diferentes partes do mundo; entre elas, destacan as coñecidas como Pedras de Xerusalén e, cunha misión semellante, tamén se compartían as cunchas xacobeas. Ademais, destaca o uso de plantas que non eran ben coñecidas no territorio peninsular, como as ortigas para a dor de cabeza e outras especies para remediar as doenzas de pés.
Ao longo do Camiño de Santiago tamén se notifican vinculacións entre ciencia e relixión: “Fálase da capacidade dalgúns santos, os santos peregrinos, para sanar determinados males e enfermidades”. Todas estas aprendizaxes, segundo o catedrático, vanse trasladando duns peregrinos a outros de moi diversa orixe, polo que a cultura popular vai “enriquecendo ideas, produtos e formas de entender a saúde”, o que achega novos saberes científicos.
Intercambio de coñecementos sanitarios
Máis aló da organización hospitalaria, González Bueno pon ao Camiño de Santiago como un espazo de circulación de coñecementos: “Había intercambio de coñecementos en todos os sentidos“. Os peregrinos non só transportaban consigo as súas crenzas e experiencias, senón que tamén entraban en contacto con outras formas de alimentación, remedios, tradicións terapéuticas e coñecementos sobre propiedades medicinais da natureza. Os relatos de viaxeiro como Domenico Laffi ou Guillaume Manier amosan, por exemplo, como algúns peregrinos debían recurrir aos recursos da contorna cando non atopaban axuda ou alimento. A recolección de froitos, cogomelos ou legumes podía converterse nunha forma de subsistencia durante o traxecto, pero tamén revela a importancia dos recursos naturais.
Con todo, hai algo máis: “Non teño unha demostración documental, pero non me cabe dúbida de que algunhas novas teorías científicas chegaron grazas ao Camiño”. Antonio González Bueno explica que, cando os monxes introducían nos seus textos novidades como os platos químicos, estas debían sabelas polo contacto cos peregrinos, porque non sacan do convento.
Médicos, boticarios e remedios: a farmacia no Camiño
A atención sanitaria aos peregrinos foi incorporando progresivamente profesionais e recursos especializados. Dende o século XV extendeuse a presenza de médicos nalgúns hospitais, aínda que a súa asistencia non sempre estaba garantizada e dependía das posibilidades económicas e organizativas de cada institución. Xunto a eles, os boticarios desempeñaron un papel fundamental na preparación e subministración de remedios para tratar as enfermidades e doenzas de quen percorría o Camiño.
As farmacias constituían unha peza fundamental daquela asistencia. Nelas elaborábanse e dispensábanse preparados medicinais a partir de plantas, substancias animais e minerais, seguindo os coñecementos farmacolóxicos da época. Os remedios dispoñibles, a súa preparación e uso permiten achegarse a unha historia da farmacia vinculada directamente ás necesidades dos peregrinos.
No seu discurso, Antonio González Bueno tamén fixo fincapé nos médicos-viaxeiros que percorrían Europa e os coñecementos que circulaban polas rutas. Entre as personaxes citadas figuran Hyeronimus Münzer e Andrew Boorde, cuxas testemuñas axudan a reconstruír as prácticas sanitarias da época.
O Camiño como laboratorio
“O Camiño é un laboratorio particular”, sinala o novo Académico Correspondetne da RAFG, xa que nel combinan moitas persoas, ideas e novas mentalidades, ademais de formas de pensar e linguas. Isto permitiu que os estranxeiros que pasaban polo Camiño ensinaron todo o que a xente puido ter aprendido de saír fóra das fronteiras.













