Pioneiras da bata branca: a historia das primeiras farmacéuticas de Galicia

O catedrático en Historia da Farmacia Antonio González Bueno reconstrúe o percorrido académico, profesional e persoal daquelas que obtiveron o grao en Galicia antes da Guerra Civil

Mozos e mozas de finais do século XIX chegaban á Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Levaban nas mans libros e cadernos, mais tamén o desexo de coñecer. O 25 de setembro celébrase o Día Mundial do Farmacéutico, unha profesión que hai dous séculos estaba liderada fundamentalmente por homes. Con todo, segundo a Estatística de Colexiados e Farmacias Comunitarias de 2023, dos máis de 5.500 colexiados farmacéuticos galegos, 4.087 eran mulleres e 1.432, homes. Dende mediados do XIX, intuíase unha pequena fisura na norma estatal, que lles permitía ás mulleres achegarse aos estudos superiores. Porén, esa tolerancia estaba chea de condicións: a súa formación non era equivalente á dos homes, pois carecían dunha ensinanza básica equiparable, e esa desigualdade inicial arrastrábase despois.

Con motivo desta efeméride, a Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) organiza un acto de homenaxe ás primeiras mulleres farmacéuticas galegas. O catedrático de Historia da Farmacia da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e académico numerario da Real Academia Nacional de Farmacia (RANF), Antonio González Bueno, será o encargado do relatorio Farmacéuticas gallegas antes de la Guerra Civil: formación y proyección profesional, no que narrará a biografía colectiva de 90 mulleres licenciadas en Galicia antes de 1939.

Publicidade

A través das orlas, dos libros de actas e da prensa reconstrúe as súas vidas: formación, traxectoria profesional, vida persoal e participación social. Detrás de cada nome hai esforzo e renuncias, e tamén pegadas dunha época na que o saber universitario só se abría a medias para as mulleres. O estudo compleméntase con traballos académicos previos, dentro dunha disciplina con visión de xénero que leva décadas afondando nestas cuestións.

“Na universidade permitíase o acceso baixo condicións moi restritivas“, lembra González Bueno. A figura do catedrático erguíase como un muro adicional, controlando e marcando diferenzas no trato e na aula. “Aínda obtendo o grao, non sempre se lles permitiu exercer”, engade. En definitiva, o camiño destas mulleres foi costa arriba, inzado de barreiras, mais tamén de valentía.

Publicidade

Unha vida enfocada a aprender

Segundo Antonio González, as mulleres que cruzaban as portas da facultade perseguían dúas metas: por unha banda, afondar no coñecemento dunha disciplina que lles apaixonaba, a Farmacia; por outra, converter ese estudo na súa profesión. En moitos casos, esa vocación nacía en contornas rurais, onde a educación universitaria non era o habitual. “Elas aplicábanse e conseguían o acceso á carreira universitaria, que xa é bastante”, afirma o catedrático da UCM.

A idea de que poucas chegaron a exercer é errónea. As noventa 90 estudadas desenvolveron carreiras diversas: “A maioría delas tiveron oficinas de farmacia no medio rural, aínda que tamén houbo xornalistas e directoras de laboratorios farmacéuticos“, indica González Bueno. Outras dedicáronse á docencia e non faltaron as que traballaron na fabricación de medicamentos e na súa comercialización por toda España. “Hainas que traballaron para a administración ou para a súa propia oficina de farmacia”, engade, comparándoas cos actuais profesionais autónomos.

Nalgúns casos, a traxectoria profesional e a profesional entrelazáronse: compañeiros de estudos remataron por compartir tamén a vida, casando. “Aínda que os dous exerceran, o establecemento quedaba a nome do marido“, explica Antonio González. Así, a figura da muller quedaba en segundo plano, agochado tras a firma masculina. Mais, tras a Guerra Civil, moitas mulleres atoparon unha nova visibilidade: a viuvez converteunas en directoras técnicas das farmacias que ata entón rexentaran en parella.

Ao mirar con perspectiva as súas biografías, obsérvase que, en realidade, non se afastaban demasiado das tendencias da súa época: “Non hai diferenzas co resto das mulleres do seu momento social”. Casaron en boa medida, tiveron arredor de tres fillos de media, e tiñan un rango de endogamia baixo. Foron mulleres comúns que abriron vieiros nun mundo que apenas lles facía sitio.

Orla da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela do curso 1933/1934
Orla da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela do curso 1933/1934. Foto: Antonio González Bueno

As farmacéuticas da Guerra Civil

Co estalido da Guerra Civil en 1936, a vida das farmacéuticas de Galicia viuse bruscamente interrompida, igual que a de toda a sociedade española. “Houbo unha porcentaxe que tivo que emigrar pola súa actividade política”, explica Antonio González, lembrando que moitas delas e os seus maridos estaban vinculados a partidos galeguistas ou de esquerdas. O destino principal foi México, terra de acollida para tantos exiliados. Mais non todas tomaron o mesmo rumbo: tamén houbo quen traballou a favor dos sublevados, participando en recadacións, integrándose en grupos de acción católica ou na Sección Feminina.

Algúns nomes destas mulleres figuran entre as viúvas condecoradas por feridas de guerra, cando os seus maridos caían na fronte. Outras, pola contra, sufriron a humillación pública: en vilas pequenas, cortábaselles o cabelo na praza por simpatías consideradas “subversivas”. Tamén Galicia se converteu en refuxio para un exilio interior: “Algunhas mulleres, fundamentalmente andaluzas, vense perseguidas pola súa ideoloxía política”, relata o académico da RANF, e atopan no norte a posibilidade de empezar de novo abrindo unha farmacia, lonxe da súa terra natal.

Neste escenario caldeado, as boticas adquiriron un papel máis aló do profesional. Convertéronse en centros sociais do territorio, especialmente no medio rural, aínda que tamén nalgún contexto urbano, como en Santiago de Compostela.

Quen era Manuela Barreiro Pico?

Entre as 90 mulleres estudadas, destaca o caso de Manuela Barreiro Pico. Nacida en Viveiro (Lugo), matriculouse en 1896 na Facultade de Farmacia da USC e, cinco anos máis tarde, en 1901, recibiu o título que lle abría as portas da súa profesión. En 1902 inaugurou a súa oficina de farmacia en Ribadeo, á fronte da cal estivo ata a súa xubilación. “O peculiar foi que unha muller estivese á fronte dese establecemento”, subliña Antonio González.

retrato de Manuela Barreiro Pico
Manuela Barreiro Pico (1877-1953). Colección María Teresa Barreiro (Madrid)

O camiño de Manuela non estivo exento de dificultades. A normativa da época xa permitía que as mulleres licenciadas acudisen ás aulas sen necesidade de autorización, mais no seu caso foi distinto: o seu pai tivo que solicitar permiso ao reitor para que ela puidese asistir ás clases, e este, á súa vez, pedirllo a cada catedrático para autorizar os exames. Rematados os estudos, houbo que volver á burocracia: só cun permiso do Ministerio lle foi posible exercer. Apenas dez mulleres en toda a península viviron esa situación. “Manuela Barreiro é un caso singular, como a primeira que tivo estas limitacións”, explica González Bueno.

E, con todo, detrás desta historia de excepción atopamos unha vida aparentemente común. Barreiro Pico foi, en palabras do catedrático, unha “muller normal”: rexentou a súa farmacia no rural, sen maior problema. Permaneceu solteira, sempre preto da súa irmá, mais “viviu unha vida independente”, allea a subordinacións familiares. Figuras como a dela demostraron que unha muller podía traballar nas mesmas condicións ca un home, sen que as limitacións impostas pola sociedade supuxesen un impedimento real para o seu talento.

Unha crítica á muller farmacéutica

“A crítica que se fixo desta muller estendeuse por toda España”, lembra Antonio González Bueno. Os xornais da época, espellos dun tempo cheo de prexuízos, cuestionaban o papel da muller á fronte dunha farmacia, como se a súa presenza supuxexe arrebatar un posto laboral a un home. Para eles, o destino feminino debía seguir sendo o fogar: a casa e o coidado da familia.

Nun deses xornais profesionais chegouse a escribir: “Perden o tempo, os cartos e algo máis que sempre constituíu a auréola das damas das familias que teñen o mal gusto de destinar as súas fillas ao manexo do bisturí ou aos traballos do laboratorio. A figura da muller ten outro cadro e debe respirar outro ambiente”. Palabras que, máis que informar, confinaban a muller nun perfil doméstico afastado da ciencia.

Extracto do xornal profesional 'Farmacia Moderna', publicado o 5 de febreiro de 1897.
Extracto do xornal profesional ‘Farmacia Moderna’, publicado o 5 de febreiro de 1897.

Mais a súa presenza nas boticas abriu tamén un camiño novo. “Ás mulleres permitíuselles consultar os seus problemas persoais con outras mulleres”, explica González. Nun tempo no que o pudor impedía falar abertamente con homes, incluso se eran farmacéuticos, a figura dunha profesional detrás do mostrador convertíase en confianza. Aquel trato de igual a igual facía posible compartir intimidades sen medo, e iso, dende o punto de vista sanitario, foi moi positivo.

Unha lembranza para as novas xeracións

Aínda que estaban “tan formadas como os varóns e superaban as mesmas trabas”, a sociedade da época resistíase a aceptar que ocupasen cargos reservados aos homes. A entrada das primeiras mulleres nas facultades e a súa presenza á fronte das oficinas de farmacia levantaron receos: “Pensouse que aquelo ía ser unha hecatombe”, admite Antonio González. O prexuízo era tal que algúns temían que os estudantes non puidesen concentrarse, distraídos pola simple presenza das súas compañeiras de aula.

Mais o tempo, coma sempre, encargouse de desmentir os medos. Cada unha desas farmacéuticas que viviron anos convulsos demostrou que a normalidade non precisaba de discursos grandilocuentes. Limitáronse a ocupar o lugar que lles correspondía: “Traballaron como os demais, mantiveron relacións de amizade e intimidade dun xeito tan normal como o sería fora da universidade”, sinala González Bueno.

As 90 mulleres estudadas polo investigador amosan que o esforzo e a perseveranza son axentes de cambio. Fixérono nun terreo tan decisivo como o da igualdade, converténdose nun exemplo para as novas xeracións de farmacéuticas, mais tamén para a sociedade no seu conxunto. Dende un pasado que chamaba “normalidade” á desigualdade, o seu legado ergue a voz con claridade: “As supostas limitacións atribuídas á muller nunca existiron”, conclúe Antonio González Bueno.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense